|
Actualidade / Opinión Silvia Bermúdez Pérez-
Pronto chegou, a súa codicia ilimitada, ao poder político. Gastaba cartos a esgalla para ter a bendición da plebe. Cando no ano 71 a.C., sendo pretor, “plantou”, ao longo de centocincuenta kilómetros da Vía Apia, ringleiras de crucificados como mostra da súa “victoria” sobre Espartaco, Craso celebrouno dando de comer a toda Roma durante varios días. Valedor do prometedor Julio César, o noso protagonista era unha das personalidades que controlaban o aparato estatal do imperio, xunto a César e Pompeio, no 1º Triunvirato. A súa ambición insaciábel levouno a un tráxico final. Na procura de completar a súa gloria militar enfrentouse aos partos na batalla de Carres, onde foi derrotado nunha xenial emboscada, no 53 a.C. Segundo a lenda, cando os partos souberon que deran morte ao romano máis opulento da época, encheron a súa gorxa de ouro fundido para calmar, alén da eternidade, a súa insaciábel sede de riqueza. Como aos corpos do xardín de Pompeia, o tempo conservou tamén intacta a figura de Craso. Hoxendía non é difícil atoparse con Marco Licinio Craso en forma de líder político do “eixo do ben”, de triunfante empresario filántropo, de presidente dun clube de fútbol, de alto cargo dun goberno “amigo”, de broker da bolsa, de construtor en Marbella, de xeneral, de cacique galego (na súa versión máis cutre), de presidente do Banco Central… Dirixen o mundo, sentados en cómodos asentos de coiro, desde os seus rañaceos ou mansións amuralladas, sen poñer os pes na terra, afastados da realidade, de nós, a plebe de Roma. Coma se dunha macabra partida de risk se tratase, moven as súas asasinas fichas polo mundo. Todo vale. Non importa emprender unha guerra de tanques contra pedras, de mísiles contra kalasnicofs, de bombas de racimo contra civís. Podes invadir e masacrar a quen nada fixo “en defensa da democracia” porque son “terroristas” ou sospeitosos de ter armas de destrución masiva. Aínda que asasiñes a unha familia na súa cea, aínda que asasiñes a uns nenos e nenas que xogaban na rúa, a gloria do poder vale máis que iso. Son os triunfadores da nosa era, rodeados do seu séquito de lamecús, se pasean trinfantes polo seu mundo. Non importa que contaminen os nosos ríos, o noso mar, que talen o amazonas, que castren a infancia de miles de nenas e nenos, que derritan á Antártida… A gloria do poder vale máis que iso. A desigualdade mundial aumenta, así como o carácter represivo dos estados e a colonización cultural. Os datos que deseguido expoño demostran dita afirmación. Un etíope medio é hoxe 35 veces máis pobre que un europeo ou estadounidense medio, mentres que no 1950 esta diferenza era de 16 veces(1). A diferenza entre o 20% máis rico e o máis pobre era no 1820 de 3 a 1; no 1913 de 11 a 1; no 1990 xa é de 60 a 1; e no 1997 de 74 a 1(2). Se collemos as 500 multinacionais máis grandes veremos como o 79% son estadounidenses ou da Europa occidental(3). O 20% dos estados máis ricos comen o 45% da carne e do peixe, mais se collemos o 20% dos estados máis pobres apenas consumen o 5%(4). Mentres, pan e circo para a plebe. O neoliberalismo converteu a falta de escrúpulos de Craso nunha sagrada regla de mercado; todo é mercadoría. Quen máis lucro obtén é un bo competidor, o rei do “libre” mercado. Un prototipo a imitar. No século XXI representan a Craso ese centenar de persoas que teñen tanto como o total dos ingresos da metade máis pobre do planeta, individuos amorais que son estudiados nas universidades como homes brillantes e con talento, grandes emprendedores que souberon gañar nun mercado competitivo. Vai sendo hora de que igual que os partos fixeron co seu Craso, calmemos nos as ansias de gloria e poder dos crasos de hoxe, enchendo as súas gorxas sedientas de ouro fundido. Porén, iso sería un atentado, unha barbarie, ou non? Neste punto da historia so podo facer miñas as verbas pronunciadas polo xefe indio Seattle ao presidente dos EEUU en 1854, “isto debe ser porque son un[ha] salvaxe que non comprende nada”. |
||||
|
||||
|
|
||||
|
Notas: (1) Datos ofrecidos pola ONU. (2) A base económica do poder imperial, James Petras, 26/08/2004. (3) Financial Times, 28/01/1999. (4) A encrucillada da desigualdade, informe da ONU. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/08/2006 |
||||
|