|
Actualidade / Artigo Fermín Paz Lamigueiro-
A valoración que vén a continuación, é produto dunha elaboración persoal e de varias discusións, entre elas, algunhas con membros da dirección da Central de Traballadores Arxentinos na que optei por profundizar un pouco na análise político-sindical coa intención de facela chegar ao colectivo ou cando menos a quen lle interesen estes asuntos. As tres perspectivas teñen o obxectivo de examinar algunhas cuestións relevantes da acción político-sindical, para intentar comprender o que sucede nunha organización viva, con procesos dialécticos internos, como a CTA.
Sen dúbida a CTA é algo máis que unha central sindical sen deixar de selo. Con esta afirmación quero destacar que, ademais do pluralismo sindical e político das diversas correntes que coexisten no seu seo, outras de espectro máis na esfera do que entendemos por social (cooperativas de vivenda, ensino, alimentación infantil, etc...) e que están favorecendo o crecemento, á vez que seguramente axudan a decantar o proceso interno na busca dunha alternativa máis alá do sindical, entendido moitas veces equivocadamente por gremial ou corporativo. Ademais diso, engaden outras posibilidades de actuación e tamén contradicións que, se cadra, agora son secundarias pero que se deberían valorar porque non é descartábel que en momentos decisivos para a CTA, o sseu comportamento con seguridade non será do mesmo xeito que as demais, as que se poden autodenominar como “puramente sindicais”. Esta suma de actores sindicais e sociais teñen moito en común (a CTA como ferramenta de loita) pero está por ver, e eu atrévome a deducir das miñas observacións e análises que o proxecto de construción de algo novo non é un desexo compartido, aínda que non puiden apreciar a correlación de forzas. Seguramente se tivese participado nos debates anteriores á celebración do Congreso tería máis elementos para chegar a conclusións máis definitivas pero, en calquera caso, aceptando que a central sindical medra (neste momento 1.200.000 afiliados/as) -porque ninguén pode discutilo- faltaría definir o sentido en que o fai, e convén clarificalo porque o presenciado en Mar do Prata quizais sexa unha síntese posíbel en aras á unidade, ou ben á posibilidade única de avanzar entre todos ou os de máis influencia na CTA. Os debates sobre a autonomía da CTA e a reforma de estatutos mostraron algunhas arestas dos problemas que están en debate pero non todas, e é máis, as resolucións dadas mostran a síntese do acordo neste momento preciso. E non é pouco sabendo que todo o proceso seguido pola CTA é dunha dificultade tremenda nun país con cultura de central única na que acumulación de erros e prácticas sindicais non se superan pola mera invocación a outros valores e a outros comportamentos na fábrica e na sociedade. Unha interpretación dialéctica de procesos de semellante natureza lévame a pensar que a opción tomada foi a de que seguir avanzando porque calquera outra alternativa máis clarificadora tiña máis inconvenientes que vantaxes. En definitiva, a maioría decide que no proceso actual, sumar é definitivo cando menos ata que a CTA sexa recoñecida oficialmente polo goberno e poida situarse no mesmo plano de tratamento legal e institucional que a CGT (a vella e podrecida central sindical arxentina); logo xa se poderán dirimir asuntos dificultosos que poderían crear disfuncións e problemas para a coexistencia na CTA.
Neste punto convén dicir que xa no anterior Congreso chegou a esta conclusión pero a chegada de Kirchner supuxo algo diferente para o país e para a CTA. Só desde esta constatación é posible clarificar porqué o proceso de construción de algo novo no político, social e cultural, ademais de madurar ten que seguir un ritmo ou outro. No primeiro caso, o crecemento da economía ou a súa postura sobre os dereitos humanos son elementos a ter en conta para explicar a popularidade do Presidente; no segundo non é menos certo que a central sindical constata e di que a pobreza segue instalada con forza nas clases populares arxentinas. A corrupción segue sendo unha materia pendente de aprobar polo goberno e a renacionalización dos sectores estratéxicos, antes privatizados, suporía recobrar a soberanía nacional alí onde se perdeu. A maioría do pobo arxentino sabe que solucionar estes asuntos é defender a democracia de verdade e maioritariamente deben supor a columna vertebral dun programa de cambio. Estamos xa que logo ante a segunda vez que o Congreso da CTA define este asunto aínda que sexa agora con mais intensidade. No primeiro caso sen Kirchner e agora con el. Se isto é así, a explicación da reafirmación na definición do obxectivo pasa por aceptar que o ritmo da CTA esta afectado polo Kirchnerismo e a partir de aí ver as evolucións posíbeis do asunto. Particularmente estou convencido que este congreso non vai pasar á historia da CTA porque aínda que non se freou a marcha da mobilización social tampouco non se despexou o horizonte do novo proxecto. Calquera momento vai ter complexidades e as reticencias a calquera nova construción política seguirán por parte de quen militen ou apoien ás formacións políticas existentes e ao goberno. A ecuación a resolver está suscitada e a CTA mantén incógnitas. Cales? A primeira, a representación da CTA no posto da Secretaría Xeral. A segunda a correlación de forzas na Mesa Nacional e a terceira o papel da Central Sindical no novo movemento político, social e cultural. Resoltas estas tres incógnitas, o seguinte paso será definir a orientación política e organizativa do novo, que segundo o aprendido no 7º Congreso, pero non só nas sesións, ten que superar o discurso de “cambio” cun programa de fondo para a transformación social, dirixido ao cambio real do modelo neoliberal que só produce novas formas de acumulación de poder, pero dentro dun modelo capitalista. Dito o anterior, quero reforzar a formulación do seguinte xeito: se hai continuidade na Secretaría Xeral e tamén na correlación de forzas da Mesa Nacional, o significado non será outro que o KIRCHNERISMO impón o ritmo na CTA, ralentizando de feito, por non dicir paralizando, a aparición da nova alternativa política. Aproveito a ocasión para manifestar a miña opinión sobre a nova alternativa política no referente ao seu deseño e composición, que ao meu xuízo ten que ter base obreira e popular, con claros contidos de esquerda. Polo que non pode descoñecer a quen actúan nestes campos e con esta orientación. Polo tanto, conviría delimitar posicións con respecto ás diferentes opcións políticas arxentinas na actualidade.
O Congreso da CTA foi importante no plano internacional, non só pola presenza das representacións das tres Internacionais Sindicais, FSM, CIOSL e de CMT senón polo conxunto das representacións que acudiron á cita. A conxuntura actual de unificación parcial na escena do sindicalismo internacional, con toda seguridade incrementa a potencialidade relativa da CTA na dimensión externa; primeiro, pola súa non afiliación; segundo, por estar presente no comité de enlace (observadores do proceso de unificación), e terceiro, porque a CIOSL e a CMT interésalle que a unificación sexa máis que sumar as internacionais xa que con iso amplían a base de adheridos máis alá das súas fronteiras anteriores e permite presentar un balance moito máis positivo. Non dubido tampouco de que a situación actual aporte beneficios á CTA no plano de las “axudas”-coñezo algo a escena internacional-. Non é obxecto do presente traballo analizar o que supón un novo hexemonismo sindical para a loita dos pobos contra o imperialismo e para a nosa clase contra o neoliberalismo, por moito que agora todo quede tapado polo manto da unidade sindical. A experiencia permíteme afirmar que o “novo” pode volver ser o “vello” e que os nominalismos e ser máis non poden cegarnos. O problema seguirá resolvéndose na práctica, é dicir, se se vai facer fronte ás políticas económicas e sociais do capitalismo, aos organismos de destrución nacional como o FMI, BM, etc. En calquera caso, débense analizar os condicionantes que crea a alineación porque a decisión non será neutra tanto no plano internacional para loitar contra as causas da pobreza e a explotación como no plano interno para desenvolver o proxecto sindical e político. Pero o interesante, mais alá do que supón sumarse á nova internacional, é analizar se a decisión aporta potencialidades ou corsés para o futuro da CTA. Non se pode descoñecer na análise que fagamos cal vai ser a conduta da CGT e do goberno Kirchner. É posíble contruír a unidade da clase obreira arxentina e sobre qué proxecto? Que din a isto a CIOSL e a CMT. Esperar a personería xurídica (recoñecemento legal), é posíbel, antes de tomar unha decisión? , é unha esixencia afiliarse para conseguila?; que posición teñen os sectores kirchneristas da CTA sobre a materia?; é posíbel diferenciar a súa posición neste asunto coa que manteñen coa nova alternativa política? Moito me temo que todo iso é un conxunto do que non podemos desagregar ningunha destas variábeis cando teñan que tomar unha decisión. En conclusión, coido que os tres apartados conforman un todo, están entrecruzados e deben suscitarse ao debate como un todo porque senón pode haber un risco certo de confundir e confundírmonos; ser alternativa ao vello (sindical, político...) supón que hai que enfrontarse a todo o que o representa (o vello), na base do local e o internacional, senón é tarefa inútil. Como consecuencia do anterior, non aprazar o debate destes asuntos é un deber e unha necesidade. Os tacticismos normalmente pasan factura. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/06/2006 |
||||
|