Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Santiago, 16 de febreiro de 2006

Entrevista a Luís Burgos, representante da CIG no Consello Económico e Social do Estado español
A Bolkestein permite a competencia exarcebada baseada na precariedade e a sobreexplotación da man de obra

 

Paula Castro-

comunicacion@galizacig.net


  Luís Burgos, clic para aumentar
Luís Burgos: “Os efectos sobre a clase traballadora non serían outros que precariedade, salarios miserentos, fraudes á seguridade social, potenciación do falso autónomo. Tamén, perda de calidade dos servizos e unha progresiva presión ante as autoridades públicas para que privaticen (aforrando parte dos seus orzamentos) aqueles servizos públicos que aínda xestionan directamente, en prexuízo da cidadanía e especialmente da clase traballadora, como asalariados e como usuarios dos servizos”. (Foto: ©galizacig.com 15/02/2006).
 
O Departamento Técnico da CIG, dirixido polo secretario confederal de Servizos e Afiliación, Fermín Paz Lamigueiro, realizou unha análise pormenorizada sobre o alcance da Directiva de Servizos, coñecida como Bolkestein, nas relacións laborais, nas condicións de traballo e nos propios servizos públicos. Luís Burgos, autor do traballo, explica como se xestou esta directiva e o que implicará para a clase traballadora. Burgos é licenciado en dereito e membro do Gabinete Técnico. Ademais, representa á CIG no Consello Económico e Social no Estado español, na Comisión Consultiva de Convenios Colectivos e no Comité de Seguimento do Fondo Social Europeo.


Paula Castro:
A Directiva Bolkestein provocou unha certa convulsión, sobre todo a nivel sindical e social en diversos países europeos e mesmo o voto en contra do Tratado de Constitución europea en Francia. Como foi o seu proceso de xestación?

Luís Burgos: A Directiva foi promovida no ano 2003 polo comisario holandés Bolkestein. Recibe o apoio maioritario da Comisión, e daquela o comisario Pedro Solbes, hoxe vicepresidente do Goberno PSOE, xa vota a favor da proposta, publicándose en xaneiro de 2004. Dende un principio os sindicatos belgas e alemáns mobilizáronse contra esta proposta, e a Directiva Bolkestein estivo sempre como fondo argumental e mobilizador dos sectores e movementos socio-políticos que en toda a Unión Europea participaron na campaña polo NON á chamada Constitución europea. Hoxe, tamén os que apoiaron ese proceso constitucional cun SI crítico están en contra desa Directiva tan radical, mesmo dende un punto de vista neoliberal. Previamente, o Parlamento europeo e o Comité Económico e Social rexeitaran a proposta. Foi a Presidencia británica a que volveu retomar a Directiva para aplicar, pola porta de atrás, despois do rexeitamento da Constitución en estados como Francia e Holanda, a política neoliberal respecto do mercado interior e concretamente do mercado de servizos, que constitúe un 70% do PIB da UE. Pero gobernos de países como Francia, Finlandia, Alemaña, etc, temen polas consecuencias negativas que se poidan producir coa aplicación da chamada Directiva Bolkestein e están a solicitar máis tempo para avaliar eses efectos. Por iso, o Consello europeo de novembro de 2005 decide constituír un grupo de traballo sobre este asunto e por iso tamén, para algúns gobernos, sería un alivio que o Parlamento europeo rexeitase o día 14 a aprobación desta Directiva.

Paula Castro: Se se aproba tal e como está concibida, cales serían as repercusións?

Luís Burgos: A Directiva de Servizos debe aprobarse non só polo Parlamento, senón tamén polo Consello europeo. Se finalmente se aprobase, as consecuencias para a clase traballadora serían de enorme calado, xa que se estaría buscando deliberadamente, para beneficio do capital, a precarización e segmentación do mundo do traballo a través da inaplicación da normativa laboral e dos convenios colectivos para un grande número de persoas. Por outra parte, algunhas das disposicións da Directiva implican unha espiral de recortes na protección social e na calidade dos servizos, incluídos os servizos públicos que se verán así sometidos a unha maior presión para a súa privatización.

Paula Castro: Modificará as lexislacións laborais dos Estados membros?

Luís Burgos: O último informe da Comisión de Mercado Interior e Protección do Consumidor do Parlamento europeo asegura que esta Directiva non vai a modificar o dereito do traballo de ningún Estado membro, senón que é unha lexislación complementaria e non dominante. Pero iso é unha declaración retórica, de difícil interpretación de cara á súa aplicación práctica, xa que se mantén o principio de país de orixe.

Paula Castro: Unha das medidas que recolle a Directiva, a cláusula de país de orixe, está sendo especialmente cuestionada. Que prevé esa cláusula?

Luís Burgos: A cláusula de país de orixe implica que a lexislación laboral aplicábel ás persoas contratadas por provedores de servizos será aquela que corresponda ao país de orixe do provedor e non ao do Estado membro onde se estean prestando realmente eses servizos. Pensemos, por exemplo, no eido dos servizos sociais, centros de día, atención a persoas dependentes, residencias da terceira idade... Se nunha comarca determinada de Galiza, onde xa existen empresas que prestan ese tipo de servizos, decide instalarse un provedor de servizos portugués, polaco, lituano ou de calquera Estado membro, con traballadores contratados no seu propio Estado, que poden ser comunitarios ou non comunitarios, mentres que a esas persoas lles sería de aplicación a normativa laboral e, se é o caso, os convenios colectivos, do país de orixe, ás persoas que estean traballando na competencia, contratadas por empresas galegas ou españolas, lles sería de aplicación a normativa laboral e os convenios de aquí. Con traballos semellantes, os salarios e as condicións de traballo en principio van ser significativamente diferentes. Despois, as empresas de aquí rematarán por subcontratar os servizos aos provedores do país de orixe que máis lles interese, buscando as peores condicións de emprego, de tempo de traballo e de salario, para os traballadores. Estabelécese pois unha competencia exarcebada e á baixa, non baseada na calidade do servizo, senón na precariedade e sobreexplotación da man de obra.

Paula Castro: Outra das cláusulas máis controvertidas é a da liberdade de estabelecemento. Que implicará a adopción desta medida?

Luís Burgos: En relación coa liberdade de estabelecemento, nin os Concellos, con competencias en servizos sociais, nin as Comunidades Autónomas, nin o propio Estado membro, poden limitar nin poñer obstáculos a esta situación, xa que a un provedor de servizos doutro Estado membro non se lle poden exixir nin que dispoña dunha sucursal, nin que dispoña dun representante ou persoa autorizada, nin que posúa certa infraestrutura, nin que teña que subscribir un aval ou un depósito como garantía de continuidade da súa actividade, nin que cumpra certos requisitos sobre o uso de equipos que utilice, nin que posúa unha habilitación para o exercicio da actividade, nin documentos nin rexistros laborais, nin que recorra a autónomos para a prestación dos servizos, etc, etc. E non se lle pode exixir todo isto porque “o Estado membro de orixe é o responsábel de supervisar ao subministrador e aos servizos que provea, mesmo os servizos subministrados noutro Estado membro”. Na práctica actuaría sen supervisión ningunha.

Paula Castro: Cales serán os efectos sobre a clase traballadora?

Luís Burgos: Non serían outros que precariedade, salarios miserentos, fraudes á seguridade social, potenciación do falso autónomo. Tamén, perda de calidade dos servizos e unha progresiva presión ante as autoridades públicas para que privaticen (aforrando parte dos seus orzamentos) aqueles servizos públicos que aínda xestionan directamente, en prexuízo da cidadanía e especialmente da clase traballadora, como asalariados e como usuarios dos servizos.

Paula Castro: Malia a Directiva provocar rexeitamento, a intención semella ser aprobala con mínimas modificacións. Existen posibilidades de que sexa rexeitada?

Luís Burgos: O Parlamento debería rexeitar a Directiva, tal e como xa o fixera en febreiro de 2005. Se a aproba, a Comisión europea ten en parte o camiño despexado. Ela é a institución propoñente e quererá que se aprobe canto antes. Haberá que esperar aos resultados da Comisión de Traballo informal creada polo Consello europeo e ás decisións que este tome.

Paula Castro: A Presidencia actual, que corresponde a Austria, encontrarase cunha situación delicada, xa que os Consellos europeos que se reúnen o 13 de marzo e o 29 de maio deste ano poderían aprobar a Directiva.

Luís Burgos: Podería ser, pero o 13 de marzo está demasiado preto e o 29 de maio, onde Austria se despide da Presidencia, será lóxico pensar que non queira introducir este tema en pleno proceso electoral interno, xa que celebra eleccións xerais en outubro, e posibelmente solicite un adiamento da decisión.

Paula Castro: Sendo unha Directiva de Servizos, afecta aos servizos públicos?

Luís Burgos: A Directiva exclúe algúns servizos, como por exemplo os servizos financeiros, telecomunicacións, transporte... Exclúeos porque xa están “regulados” noutras directivas. De todas as formas, o obxectivo da Directiva Bolkestein é complementario, de xeito que tamén sería referencial para os propios subsectores excluídos. Exclúense tamén os servizos da saúde e os servizos de interese xeral que presten directamente as autoridades públicas aos distintos niveis territoriais. O problema radica en que os servizos de interese xeral debían de estar xa definidos e regulados nunha directiva anteriormente comprometida e actualmente paralizada pola Comisión e o Consello europeo. E agora, polo complicado proceso de autoavaliación e tutela que estabelece a Directiva Bolkestein ábrese unha gran incerteza sobre que se vai entender por servizos públicos de interese xeral e sobre se van entrar ou non no ámbito da directiva aqueles servizos públicos estatais que, aínda que se pagan con impostos ou cotas sociais, dunha ou outra forma se prestan coa concorrencia da iniciativa privada.

Paula Castro: Como afectan este tipo de medidas á soberanía dos Estados ou de Nacións sen estado como Galiza?

Luís Burgos: Se finalmente se aprobase esta Directiva, a Comisión europea aumentaría enormemente o seu poder, impoñendo os seus criterios liberalizadores, respecto da liberdade de estabelecemento das empresas de servizos, aos Estados e ás autoridades públicas de ámbito territorial inferior, como no noso caso a Xunta de Galiza e os Concellos. A competencia empresarial baseada na precariedade e nos salarios lixo sería exacerbada, beneficiando ao capital e prexudicando á clase traballadora e á calidade e continuidade dos servizos. Competirían, tamén á baixa, unhas lexislacións con outras, xa que o Estado que teña peores condicións e estándares mínimos en materia laboral, de medio ambiente, de requisitos, limitacións e control será un Estado receptor de empresas que presten servizos nun ou en varios Estados membros, favorecendo así a súa balanza comercial. En vez de favorecer a harmonización por arriba das lexislacións existentes poténciase que a competencia desaforada sexa a regra non só entre empresas senón tamén entre os distintos sistemas públicos existentes na Unión Europea. Ao favorecer a deslocalización de empresas e a precariedade laboral, o gran beneficiado é o capital, particularmente o gran capital, que ao mesmo tempo que descentraliza actividades tende a concentrarse nunhas poucas mans.

 
 

Paula Castro,
coordinadora de CIG-Comunicación.

  Paula Castro
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/02/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta