|
Actualidade / Artigo O príncipe “meteu a pata”, ¡viva
a República! Lois Pérez Leira-
De cincocentos anos de discriminación, de humillación, de imposición, de castración colectiva. É tan fácil dicir cincocentos anos… I é tan duro senti-lo peso dos anos e da inxustiza acumulada de xeración tras xeración… Parecía que até os deuses milenarios esquecéranse da postergada Bolivia. Pero en Tiahuanacu a semente estaba disposta, aínda que semellaba que os deuses brancos esquecéranse dela. Aínda que no resto do mundo inventárase a globalización e Bolivia non fora ninguén. Mentres, naquel sábado, miles de mallkus (xefes indíxenas) cos seus ponchos vermellos e os seus sombreiros negros facían escolta ao novo representante da cultura indíxena de América, Evo Morales. Os xefes aymarás fitaban emocionados aquela paisaxe que levaba cincocentos anos á espera a que todo volvera a ser. A silueta de Evo Morales apareceu nun dos outeiros que rodean o templo Kalasasaya, onde fican os restos da pirámide de Akapana. Entre berros de "Jallalla Evo" (Viva Evo) e "Jallalla Bolivia", o líder aymará apareceu vestido cunha réplica do manto religioso andino (unku) da época do período imperial tiahuanacota, que voltaba a ser usado despois de dez séculos. Os sacerdotes "purificaron" o novo presidente indíxena con auga dunha mina sagrada e, de mans de catro amautas (sacerdotes indíxenas) de Tiahuanacu, Charazani, Samaipata e do Chaco boliviano, o líder cocaleiro recibiu o bastón do mando indíxena, que lle da o cargo de máxima autoridade entre os pobos andinos. Unha vez investido, o novo gobernante chegou até a Porta do Sol, onde agardaba o vicepresidente, Álvaro García Linera, ataviado ao uso occidental: cunha chaqueta de pana color vicuña e pantalón negro. "Dende Tiahuanacu empeza unha nova era para os pobos do mundo. Só coa forza do pobo remataremos co estado colonial e co liberalismo, e seremos quen de darlle a man ó Imperio". Así comezou un Evo Morales que, baixo a xeometría tiahuanacota, proxectaba a imaxe dun príncipe coroado. "Pídolles aos indíxenas que sexan quen de controlarme e que, se non podo avanzar-lo necesario, que me empurren. Estamos diante do triunfo dunha revolución democrática e cultural". Así falou mentres a emoción ía calando nos presentes. Ó día seguinte tivo lugar a investidura oficial. Milleiros de indíxenas acompañaron a toma de posesión do novo presidente. No balcón, o seu amigo e compañeiro Hugo Chávez. Faltaba Fidel que, dende Cuba, estaba a seguir minuto a minuto todo o que acontecía. No seu "pensar para dentro", recordou ó Che. Emocionouse cada vez que Evo dicía o seu nome, rendéndolle así a mellor das homenaxes. Namentres, un príncipe do Imperio, dende o balcón dos invitados miraba con desprezo un Evo que emocionaba ó mundo. ¿Qué lle pasaba ó príncipe? ¿Tiña dor de barriga? ¿Acaso unha muela? ¿Durmira mal no avión real? ¿Ou molestáballe estar nun recinto que lle recordaba cinco séculos atrás? ¿Sería o estar diante dun Evo que alzaba o puño que rendía unha emocionante homenaxe ó "Che" Guevara? As imaxes que se miraron na "Cuatro" de España foron patéticas. Despois desapareceron. Non as repetiron. Que alguén nos explique o por que dese xesto de xenuíno desprezo, hastío e sarcasmo cando escoitaba a Evo Morales. Ben que parecía molesto, que cando escoitaba a palabra "Che", como se a cadeira se lle movese. Só cando Evo falou da súa nai, agradecéndolle o xesto que tivo con el cando estivo en Madrid, pareceu compracido. Unha nova confirmación dos principios sicoanalíticos de Sigmund Freud. É curioso que ningún periodista arteiro dérase conta da situación. Para algúns medios foi unha toma lamentable que non era necesario repetir. Mais os cidadáns que pagamos impostos e que non votamos nin polo príncipe nin pola monarquía queremos unha explicación. Do contrario, todos son cómplices. Dende esta Galiza nosa, sometida tamén durante máis de cincocentos anos, sentimos profundamente a emoción de que en Tiahuanacu a semente da liberdade teña nacido unha vez máis. |
|||
|
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/01/2006 |