ActualidadeVolver


Santiago, 22 de novembro de 2005

XIII Encontro Galego de Relacions Laborais
Balance de 25 anos do Estatuto dos Traballadores
 

Luís Burgos Díaz-

institucionsestado@galizacig.net



  ING-CTG, clic para aumentar
Despois da negociación coas representacións políticas vasca e catalana, o Estatuto tamén incorporou o recoñecemento das centrais sindicais máis representativas de Comunidade Autónoma, con importantes competencias non só en canto á negociación colectiva e á representación institucional no seu propio territorio, senón tamén no ámbito estatal. Esto tivo consecuencias inmediatas no movemento sindical galego. Só con unha simple suma dos delegados que tiñan a ING e a recién constituída CTG superábase o requisito do 15% do total dos delegados elexidos. Era unha oportunidade que non se podía desbotar, e pese aos sectarismos ideolóxicos presentes naquel tempo producíuse en setembro de 1980 a unificación ING-CTG, dando lugar á INTG, que a finais de ano conseguiría o estatus de sindicato máis representativo. Galiza contaba así cun sindicalismo nacionalista que ao cabo dos anos consolidaría a súa presencia afiliativa, o seu recoñecemento na negociación colectiva e a súa representación institucional.
 
O Estatuto de 1980

Dí a canción que “20 años no es nada” pero vintecinco anos son moitos anos para facer aquí un balance rápido do Estatuto dos Traballadores. Un Estatuto que foi reformado en 33 ocasións e que sofreu catro grandes reformas, negativas para a clase traballadora, dende o noso punto de vista. Quizais por iso exista unha tendencia a magnificar o Estatuto orixinario e non se entenda por que tivo tanta oposición sindical no seu momento. Algo que seguramente é necesario explicar agora porque tampouco daquela eramos montunos nen tirapedras; o que ocorría era que o proxecto estatutario rebaixaba substancialmente a indemnización por despedimento, incorporaba novas modalidades contractuais, non recoñecía o movemento asembleario nen as comisións emanadas da asemblea, máis apostaba, eso si, polas seccións sindicais e pretendía afortalar a unha UGT craramente minoritaria.

É verdade que tal e como están oxe as cousas, moitos repiten, con Siniestro Total, aquelo de “menos mal que nos queda... o Estatuto”. En calquera caso, transcurridos 25 anos sería bo lembrar como se xestou e que apoios tivo.

Foi Gregorio Peces Barba quen introducíu o tema dun Estatuto do Traballador no debate constitucional de 1977-78, querendo incorporar no texto elementos da lei italiana para a defensa da liberdade e dignidade no centro de traballo. Pero ao final o que se acordou foi unha mera remisión á elaboración dun Estatuto do Traballador, o que foi sufiente para que o sector posibilista de Foment del Treball e CEOE impuxeran internamente o seu criterio de que o importante era o contido e non o envoltorio. Previamente, CCOO, a través do grupo parlamentario comunista presentara nas Cortes un Código de Direitos dos Traballadores que fora rexeitado.

Despois de aprobada a Constitución española é cando o ministro Calvo Ortega encarga a elaboración do Estatuto dos Traballadores ao Instituto de Estudos Laborais, dirixido entón por Juan Antonio Sagardoy. En principio, o Estatuto ía contar, ademáis dos tres títulos actuais, cun cuarto título referido á regulación da liberdade sindical e do direito de folga. O que sucedeu é que parellamente aos que traballaban este encargo, Ferrer Salat, pola CEOE e Nicolás Redondo, por UGT, empezan a negociar e en xullo de 1979 asínase o Acordo Básico Interconfederal. A CEOE vencera xa as resistencias do sector rupturista, ubicado principalmente en Cataluña e que propoñían o recoñecemento exclusivo das seccións sindicais e a calificación dos convenios como contratos entre partes. O principal argumento do presidente da CEOE e dos posibilistas era a conflicitividade obreira existente naqueles anos, xa que en 1979 contabilizaranse 186 millóns de horas perdidas.

O acordado no ABI vai ter prioridade incorporándose vía enmendas parlamentarias, previamente pactadas e repartidas entre a UCD e o PSOE, segundo explica Vida Soria, senador do PSOE naquela época, de forma que se acorda que o título cuarto (liberdade sindical e direito de folga) quedase fora do Estatuto para unha regulación posterior e que o Estatuto fose entón unha lei ordinaria e non orgánica.

O Ministro de Traballo reuniuse con CCOO para recabar a súa opinión e vendo que era contraria xa nos se lles voltou a convocar. Calvo Ortega tamén se reuneu cos deputados vascos, que lle propuxeron un modelo propio de relacións laborais. Segundo conta Juan Antonio Sagardoy a entrevista foi subindo de tono ata rematar falando de ETA, polo que o ministro lles pedíu que abandonaran o seu despacho.

O sindicato vasco ELA-STV tamén apoiaba o modelo de representación sindical fronte ao de representación unitaria, pero non podía apoiar un Estatuto que negaba o marco de relacións laborais vasco. Na Galiza, a ING defendía o modelo de representación unitaria e reclamaba un marco galego de relacións laborais e os sindicatos obreiros da CSUT, que a finais de 1979 crearían a Confederación de Traballadores Galegos (CTG) defendían unha representación nacida das asembleas.

A representación político-parlamentaria en 1979 era equivalente á de 1977, cando se asinan os Pactos da Moncloa. Naquel intre eran necesarios un PCE e unhas CCOO centradas na política de “reconciliación nacional”, que esixía responsabilidde e esforzos aos traballadores e consentían a pluralidade sindical. Pero no ano 1979 a estratexia política cambiou radicalmente. O Decreto salarial de Abril Martorell marca o final da política de consenso, establecéndose un bipartidismo UCD-PSOE contra o PCE e contra unhas Comisións Obreiras que pola vía práctica, a través da súa hexemonía na representación unitaria, ía camiño de convertirse en sindicato único, como a Intersindical portuguesa. Había que buscar unha diferenciación sindical, había que salvar á UGT fronte ao poder de CCOO. O ABI, antecedente do Estatuto, significou o recoñecemento da UGT para negociar e para asinar moitas veces convenios en solitario en contra dos demáis sindicatos. Lémbrome dalgúns casos onde en pleno conflito aparecían asinados convenios por parte de representantes de UGT que viñan de fora e que nunca participaran nas negociacións.

O Estatuto dos Traballadores apróbase entón cun amplio consenso político parlamentario e co maior dos disensos sindicais posibeis. As Cortes españolas aprobaron un Estatuto dos Traballadores que contaba coa oposición da aplastante maioría das representacións obreiras. Con todo, o Estatuto non foi capaz de deixar fora aos delegados de personal e comités de empresa e estableceu unha representación dúal, representantes do personal e representantes sindicais, inda que as seccións sindicais so se legalizarían en 1985.

Despois da negociación coas representacións políticas vasca e catalana, o Estatuto tamén incorporou o recoñecemento das centrais sindicais máis representativas de Comunidade Autónoma, con importantes competencias non só en canto á negociación colectiva e á representación institucional no seu propio territorio, senón tamén no ámbito estatal. Esto tivo consecuencias inmediatas no movemento sindical galego. Só con unha simple suma dos delegados que tiñan a ING e a recién constituída CTG superábase o requisito do 15% do total dos delegados elexidos. Era unha oportunidade que non se podía desbotar, e pese aos sectarismos ideolóxicos presentes naquel tempo producíuse en setembro de 1980 a unificación ING-CTG, dando lugar á INTG, que a finais de ano conseguiría o estatus de sindicato máis representativo. Galiza contaba así cun sindicalismo nacionalista que ao cabo dos anos consolidaría a súa presencia afiliativa, o seu recoñecemento na negociación colectiva e a súa representación institucional.


As reformas

Como antes decía, o Estatuto tivo moitas reformas, consideradas negativas polo sindicalismo nacionalista. De feito, a maioría das folgas xerais que se convocaron dende 1980 foron contra as reformas que se propoñían por parte do governo, a última no 2002. Porque os poderes públicos soen entender que a reforma do mercado de traballo é o mesmo que a reforma da regulación laboral. Consideraron sempre que a regulación laboral é determinante nas condicións de traballo e de emprego e que para crear emprego o principal non é a política industrial, nen o fomento dos sectores productivos , nen o aumento en I+D+i, nen a inversión de capital ou en tecnoloxía, senón a desregulación laboral. Seguindo as etiquetas neoliberais imperantes considerouse que a flexibilidade na contratación, na xornada, na remuneración, no despedimento, arranxaría o problema do paro e da baixa productividade. Sen embargo, nós nunca estivemos dacordo con iso. Pensamos que o Estatuto dos Traballadores é unha norma básica de regulación das condicións laborais pero non un instrumento determinante da criazón de emprego. O contrato de fomento de emprego consagrado na reforma de 1984 non reducíu o paro pero sí que aumentou rápidamente a temporalidade. Nos últimos 10 anos cambiouse catro veces o contrato a tempo parcial e segue a ser un contrato pouco utilizado. Na reforma de 1997 abaratouse o despedimento radicalmente para o novo contrato indefinido e pasado o tempo, a contratación indefinida segue sendo excepcional e a de duración determinada a habitual.

Fosen as reformas impostas unilateralmente ou previamente pactadas coas organizacións empresariais e sindicais españolas, todas elas inciden nunha línea flexibilizadora que a CIG non comparte. Por iso, cando cando se voltan a propoñer novas reformas no marco estatal, permitannos expresar a nosa preocupación ao respecto, porque ao final a necesidade política de chegar a un acordo pode dar como resultado outro trunfo patronal na súa estratexia gradual e continuada de minar o direito do traballo.

¿Quere isto dicir que será mellor deixar as cousas como están? Pois non, xa que o Estatuto nunca desenvolveu algunhas cuestións e outras simplesmente non respostan as novas situacións que se están a vivir no mundo do traballo. Entón, para que o Estatuto dos Traballadores permanezca hai que reformalo, o que ocorre é que non queremos máis reformas que tenden a desnaturalizar e mermar os direitos laborais. Por outra parte, a crúa realidade do modelo de crecemento instaurado nos últimos anos foi sentando bases económicas, xurídicas, e por suposto culturais e políticas a prol da precarización do traballo. Realidades como os novos métodos de organización do traballo, o fenómeno da externalización productiva e o recurso á subcontratación en cadea, o traballo falsamente autónomo, o abuso da temporalidade, os múltiples recursos para fuxir da aplicación dos convenios, a utilización dos becarios, etc, teñen efectos prácticos semellantes a unha desregulación laboral e implica que o Estatuto dos Traballadores cada vez protexa menos a menor número de persoas.

Polo tanto, deixar as cousas como están so será unha solución para quen estratéxicamente ve como a propia realidade e as actitudes defensivas dos demáis vanlle dando a razón paulaltinamente, certificando con reformas parciais a defunción da regulación básica que representa o Estatuto dos Traballadores. Por iso, cando o actual governo insiste unha e outra vez en que non haberá reforma se non é previamente pactada, a quen está favorecendo é á patronal. Por iso tamén, consideramos que sería necesario publicitar diante da clase traballadora cal é o estado real das negociacións e que é o que realmente se pretende, promover a participación obreira e recabar os apoios necesarios para unha mobilización xeral si é o caso. E nesa estratexia ofensiva os sindicatos obreiros e a esquerda política sen exclusións deberían estar esixindo unha adecuada reforma do Estatuto dos Traballadores, reclamando que tras o fracaso negociador o governo español propoña unha lexislación a prol dos traballadores, reducindo a temporalidade e a precariedade, regulando a súa causa fundamental, como a descentralización productiva e o fraude na contratación.

En definitiva, despois de 25 anos de Estatuto, con todas as súas reformas flexibilizadoras, non é de esperar que nesta nova oportunidade se restrinxa a temporalidade e a precariedade como elementos estructurais do sistema de relacións laborais. Opinamos así porque as estratexias negociadoras ata agora utilizadas por cada parte son idénticas ás anteriores e asumen a necesidade de chegar a un acordo, inda que o resultado sexa, coma sempre, un mal menor, que é a forma de vender un mal acordo para os traballadores e traballadoras.


Que deberíamos reformar?

A CIG considera que nas actuais circunstancias políticas é necesario un novo enfoque. Está craro que para nós o balance de 25 anos de Estatuto é negativo e consideramos que para que o Estatuto non só permanezca senón que se revalorize, recoñezendo marcos propios de relacións laborais e adaptándose ás novas realidades, debería concebirse como unha norma básica, de mínimos, que sería desenvolta polas Comunidades Autónomas e mellorada pola negociación colectiva. Este novo enfoque implica unha acción sindical efectiva para que, ben por acordo entre todas as partes ou ben pola iniciativa gubernamental, contemplense unha serie de cuestións fundamentais como as seguintes:

  • Concretar o exercicio dos direitos fundamentais no centro de traballo.

  • Desenvolver o artigo 129.2 da Constitución española, establecendo fórmulas de coxestión que aseguren a participación dos asalariados na empresa e revisar o artigo 64 para incorporar direitos activos nas competencias dos representantes do personal.

  • Establecer un marco regulador das contratas e subcontratas derivadas da descentralización productiva, reequilibrando os intereses en xogo, porque anque o producto final é único, as condicións de emprego e traballo das diferentes empresas son espectacularmente desiguais.

  • Regular no ámbito laboral os Grupos de Empresa.

  • Reforzar a contratación indefinida e os elementos causais na contratación temporal, evitando o abuso e o fraude na utilización da mesma, así como o encadeamento de contratos.

  • Revisar, para afortalar a contratación estable, o contrato de obra e servizo determinado.

  • Facilitar a incorporación das mulleres ao traballo e a súa formación e promoción profesional. Promover unha cultura da igualdade nas empresas.

  • Afortalar as relacións laborais colectivas e promocionar a negociación colectiva fronte a individualización das relacións laborais, dotándoa da seguridade xurídica necesaria e clarificando as consecuencias sancionadoras en caso de incumprimento.

Por último, lembrar aquí que todas as partes que están a negociar a reforma vulneraron o direito da CIG a participar. Veremos se hai algún resultado e que alcance ten, pero dúas cousas deben quedar craras: a primeira, que non imos a avalar outra reforma, por moi pequena e parcial que sexa, contra os traballadores e, a segunda, que dende o noso punto de vista a loita contra a precariedade no traballo non ten retorno e que para conseguer melloras nese eido coa CIG sempre se pode contar.


Luís Burgos Díaz,
Gabinete Técnico Confederal da CIG.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/11/2005
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta