|
Actualidade / Artigo Non son neutral, son galego e nacionalista Fermín Paz Lamigueiro-
A historia de agrandar as empresas con fins xamais confesados comeza cando os dous partidos con maior nivel de presenza na política española liberan a enerxía do concepto servizo público e a pasan a denominar servizo esencial (un bo eufemismo) coa finalidade de tratala coma calquera outra mercadoría. As contradiccións vanse manifestar de seguido e, consecuencia de que o mercado era o campo de xogo, cedo se viñeron manifestar as estratexias de cada quen no sector. As empresas xa todas privadas sabendo que o da liberalización e a competencia era unha grande mentira comezáronse a mover neste novo marco cun obxectivo: canto máis grande mellor para a obtención de beneficio e de poder. No 2001, Endesa e Iberdrola coa beizón do Sr. Aznar faláronnos do mesmo que estes días estamos a escoitar, só era unha operación empresarial aínda que xuntas controlaban o 80% do mercado eléctrico. Daquela, os cabreados eran os do PSOE e a súa acusación era a conxunción de intereses políticos e económicos. O invento non foi adiante porque calquera análise minimamente neutral tiña que concluír que a operación tiña tantas garantías de cumprir cos obxectivos anunciados de competencia e beneficio dos usuarios como que calquera españolista acepte que Galiza é unha nación e consecuentemente exerza a súa autodeterminación. Cando Unión-Fenosa e Hidrocantábrico se puxeron á faena da fusión, a negativa foi argumentada en que o sector perdía un competidor e os que exercían de reguladores dixeron -isto non se pode consentir, e seguramente polo tempo que algúns levan na nosa terra deron o berro ei carballeira! e mandaron parar. Logo Gas Natural quíxose situar neste xogo e lanzouse como tola por Iberdrola, pero de novo o regulador negou a operación porque non podía dicir outra cousa, aínda que nos trocos do marco regulatorio “virán una série d’efectes negatius”. Todas as situacións descritas sinxelamente con anterioridade permiten unha conclusión: o perseguido sistema bipartidista español demandado pola dereita e a dicotomía esquerda-dereita da socialdemocracia amosa a súas imperfeccións, e daí veñen os pactos que en política xa coñecemos e que na actividade económica-empresarial non queremos ver ou negámonos a aceptar. Hai que ser cínico para tratar de construír teorías que logo tratan de trasladar aos cidadáns, construíndo unha falacia, na que afirman que estas manobras do capital pódennos traer vantaxes aos cidadán e aos pobos. A Unión Europea nin é quen de regular o fenómeno natural das Opas nun sistema político económico capitalista; no mellor dos casos, farase un híbrido legal, porque as transnacionais, que son as que mandan, queren regulación para protexerse e desregulación para actuaren. Como teño dito estes días, á Galiza e aos traballadores/as o nome da empresa que explote os nosos recursos é o do menos, o importante e que están en xogo proxectos industriais de envergadura e que, de materializárense ou non, poden condicionar o noso futuro. Aínda así, alén de demandarmos unha nova Lei de Caixas e unha axencia tributaria para que os beneficiarios da nosa explotación paguen onde faenan, non debemos pasar de participar. Atopámonos na fase de debate político, de conformación da opinión pública, onde todo vai valer para que os “decididores” tomen posición. Abonda hoxe con dicir que a pretendida nova empresa non pasa ningún exame do chamado regulador por moito que anteriores decisións serviran para trazar un camiño de posibilidades para quen quixese tentar unha concentración empresarial de monopolio privado no sector enerxético. Pero son dos que non creo na neutralidade dos acontecementos e por iso mesmo quixen e quero saír ao campo de xogo para que Galiza non perda para sempre a nivel enerxético. Como hoxe tocaba falar de política, noutro artigo tratarei de facer unha análise máis polo miudo do proxecto industrial presentado por Gas natural e pactado con Iberdrola.
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/09/2005 |