|
Actualidade CIG-Comunicación-
O preocupante incremento dos índices de sinistralidade laboral levaron á Executiva Confederal da CIG a acordar a posta en marcha dunha campaña de denuncia e en demanda de medidas que eviten que se sigan producindo. Para implicar a toda a clase traballadora galega, a Executiva Confederal da CIG considerou oportuno iniciar conversas con CCOO e UGT para que sexa unha campaña conxunta. Diste xeito, unha delegación deste organismo, encabezada polo secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral, Antolín Alcántara, se entrevistará cos responsábeis das centrais sindicais, a fin de coñecer a súa dispoñibilidade. A Executiva responsabiliza do incremento da sinistralidade á cada vez maior precariedade laboral existente, á subcontratación e aos elevados índices de temporalidade. Por iso, entende que a Administración central debería encetar as modificacións lexislativas oportunas para combater tanto a temporalidade como as condicións das subcontratacións. Con este fin, a CIG defende a introdución, en todos os convenios colectivos, de topes máximos de temporalidade para reducila e diminuír así unha das principais causas da sinistrabilidade laboral. Ademais, considera que se deben dotar ás Inspeccións de Traballo con máis medios materiais e humanos, para que podan facer un seguimento máis eficaz das condicións de traballo nas empresas. Para coñecer directamente cales son as súas necesidades, a CIG considera que sería necesario concertar entrevistas coas distintas Inspeccións. Ao remate da campaña, cara finais de ano, a CIG proporá a convocatoria de mobilizacións, para exixir o cumprimento destes obxectivos. |
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/06/2005 |