Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 2 de maio de 2005

1º de maio en Vigo, carga policial e extras gratis
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Foto CIG: 1º maio en vigo, clic para aumentar
Foto CIG: 1º maio en vigo, clic para aumentar
Hai dados que nos fan pensar que a policía estaba preparada, as furgonetas dos especiais chegaron axiña, e deseguida había policías de paisano na concentración. Non querendo ser desconfiados, aínda que tampouco totalmente ilusos, Xavier Navaza semellaba que xa tiña o guión un día antes cando nas paxinas de El Correo Gallego lle dicía ao portavoz do BNG que non se achegara á manifestación da CIG en Vigo por que non sabía onde se metía. (Fotos: ©Fernando Pol, 01/05/2005).
Carga policial 1º maio en vigo, clic para aumentar
Da contundencia policial, da falta de consideración cos participantes nunha mobilización masiva, con centos de persoas maiores e nenos e nenas, debemos tomar nota e condenar os feitos con contundencia, tanto dos executores como dos que tomaron a decisión política, seguramente por intereses eleitorais e de servilismo ao poder económico. (Fotograma do informativo de Antena 3).
 
Estaba a falar Suso Seixo, o secretario xeral da CIG, na Porta do Sol de Vigo, diante de miles de persoas, cando un grupo de policías de paisano e varios gardas municipais se achegaron a unha das pancartas coa intención evidente de deter a un ou varios dos que alí estaban. Ficamos sorprendidos todos os asistentes ao acto, a inquedanza medrou cando por un dos laterais entraron entre quince e vinte policías especiais con porras desenfundadas e escudos. Pouco despois carreiras, porras que batían en testas, nas costas e todo o que lle puxera por diante. Reaxe parte dos presentes que se desprazan ao fondo da praza, onde a policía se empregaba a fondo nese intre contra os concentrados, producíndose feridos e moitos mallados.

Seixo amosa tempero, improvisa, e continua coa exposición facendo referencia aos acontecementos de Lugo, onde foron candeados inxustamente tres compañeiros da CIG, así como á agresión policial e a defensa das liberdades básicas. Pouco antes falou Xerardo Abraldes, secretario comarcal de Vigo, e ao rematar Suso Seixo cantouse o himno galego. A manifestación que encetara tan ben rematou distorsionada, deslucida, malia reunir a moita xente e numericamente congregar a moitos máis manifestantes que todos os outros actos sindicais que se realizaron na cidade xuntos. Ao rematar o acto xa sabiamos que había varios detidos, entre eles un delegado da CIG en Viza que non tiña nada que ver cos feitos que puideron dar orixe á inxerencia policial.

Pouco a pouco ímonos formando unha composición do acontecido. Hai dados que nos fan pensar que a policía estaba preparada, as furgonetas dos especiais chegaron axiña, e deseguida había policías de paisano na concentración. Non querendo ser desconfiados, aínda que tampouco totalmente ilusos, Xavier Navaza semellaba que xa tiña o guión un día antes cando nas paxinas de El Correo Gallego lle dicía ao portavoz do BNG que non se achegara á manifestación da CIG en Vigo por que non sabía onde se metía.

Na escenificación da carga policial, mesmo na análise que poidan facer os meios e os plumillas non é o mesmo que esta se fixera sen motivo, ou porque os traballadores e traballadoras dunha empresa protestaban, que como consecuencia de que un grupo cativo rachara un cristal de Caixa Galicia e seica batera nun policía municipal que intentaba prendelos. Fora cal fora a intención deste grupo o certo é que nesta ocasión completaron o guión que o sistema ten argallado contra o nacionalismo dende fai moitos anos. Foron uns extras que seguramente van gabar moitos inimigos do nacionalismo nas charlas de amigo, entre copa e copa, co agravante que os que montaron a escena mesmo pódense sentir contentos, triunfadores por ter un papel no estrado, nos meios de comunicación.

Na cabeceira da manifestación soubemos que se rachara un cristal por parte dun ou varios encarrapuchados varios minutos despois de que acontecera, pensamos que se trataba de provocadores, porén que non ía a máis. Dos problemas posteriores cun policía enteramonos cando rematou a mobilización e despois de que a policía entrou violentamente na concentración. Nunca pensamos que a policía cargaría contra a manifestación pra deter aos que seica realizaron esta ación infantil e provocadora, e moito menos consideramos que logo estes se ían agochar entre os manifestantes. Un xeito de actuar que fai que nos preguntemos se este foi un xeito de actuar inocente ou se quería que a policía fixera o que fixo. A esta altura non confiamos moito nas inocencias, máxime cando se fala de sindicalismo, política, loita de clases.

Pasada a tormenta, baseándonos nos resultados, nos feitos concretos, ollamos que aqueles que dende o poder queren esmagar ao nacionalismo, acusalo diante da sociedade de mesianismo e utilización da violencia gratuíta, conseguiron este primeiro de maio uns aliados excelentes, por máis que decote nas súas publicacións falen de afortalar ao nacionalismo e a clase obreira. Uns extras diplomados que serviron de todo o contrario que din defender. Uns aliados gratis pra afortalar as posturas máis moderadas, tanto no externo como no interno do nacionalismo de masas.

Da contundencia policial, da falta de consideración cos participantes nunha mobilización masiva, con centos de persoas maiores e nenos e nenas, debemos tomar nota e condenar os feitos con contundencia, tanto dos executores como dos que tomaron a decisión política, seguramente por intereses eleitorais e de servilismo ao poder económico. Agora ben, repetímolo máis unha vez, non foron menos cómplices, porque lle deron o escenario feito, aqueles que serviron de extras na preparación da película; daqueles que non son capaces de facer o proprio nas súas manifestacións, nen tampouco nas daqueles que destrúen o país e non defenden a clase obreira, e, en cambio se empregan a fondo con cinismo e nocturnidade en atacar ao nacionalismo que ten base social real. A eso se lle chama infantilismo de esquerda, por non empregar verbas máis duras, porén non por eso menos ilustrativas das consecuencias do seu xeito de proceder. Tomemos nota, as veces os extremos coinciden, aínda que case que sempre pra negar calquer mudanza.


Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e Migración da CIG.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/05/2005
cig.informatica