|
Actualidade / Artigo Días para a memoria, días para
a loita! Silvia Bermúdez Pérez-
“Lonxe de socavar a loita polo poder, o enfoque
de xénero enriquece a súa concepción e contribúe, na teoría e na práctica,
á súa transformación radical, en tanto esta é só posíbel e real se é
desde abaixo, desde as raíces, desde o cotiá e en ámbitos simultáneos, nun proceso
complexo e multifacético, continuo e discontinuo de desconstrución, construción, transformación...”. (Isabel
Rauber, Xénero e poder. Ollada desde América Latina, 2004).
A historiografía máis estendida popularmente(1) vincula a celebración dese día cos acontecementos que supostamente tiveron lugar en 1908, cando 129 mulleres, costureiras da fábrica Sirtwood Cotton de Nova Iorque, morreron abrasadas no seu lugar de traballo. Segundo esta versión, as mulleres que secundaban unha folga que tiña mobilizadas máis de 40.000 costureiras de Manhattan pecháronse na fábrica. As súas demandas eran a igualdade salarial co home, a mellora nas condicións hixiénicas da fábrica, un tempo para a lactancia e a redución da xornada laboral. Ante esta situación, o empresario negouse a dialogar coas súas empregadas e, segundo o mito, ordenou pechar todas as portas con cadeados e prender lume ás instalacións. A historia norteamericana vincula a orixe do Día Internacional da Muller Traballadora a unha manifestación de traballadoras do sector téxtil en Nova Iorque onde reclamaban melloras laborais, sendo por iso arrestadas e tratadas brutalmente pola policía moitas delas. Segundo algunhas versións, esta manifestación tivo lugar o 8 de marzo de 1857, e segundo outras o mesmo día de 1908.
Outros estudos(2), con poderosos argumentos para prestarlles atención, indican que o citado incendio non foi o 8 de marzo de 1908 senón o 25 de marzo de 1911 na fábrica da compañía Triangle Shirtwaist. Neste incendio morreron moitas traballadoras, a maioría inmigrantes de entre 17 e 24 anos. Por outro lado, a manifestación de referencia tivo lugar o 27 de setembro de 1909, cando empregadas e empregados do sector téxtil celebraron una folga de trece semanas en demanda de melloras salariais.
O último domingo de febreiro de 1909 as mulleres socialistas proclamaban nos EEUU o primeiro Día da Muller (Woman’s Day) con grandes manifestacións nas que reclamaban os seus dereitos políticos (sufraxio femenino) i económicos. Ao ano seguinte, tamén o último domingo de febreiro, volveuse celebrar o Día da Muller con obxetivos máis definidos. Queríase facer espertar a conciencia da clase traballadora e facer evidentes as condicións de semi-escravitude económica en que vivían as mulleres. Durante a II Conferencia de Mulleres Socialistas, celebrada en Copenhague en 1910, adoptouse a conmemoración dunha xornada especial de mobilización, consagrada prioritariamente á loita polo dereito ao voto das mulleres(3). Parece que a orixe da proposta residiu en Clara Zetkin(4), líder do movemento alemán de mulleres socialistas, que xa o denominou Día das Mulleres (Women’s Day). A data escollida para a primeira celebración foi o 19 de marzo, moi significativa para o movemento alemán, pois foi ese día de 1848 cando Guillerme de Prusia prometeu o recoñecemento do dereito ao voto das mulleres, promesa que non chegaría a efectivizar. En 1913 as mulleres rusas celebran por vez primeira o Día das Mulleres o 8 de marzo para protestaren pola falta de dereitos políticos e económicos. En 1914, a proposta das alemás, o Día Internacional da Muller celébrase por vez primeira o 8 de marzo na Alemaña e Suecia. A Revolución rusa de 1917 tivo unha grande influencia na consolidación do 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora. Foi precisamente ese día (23 de febreiro no calendario ruso) cando as mulleres rusas se amotinaron debido á falta de alimentos e protagonizaron masivas manifestacións solicitando “a paz e o pan” con berros de “abaixo a autocracia”. Estes acontecementos, denominados “disturbio do pan de Petrogrado”, acenderían a faísca dun proceso revolucionario que culminaría en outubro dese mesmo ano. Segundo todos os indicios foron estes sucesos os que fixeron que o Día Internacional da Muller Traballadora pasase a celebrarse, definitivamente, o 8 de marzo. A historiografía ocidental oficial, nos anos cincuenta, tentou suprimir estas referencias históricas por estar excesivamente vinculadas ao movemento comunista internacional (cómpre lembrar que o mundo se atopa en plena Guerra Fría). As historiadoras Liliane Kandel e François Picq sosteñen que os mitos creados arredor desta data responden á intención de eliminar o carácter comunista que adquiriu o 8 de marzo de 1917 en Rusia. Curiosamente, as Nacións Unidas, na súa versión dos feitos ofrecida con ocasión do Ano Internacional da Muller (1975), non mencionan en ningún momento o acontecido en Rusia. En 1977 este mesmo organismo adoptou unha resolución que convidaba a todos os países a consagraren un día á celebración dos dereitos das mulleres e da paz internacional. O 8 de marzo converteuse nese día de recoñecemento.
“O home que dubida e teme no intre de realizar o ideal que predicou e non ten coraxe para manterse no seu posto de perigo, ou é un farsante ou é un coitadiño. Un home de verdadeira fé nos ideaes que predica, e con coraxe para remediar as desventuras do povo, vai cara o trunfo cando se poida e como se poida”. “O galegos souperon morrer sereamente, seguros
de vencer, con toda diñidade, co puño ergueito, cuspíndolle na cara aos asesiños”. (Daniel Castelao, Sempre en Galiza).
Os sucesos do 72 teñen o seu desencadenante na loita dos traballadores de Bazán durante a negociación do seu Convenio Colectivo. No percorrido deste conflito sucedéronse despedimentos de enlaces sindicais, detencións, torturas nas comisarías, numerosos feridos e dous mortos. O 7 de marzo de 1972 comunicábase ao xurado da empresa o asinamento do Convenio Colectivo Interprovincial en Madrid, cando os traballadores de Bazán reclamaban a súa negociación na Galiza. Isto produciu a indignación dos traballadores e a radicalización do conflito. O día 9 prodúcese, desde as 8 da mañá, un paro total na factoría. A empresa anunciou a suspensión de emprego e soldo e a prohibición de entraren nas instalacións os vogais xurados Manuel Amor e Xosé Mª Riobó e os enlaces Ramiro Romero, Manuel Montero, Afonso Couce e Miguel Rei. Os traballadores deciden en asemblea ocupar a fábrica. Ás 17:15 a policía entra por vez primeira en Bazán e carga contra os traballadores; estes saen en carreira pola porta, onde son recibidos por máis policía que os rodea vilmente e volve mallar neles. Prodúcense numerosos feridos por golpes e esmagamentos.
O 10 de marzo, ás 7:30, os traballadores concéntranse perante a Bazán, que tiña pechadas as súas portas, motivo polo que ficaron nos Cantóns para lle explicaren o que pasaba ao pobo de Ferrol e percorreren as demais fábricas solicitando a solidariedade da clase traballadora. Os traballadores parten en grupo (sobre 4.000) cara á ponte das Pías. Ao chegaren ao cruce coa estrada de Castela foron detidos por unha compañía da Policía Armada. Prodúcese entón un enfrontamento entre a policía e os traballadores, que cos seus dirixentes á fronte e baixo o berro de “a eles”, responderon ás agresións da policía con pedras e paos sen retrocederen. A policía arremete contra eles con mocas, pistolas e metralletas, asasinan a Amador Rei Rodríguez e Daniel Niebla García e causan máis de corenta feridos de bala. A dignidade e valentía dos traballadores fixo que non recuasen en ningún momento; só retrocederon os seus verdugos. Amador e Daniel son soterrados ao día seguinte. O acto convértese nunha nova mostra de solidariedade da clase traballadora, vixiada por douscentos gardas civís armados con metralletas.
O mesmo día dos asasinatos as mostras de solidariedade esténdense por toda a Galiza. Destacan as de Vigo, onde os muros aparecen pintados: “Galiza con Ferrol”, “Policías asasinos”, ¡Viva Ferrol!”. Prodúcense importantes paros en Vulcano, Barreras, Citroën, Freire, Reyman, Santo Domingo, Censa, Yarza, Refrey e Ascón. Convócase unha Folga Xeral na Galiza e ten lugar unha importante manifestación, o día 15, na Porta do Sol de Vigo. Durante 10 días segue en Ferrol una mobilización xeneralizada que é reprimida duramente polo réxime fascista. Prodúcese unha verdadeira ocupación proletaria da cidade, a cal ficou incomunicada por tren, estrada e teléfono, e ameazada polas forzas do exército en terra, mar e ar. O 20 de marzo ábrense as portas do estaleiro ferrolán e a clase obreira da Bazán reincorpórase aos seus postos de traballo, coa porta da fábrica tomada pola policía fortemente armada con metralletas.
“Na historia da produción capitalista, a regulamentación da xornada laboral revélasenos como unha loita que se libra entorno aos límites da xornada; loita ventilada entre o capitalista universal, ou sexa, a clase capitalista, dun lado, e do outro, o obreiro universal, ou sexa, a clase obreira”. “O valor da forza de traballo non se determinaba xa polo tempo de traballo necesario para o sustento do obreiro adulto individual, senón polo tempo de traballo indispensábel para o sostemento da familia obreira”. (Karl Marx, O Capital, Tomo I, 1867). “Chegará un momento no que o noso silencio
será máis poderoso que as voces que vostedes estrangulan hoxe”. (Augusto Spies, momentos antes de ser aforcado, 1887).
O nacemento de organizacións profundamente obreiras nos EEUU veu da man da grande crise de 1882, que consolidou o grupo Morgan como líder financeiro mundial e sentenciou millóns de persoas ao desemprego. A taxa de desemprego produciu a presión á baixa dos salarios, o aumento da plusvalía absoluta, a diminución da esperanza de vida aumentando a mortandade (en 1880 a esperanza de vida da clase traballadora norteamericana non sobardaba os 30 anos), a suba dos alugueres da vivenda, as pésimas condicións hixiénicas... En 1883 as necesidades básicas do traballador só podían cobrirse con 755 $/ano, pero os salarios medios apenas chegaban a 552 $/ano. Esta presión sobre os salarios promoveu o acceso ao traballo das mulleres e dos nenos. Nos anos 80 arredor do 33% do orzamento familiar estadounidense era aportado polas mulleres e os nenos, que como regra xeral cobraban dúas veces menos polo mesmo traballo que un adulto varón. Apesar de que os EEUU tiñan un elevado índice de maquinaria automatizada, a xornada de traballo oscilaba entre as 10 e as 12 horas diarias como media, chegando mesmo até as 15 horas, incluíndo domingos e festivos. As condicións nas fábricas eran insoportábeis. Moitos traballadores partían ao traballo ás catro da mañán e regresaban ás sete ou oito da noite, ou mesmo máis tarde. Non podían ver as súas familias á luz do día. O Estado, prevendo a explosividade da situación, decretou draconianas leis antiobreiras como a prohibición de realizar folgas baixo pena de multa e prisión e a confección de “listas negras” cos traballadores multados. En 1881 diferentes agrupacións obreiras deciden unirse para obteren unha maior eficacia na súa loita, adoptando o nome de Federación dos Sindicatos Organizados de EEUU e Canadá (Federation of Organized Trades and Labor Unions of the Unites States and Canada). O seu programa indicaba: “A historia dos obreiros asalariados de todos os países non é senón a historia da loita e a miseria constantes enxendradas pola ignorancia e a desunión”. Fíxose unha especial mención á solidariedade coa loita do pobo irlandés contra o esmagamento do Imperio Británico e a simpatía con todos os pobos que loitaban pola súa liberdade e igualdade. En 1886 incorpóranse á Federación dos Sindicatos Organizados diferentes unións sindicais, conformando a Federación Americana do Traballo - AFL (American Federation of Labor). Esta Federación procuraba unha maior unión e solidariedade dos asalariados.
En 1873 os Cabaleiros do Traballo, poderosa central sindical á que pretencían a maioría dos traballadores e traballadoras organizadas, comprométense en loitar pola xornada de 8 horas(5) (que xa se pedía desde 1860(6)) mediante a negativa a traballar máis tempo. A Federación dos Sindicatos Organizados de EEUU e Canadá adoptou, no seu Congreso de 1884, a importante resolución de exixir a xornada laboral de 8 horas, pondo como data da súa entrada en vigor o 1º de maio de 1886. En febreiro de 1886 a Street Railway Company de Minessota e a Studebaker Company de Indiana tiveron que claudicar ante a masiva exixencia obreira. Os condutores de Nova Iorque lograron que a Atlantic-Avenue Railroad diminuira a xornada de 18 horas a 12. En marzo dese mesmo ano a loita pola redución da xornada desembocou nunha folga xeral onde participaron máis de 320.000 obreiros. Foi o estoupido da primeira manifestación unitaria do proletariado dos EEUU. As bárbaras condicións padecidas desde 1881 con peches patronais, venda de intereses obreiros por falso sindicalistas, abusos empresariais, contratación de esquirois, a intervención dos axentes da Pinkerton(7), foron a escola onde estes traballadores aprenderon as claves da loita e da solidariedade de clase. A lección era moi clara, unicamente coa súa unión e decisivos golpes poderían facer dobrar o xeonllo do xigante empresarial. O 12 de abril a Central Obreira de Nova Iorque realizou un chamamento á mobilización de todos os obreiros para o 1º de maio baixo a consigna das 8 horas. Os líderes obreiros percorreron de mitin en mitin, de reunión en reunión, os estados do Medio Oeste explicando, informando e alentando á manifestación de maio. A prensa burguesa indignábase polas “abusivas” reivindicacións e instaba a que cada folguista fose encarcerado producindo un “benéfico terror na clase traballadora”. O Chicago Mail sinalaba que a xornada de 8 horas estaba “suxerida polos máis tolos socialistas e anarquistas”; o Illinois State Registrer cualificaba a reivindicación como “realmente parva de máis como para merecer a atención dun fato de lunáticos. E a idea de facer folga na procura das 8 horas é tan normal como facela para conseguir a paga sen cumprir as horas de traballo”. O Chicago Tribune dixo: “a prisión e os traballos forzados son a única solución para a cuestión social”. O conflito chegou até tal punto que mesmo o presidente Cleveland dirixiu, o 22 de abril, por vez primeira na historia dos EEUU, unha mensaxe á cidadanía sobre a específica problemática obreira, expresando a preocupación que embargaba os capitalistas.
A finais de abril a grande maioría das organizacións obreiras posicionáranse a prol da implantación xeral da xornada de 8 horas, insistindo na suba de salarios, o recoñecemento das organizacións sindicais, os dereitos da muller e a prohibición do traballo infantil. Neste tempo 150.000 traballadores e traballadoras lograran xa a redución efectiva da xornada, pero 190.000 ainda non desfrutaban desta redución. Neste caldo de cultivo comezou, o 1º de maio, o movemento total do proletariado e a maior folga da historia dos EEUU. Ese mesmo día Albert Parson, líder dos Cabaleiros do Traballo de Chicago, dirixiu una manifestación de 80.000 traballadores e traballadoras polas rúas de Chicago demandando a xornada de 8 horas. Sucederíanse numerosas folgas, estímase que máis de cinco mil, e mobilizacións co tráxico resultado de ducias de obreiros mortos baixo os disparos indiscriminados da policía. A represión pretendía atemorizar o proletariado e os seus líderes. As forzas represoras policíacas e a Garda Nacional preparáronse para contrarrestar os traballadores, recibiron equipos e armas novas financiadas por poderosos líderes comerciais. Pero o movemento continuaba en ascenso e Chicago, a maior concentración industrial, convertíase no epicentro da reivindicación. A consigna obreira era clara: actuar con resolución e convicción polas xustas reivindicacións. A fábrica McCornick despediu a 2.100 obreiros en represalia polas folgas. O 3 de maio celebrouse un mitin nas súas portas, producíndose enfrontamentos cos esquirois. Isto motivou a brutal actuación da policía, cun tráxico balance: 6 mortos e multitude de feridos. O 4 de maio celebrouse, na praza de Haymarket, ante 25.000 asistentes, un mitin obreiro en protesta pola brutal actuación policial do día anterior: cando a xente comezaba a marchar a causa da chuvia, a policía, ante a tribuna dos oradores, ordenou o inmediato desaloxo da praza. Entón, ao tempo que un líder obreiro indicaba “o noso mitin é pacífico”, unha bomba caeu entre os dous grupos nos que estaba dividida a forza policial, morrendo un axente e ferindo a máis de sesenta, dos cales morrerían sete. A policía comezou a disparar indiscriminadamente. A praza quedou valeira e en silencio. Concluira o que os periódicos burgueses denominaron “rebelión de Haymarket”.
O estoupido da bomba e a morte do policía desataron unha feroz represión. Todas as garantías constitucionais e legais foron esmagadas. Foron detidos todos os activistas obreiros, clausurados os seus órganos de expresión, prohibiuse calquera tipo de reunión obreira e formáronse grupos especiais de matóns para preservar a propiedade. Detívose aos líderes do movemento obreiro: o inglés Fielden; os alemáns Spies, Fischer, Lingg, Engel e Schwab; e os norteamericanos Neebe e Parsons. Este último non puido ser localizado, pero ao enteirarse da detención dos seus compañeiros de loita entregouse voluntariamente. O seu “xuízo”(8) comezou o 15 de xuño perante un xurado feito para a ocasión: estaba composto por 12 magnates da industria e do comercio e individuos intimamente relacionados con eles. O fiscal do proceso, Grinnell, non ocultou o feito de estaren a ser xulgados por dirixiren a loita obreira e declarou: “eles son máis culpábeis que os que os seguen. Condénenos como lección aos demais; enfórquenos para salvagardar as nosas intitucións, a nosa sociedade”. Os dirixentes obreiros foron acusados dos mais graves delitos: atentaren contra a Constitución, contra a Declaración de Independencia e estaren implicados en asasinatos. Testemuñas, a soldo das grandes firmas, declararon en falso e incorrendo en múltiplas contradicións. Poucos anos despois, o Gobernador do estado de Illinois, Atlgeld, demostraría como o proceso fora unha burla e unha fraude, onde o xuíz actuou con “maligna ferocidade”. O 20 de agosto o Tribunal ditaminuo na súa sentenza a pena capital para sete dos acusados: o máis “afortunado”, Neebe, foi condenado a 15 anos de traballos forzados. Estes acontecementos conmocionaron o mundo. Grandes personalidades dos EEUU e celebridades universais pediron clemencia para os condenados. Institucións como a Cámara de Deputados francesa, organizacións obreiras do Estado italiano, francés e español, e de Rusia mandaron telegramas de solidariedade cos condenados ao gobernador de Illinois. O Partido Obreiro Socialista cualificou este veredito, no seu Congreso de setembro de 1887, como “imposto por un atroz odio de clase”. O 11 de novembro de 1887 Parsons, Spies, Fischer e mais Engel foron executados; Lingg xa morrera no cárcere en escuras circunstancias(9). Fielden e Schwab foron condenados a cadea perpetua. Deste modo cumpríanse as cínicas palabras dun dos membros do xurado: “colgarémolos igualmente: son homes demasiado sacrificados, demasiado intelixentes e demasiado perigosos para os nosos privilexios”. En xullo de 1893 outórgase o “perdón absoluto” a Fielden, Neebe e Schwab.
Os discursos dos condenados(10), que 119 anos despois seguen vixentes, foron unha verdadeira mostra de valentía e orgullo de clase. A seguir reproducimos pequenos estractos das intervencións dos condenados a morte. Augusto Spies, brillante orador, declarou: “Ao dirixirme a este tribunal fágoo como representante dunha clase frente aos da outra clase inimiga”... Podedes sentenciarme, pero cando menos que se saiba que en Illinois 8 homes foron sentenciados a morte por creren nun ben-estar futuro, por non perderen a fé no último triunfo da Liberdade e da Xustiza”. Lingg, o máis novo de todos con tan só 22 anos, sinalou: “Concedédesme, despois de condenárdesme a morte, a posibilidade de pronunciar o meu derradeiro discurso... Acusádesme de desprezar a lei e a orde. E que significan a lei e a orde?... Desprézoos; desprezo a vosa orde, as vosas leis, a vosa forza, a vosa autoridade. Enfórquenme por iso!”. A oración admirábel de Parsons durou oito horas, nas que lapidou todas as acusacións do fiscal e das testemuñas: “Non podedes negar que a vosa sentenza é o resultado do odio da prensa burguesa, dos monopolizadores do capital, dos explotadores do traballo... Eu, como traballador, expuxen os que cría xustos clamores da clase obreira; defendín o seu dereito á liberdade e a dispor do traballo e dos froitos do traballo como lle acomode (...) Eu creo que os representantes dos millonarios de Chicago organizados, que os representantes da chamada Asociación dos Cidadáns de Chicago reclámanvos a nosa inmediata extinción por medio dunha morte ignomiosa. Eles dunha parte e nós da outra. Vós erguédesvos no medio representando a Xustiza. E que xustiza é a vosa que leva á forca homes aos que non se lles probou delito ningún? Este proceso iniciouse e seguiuse contra nós; inspirado polos capitalistas, polos que cren que o pobo non ten máis que un dereito e un deber, o da obediencia. Eles dirixiron o proceso até este momento e acusáronnos ostensibelmente de asasinos. E remátase por condenarnos como anarquistas... Os que nos procesaron imaxinan que nos venceron porque se propoñen enforcar sete homes a quen se quere exterminar violando a lei, porque defenden os seus inalienábeis dereitos: por que apelan ao dereito á libre emisión do pensamento e exercítano; porque loitan en defensa propia. Credes que cando os nosos cadáveres sexan arroxados á morea rematará todo? Credes que a guerra social rematará estrangulándonos barbaramente? Ah, non! Sobre o voso veredito ficará o do pobo americano e o do mundo enteiro para demostrarvos a vosa inxustiza e as inxustizas sociais que nos levan ao cadalso; ficará o veredito popular para dicir que a guerra social non rematou por tan pouca cousa”. Adolf Fischer declarou: “Fun tratado aquí como asasino e só se probou que son anarquista... Pero se debo ser enforcado por profesar as ideas anarquistas, polo meu amor á liberdade, á igualdade e á fraternidade, entón non teño nada que obxectar. Se a morte é a pena correlativa á nosa ardente paixón pola liberdade da especie humana, entón, eu dígoo moi alto, dispoñede da miña vida. En todo tempo os poderosos creron que as ideas de pro se abandonarían coa supresión de algúns axitadores; hoxe a burguesía cre deter o movemento das reivindicacións proletarias polo sacrificio dalgúns dos seus defensores. Pero aínda que os atrancos que se opoñan ao progreso parezan insuperábeis, sempre foron vencidos, e esta vez non constituirán unha excepción á regra”. Jorge Engel, orador incisivo e apaixonado, sinalou: “En que consiste o meu crime? En que traballei polo estabelecemento dun sistema social onde sexa imposíbel que mentres uns amorean millóns outros caian na degradación e a miseria? Así como a auga e mais o ar son libres para todos, así a terra e as invencións dos homes de ciencia deben ser empregadas en beneficio de todos. As vosas leis están en oposición coas da natureza e mediante elas roubades ás masas o dereito á vida, á liberdade e ao ben-estar”.
O 1º Congreso da II Internacional, celebrado en xullo de 1889 (en conmemoración do centenario da Revolución francesa), declarou o 1º de maio como Día da Solidariedade Internacional dos Traballadores mediante a seguinte resolución: “unha grande manifestación internacional debe organizarse para ter lugar nunha mesma data e de tal modo que os traballadores de cada un dos países e de cada unha das cidades demanden simultaneamente das autoridades limitar a xornada laboral a 8 horas e cumprir as demais resolucións deste Congreso Internacional de París”.
Moito foi o camiño avanzado no último século grazas á loita e perseveranza de millares de mulleres e homes esquecidos pola historia que sacrificaron en moitos casos a súa vida por exixiren o recoñecemento dos seus dereitos, daquilo que lles pertencía de seu. Deseguro que se as traballadoras e traballadores de comezos do século XX puidesen contemplar as condicións da clase traballadora de comezos do século XXI non dubidarían en recoñecer que os logros obtidos van máis alén de calquera utopía. Pero foi precisamente grazas a persoas que creron no imposíbel e loitaron até as últimas consecuencias por iso polo que a xeración do presente goza dos seus dereitos. Porén, os tempos non están para grandes celebracións nin optimismos. Na actualidade, a clase obreira está a sofrer unha perda e recorte de dereitos laborais sen precedentes. A nova cara do capitalismo, o neoliberalismo, refírese a esta regresión como “flexibilización”, suposta receita máxica para solucionar o problema do desemprego que non consiste noutra cousa que desregularizar o mercado do traballo; contratos, xornada, salarios e despedimentos, desprotexendo cada vez máis a clase traballadora. Lonxe de acadar o seu “bondadoso” obxectivo, as políticas de flexibilización están a producir graves consecuencias para as traballadoras e traballadores. Así, a taxa de evantualidade incrementouse, de 1989 ao 2002, en 10 puntos, situándose no 34,8%(11), 38% se cometeres a ousadía de seres muller. No ano 2003 máis do 90% dos novos contratos asinados por menores de 25 anos eran temporais, cunha duración media de 90 días, e cobrando por ese traballo un 40% menos que un adulto. Ante este panorama resulta fácil comprender a emigración de xente nova na procura dun posto de traballo, o retraso na idade de emancipación e a súa influencia na baixa taxa de natalidade que estamos a sofrer nos últimos anos, que ten como resultado un envellecimento alarmante da poboación e un despoboamento do rural non menos preocupante. Por vez primeira na historia a xeración futura ten menos dereitos que a súa proxenitora. Moito foi tamén o camiño avanzado na equiparación das condicións laborais ou profesionais da muller co home pero aínda queda moito camiño por percorrer para chegar á plena equiparación. As mulleres obtemos, nos chamados “países ricos”, un 25% menos de salario por un traballo equivalente ao realizado por un home. A contratación a tempo parcial afecta nun 89,3%(12) a mulleres. Segundo o “Estudo sobre a sociedade galega de 1996” un 6,7% dos homes traballaban sen contrato mentres que o mercado negro abranxía ao 19,5% das mulleres. A lección da historia da loita obreira é moi clara: só mediante a organización e a loita podemos acadar vitorias. A segunda lección é que os verdadeiros líderes sindicais son aqueles que permanecen até o final do conflito acarón dos seus compañeiros e compañeiras, padecendo con eles as consecuencias da loita. O auténtico sindicalismo fomenta a participación da clase traballadora e non usurpa o seu poder de decisión trasladándoo ás superestruturas. Todos os dereitos laborais, mesmo os que semellan máis básicos e fundamentais, son froito dunha loita obreira escrita na historia coa sangue de xente anónima que unicamente loitaba por unha vida digna. As esperanzas non se matan, as inxustizas non se esquecen. Na súa memoria, na nosa e na dos que veñan, non podemos renunciar ao que tanto custou acadar. Loitemos por aquilo que nos pertence. A loita continúa...
|
|||
|
|
|||
| Bibliografía consultada: 8 de Marzo: Día Internacional da Muller Traballadora CARMÉ LÓPEZ, 8 de marzo, http://www.mujeractual.com/sociedad/8marzo/4_2.html. BERNARDO DEL ROSAL BLASCO (Síndc de Greuges de la Comunitat Valenciana), 8 de marzo: Día Internacional de la Mujer Trabajadora, EL MUNDO edicións de Valencia, Castellón y Alicante (8 de marzo de 2002). ISABEL ÁLVAREZ GONZÁLEZ, Los orígenes y la celebración del Día Internacional de la Mujer, 1910-1945, KRK-Ediciones (Oviedo 1999). ISAÍAS LAFUENTE, Agrupémonos todas: La lucha de las españolas por la igualdad, Aguilar (2003). ANTONIO FERNÁNDEZ, Historia del mundo contemporáneo, Vicens Vives (Barcelona, 1994). 10 de Marzo: Día da Clase Obreira Galega Ferrol pon o seu grao de area contra a dictadura, Tempo Sindical - Voceiro da CIG, (Galiza, marzo 1997). 1º de Maio: Día Internacional da Clase Traballadora JOSÉ ANDRÉ LÓPEZ GONÇÂLEZ, Os mártires de Chicago e o 1º de Maio, http://www.engels.org/marxismo/marxis6/mar_6_8.htm. RICARDO MELLA, Los mártires de Chicago (la tragedia de Chicago),(1889), http:// www.antorcha.net/biblioteca_virtual/historia/martires_chicago/martires_chicago.html. GUILLERMO CHIFFLET, 1º de Mayo. Los mártires de chicago, Semanario Convicción (Uruguai, 1984), en http://www.lainsignia.org/2003/mayo/soc_004.htm, tamén en http://www.rel-uita.org/. Los mártires de Chicago, http://sepiensa.org.mx/contenidos/historia_mundo/siglo_xx/eua/1_mayo/1_mayo.htm. Mártires de Chicago, http://www.elhistoriador.com.ar/biografias/m/martireschicago.htm. SMILEY, Los mártires de Chicago, (2004), http://www.cyberdark.net/. El Día Internacional del trabajo, http://www.radiohc.cu/. BERNARDO IBAÑEZ, Uma homenagem aos mártires de Chicago, http://www.novomilenio.inf.br/festas/trab01.htm. Enciclopedia Temática Planeta, Historia moderna y contemporánea, “El movimiento obrero”, (Barcelona, 1976). 1º Mayo, 1886-2004, http://www.nodo50.org/. Lucía González, una heroina olvidada, http://www.rel-uita.org/sindicatos/1-de-mayo-2004/lucia-parsons.htm. |
|||
|
|
|||
| Notas: (1) Esta versión dos feitos é a recollida en infinidade de páxinas web. Tamén recolle esta versión ISAÍAS LAFUENTE Agrupémonos todas: La lucha de las españolas por la igualdad, Aguilar (2003). (2) Para un maior estudo ler ISABEL ÁLVAREZ GONZÁLEZ Los orígenes y la celebración del Día Internacional de la Mujer, 1910-1945, KRK-Ediciones (Oviedo 1999). (3) En EEUU o sufraxio universal sería recoñecido en 1920; na Alemaña desde a caida do imperio guillermino, en 1918. No Estado español as mulleres non tiveron dereito a voto até 1933 e no Estado francés até 1945. (4) Naceu en 1857 en Saxonia. Foi unha das principais definidoras do feminismo socialista, xefa do sector feminino da socialdemocracia alemá. Defensora do voto feminino e da loita revolucionaria contra a Guerra. Estivo moi unida a Rosa Luxemburgo e ás súas teses políticas. Tras ingresar no Partido Socialista Independente (1917) uniuse ao grupo Espartaco (1918) e ingresou no Partido Comunista alemán (1920), onde faría causa común con Paul Levi. Co ascenso de Hitler ao poder marcharía á URSS. Morreu en 1933 perto de Moscova. (5) Explícase que esta xornada proporcionará traballo aos desempregados, diminuirá o poder do rico sobre o pobre, creará as condicións necesarias para a educación e o melloramento intelectual da clase traballadora, estimulará a produción e o consumo de bens. (6) Os canteiros de Chicago non traballaban máis de 8 horas desde 1867.En 1868 o Parlamento americano aprobou unha lei federal estabelecendo este período de traballo. Moitos estados estabeleceran esta xornada por lei, lei convertida en letra morta, pois os patróns negábanse a aplicala. (7) Policía privada ao servizo dos empresarios e industriais que actuaba en Chicago. (8) Os historiadores coinciden en que se adxudicaron aos sindicalistas supostos delitos para castigar as súas ideas políticas. Así o defenden Howard Fast, Daniel Guerin, Gregorio Selser, Camilo Taufic, Morris Hilquit. (9) Existen diversas teorías sobre a morte de Lingg; uns indican que foi un suicidio, mais a posición maioritaria sinala que foi asasinado. (10) Será Lucy González de Parsons a persoa que publicará as derradeiras palabras dos líderes obreiros. (11) Enquisa de Poboación Activa 2002. (12) Idem. |
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/03/2005 |