|
Actualidade CIG-Comunicación-
A CIG manifesta ademais o seu total rexeitamento ao pacto interconfederal asinado por CCOO, UGT e a CEOE por ser “altamente negativo para os traballadores”. O secretario xeral da Confederación Intersindical Galega, Xesús Seixo, explicaba en rolda de prensa a proposta da CIG para a negociación colectiva do ano 2005 que consistirá fundamentalmente en defender un incremento salarial mensual de 42 euros e estabelecer porcentaxes máximos de eventualidade en función do sector e da empresa. Esta proposta vén avalada por dous estudos, un sobre IPC, Negociación Colectiva e perda de poder adquisitivo dos salarios, elaborado polo catedrático de economía da Universidade de Santiago, no que se constata que o IPC non é neutral socialmente e non se corresponde coa suba real de prezos e a carestía da vida (ademais de non ter en conta o incremento do prezo das vivendas); e outro sobre A precariedade e sobreexplotación da forza do traballo nos sectores en Galiza, no que se fai patente a situación de precariedade na que se atopan os e as asalariados galegos. Na súa intervención, Seixo manifestou o total rexeitamento da CIG do acordo interconfederal asinado por CCOO, UGT e CEOE, que “repite o esquema dos pactos acadados en anos anteriores, que demostraron na práctica que eran negativos para os traballadores e que lonxe de mellorar a súa situación laboral favoreceron os recortes salariais e un incremento da precariedade”. Nese sentido, o secretario xeral da CIG insistiu na necesidade de que a negociación colectiva se faga en Galiza e que se estabeleza dunha vez o Marco Galego de Relacións Laborais para permitir aos traballadores opinar sobre os acordos que se adoptan en función das súas necesidades reais.
Pola súa banda, o secretario confederal de Negociación Colectiva, Antolín Alcántara, presentou os resultados do informe sobre “Precariedade e sobreexplotación da forza do traballo nos sectores en Galiza”, onde se ofrece unha radiografía pormenorizada da situación laboral na que se atopan os traballadores de cada sector. Neste informe estabelécese que un 47,6% dos traballadores -un total de 270.000, descontando os do sector público e os que están baixo convenios de empresa- están en situación precaria; máis de 400.000 cobran un promedio de 13.000 euros/ano e 170.000 teñen ingresos inferiores a 11.000 euros anuais. A precariedade, entendida como contratos eventuais, a tempo parcial, con horas a maiores sen cobralas e salarios por debaixo do estipulado afectan sobre todo aos sectores de hostelaría, servizos e téxtil. Respecto do sector da hostelaría, Alcántara destaca uns índices de precariedade que afectan ao 70% dos traballadores/as dos que un 20% terían contratos a tempo parcial desenvolvendo unha xornada de até 10 horas sen á compensación económica correspondente. A esta cifra habería que engadir o 15% de traballadores que se calcula que traballan en negro, ou sexa, sen contrato. No sector téxtil abundan os contratos por obra, a tempo parcial que medran cada vez máis en Galiza e que “é un contrato que favorece a explotación porque posibilita que se dea á traballadora de alta por menor tempo obrigándoa a desenvolver unha xornada completa”. Pola súa banda, no sector servizos, sobre todo nas grandes cadeas de alimentación e no comercio detallista danse xornadas medias de 10 horas sen pagarse o sobreexceso de xornada, con contratos temporais e tamén con salarios por debaixo do estipulado. Antolín Alcántara sinalaba ademais, que esta situación de precariedade “é consecuencia das sucesivas reformas laborais, que nun período de 20 anos foron provocando a perda progresiva de dereitos adquiridos polos traballadores”. O retrato robot do traballador en precario sería o de unha muller nova, que se incorpora ao mercado laboral nos sectores de hostelaría, servizos ou téxtil, que ten un contrato a tempo parcial pero fai xornada completa sen cobrala. Atendendo a esta situación, o secretario xeral da CIG conclúe que é imprescindíbel defender os obxectivos fixados para a negociación colectiva de 2005 e facer un seguimento posterior do cumprimento dos acordos. |
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 23/03/2005 |