Actualidade / EntrevistaVolver


Santiago, 18 de novembro de 2004

Adrián Sotelo: “Só a actuación organizada dos traballadores poderá revertir a súa situación”
 

Paula Castro-

cig.prensa@galizacig.com


  Clic para aumentar
Adrián Sotelo: En “A restauración do mundo do traballo. Superexplotación e novos paradigmas da organización do traballo” parto de que a descomposición do mundo do traballo non é privativa de sociedades dependentes senón que é un comportamento que se está a dar no sistema capitalista no seu contexto. Só a acción organizada dos traballadores podería revertir esta situación.
 
Adrián Sotelo Valencia é sociólogo e profesor do Centro de Estudos Latinoamericanos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade Nacional Autónoma de México. A CIG vén de publicar o seu traballo “Globalización, dependencia, desregulación laboral” e en breve editará “A restruturación do mundo do traballo. Superexplotación e novos paradigmas da organización do traballo”.

Nesta entrevista Adrián Sotelo analiza as causas da progresiva perda de dereitos laborais adquiridos en anos de loita da clase traballadora e advirte da necesidade de organizarse como único medio para revertir esta situación.


Paula Castro: Afirma que o modo de produción capitalista está en crise. Cales son as variábeis que o levan a esta conclusión?

Adrián Sotelo: Aínda que hai outras moitas variábeis, as máis relevantes son as taxas de crecemento. Da súa dinámica de medre ou retroceso dependen a súa vez outras variábeis como o emprego, os salarios, a cualificación dos postos de traballo... E o que se constata é que teñen unha tendencia a decrecer. Tanto é así, que se analizamos economías como a Europea podemos comprobar como o crecemento dalgúns países apenas supera o 1%. No caso dos EEUU houbo un boom na época de Clinton, que non foi dabondo para contrarrestar esa longa tendencia de decrecemento. No caso de América Latina este proceso é moi claro. Se comparamos un amplo período, de 1950 até finais dos anos 70 observamos como a taxa promedio de crecemento era dun 5%, cando desde principios dos 80 até a actualidade non supera o 3%. No caso concreto de México, nese primeiro período a economía medraba un 3,5% de promedio anual mentres que nos últimos anos non supera o 0,68%. A conclusión é que estamos nun ciclo de decrecemento e mesmo de estancamento da economía capitalista mundial, determinado polas políticas de axuste neoliberal.

P. Castro: Como afecta a recesión económica ao mundo do traballo?

A. Sotelo: A situación de depresión a escala global provoca a desintegración do mundo do traballo e no caso de América Latina en particular, unha superexplotación da forza de traballo. Temos como exemplo o que está a ocorrer en Alemaña. No mes de xuño, a dirección de Siemens, que é unha das transnacionais das telecomunicacións máis dinámica da economía capitalista, acordou coa dirección dos sindicatos alemáns o aumento da xornada laboral en cinco horas. Máis recentemente, a Wolkswagen alemana acordou cos sindicatos conxelar por 28 meses os salarios dos traballadores. Contra o que di a teoría, respeito de que canto máis desenvolvido economicamente fose o capitalismo máis diminuiría a carga de traballo, o que vemos é que é ao contrario. No caso de Galiza, podemos observar o caso dos asteleiros. Xustifícase a súa privatización, por unha banda, polo alto dinamismo dos asteleiros asiáticos. Pola outra, polas exixencias de Bruxelas de reducir os subsidios. Do que se trata en realidade é de reducir cada vez máis a participación do estado através de políticas públicas en sectores estratéxicos como pode ser este, o petróleo, a enerxía eléctrica, a seguridade social ou a educación, cara a conseguir a súa privatización.

P. Castro: Como se materializa esta recesión nas economías dependentes?

A. Sotelo: A Wolkswagen en Puebla México está efectuando paros técnicos que deixan aos traballadores nunha situación de grande vulnerabilidade. Alí, os salarios son 10 veces máis baixos que os dos alemáns, aínda que os niveis de produtividade e a cualificación dos traballadores sexa a mesma. Neste momento, os paros técnicos patronais veñen provocados por un problema de sobreprodución de automóbiles e os traballadores seguen a percibir os seus salarios. Unha vez se solvente esta situación e os operarios regresen aos seus postos non os van percibir. Estes elementos permiten concluír que se a economía capitalista non se desplomou foi grazas a unha monumental restruturación do mundo do traballo, que se está operando tanto nos países do centro como nos da periferia. Hai que apuntar tamén que países centrais como Alemaña, Francia ou Xapón seguen tendo periferia de onde extraen valor, plusvalía, riquezas, que é no que se basea a teoría da dependencia. Pero o que se está creando é unha periferia dentro do propio centro, sobre todo tras do desmoronamento do bloque soviético. No caso de América Latina ou África a situación é aínda peor, porque a nosa dinámica está necesariamente condicionada pola dos países centrais e en cada ciclo de reproducción nós somos máis dependentes en materia financieira, en materia comercial ou en materia tecnolóxica. En materia comercial América Latina non supera o 5%, o que quere dicir somos prescindíbeis. O caso de México é patético. O 90% das exportacións van ao mercado norteamericano e máis do 80% do que importamos vén de EEUU. Pasamos de ser autosuficientes en alimentos ou en materias primas a ser dependentes de EEU ao grao de que esa dependencia alimentaria xa chegou a convertirse nun problema de seguridade nacional. En contrapartida exportamos a EEUU forza de traballo. No 2004, por concepto de remesas que envían os traballadores indocumentados mexicanos en EEUU acádanse os 14.000 millóns de dólares. O segundo ingreso en importancia logo dos ingresos por concepto petroleiro e por riba das entradas por investimentos estranxeiros directos.

P. Castro: Que papel xogan as economías dependentes na chamada economía global?

A. Sotelo: Desempeñan unha serie de funcións para a dinámica política e económica capitalista mundial. Son economías que se convirten en exportadoras de forza de traballo barata e supernumeraria e en plataformas de exportación das grandes empresas multinacionais. Ademais cubren a función de subministrar materias primas, como por exemplo o petróleo. O máis preocupante é que as poboacións desempeñan o papel do que Marx chamou grandes exércitos industriais de reserva de explotación dos traballadores, que se materializa acudindo a múltiples mecanismos: aumento da xornada laboral, abaratando os salarios e incrementando a competencia entre os propios traballadores.

P. Castro: Neste contexto, cal é o papel dos estados?

A. Sotelo: O papel dos estados é tan forte como no pasado, ou mesmo maior. Non intervén en tanto que factor regulador da forza de traballo, pero si ten outras funcións. Cando se fala de libre mercado é para designar a necesidade que ten o capital que opera nos países dependentes de privatizar os recursos naturais, as empresas, os servizos públicos e pasalos a mans privadas.

P. Castro: Os organismos internacionais, FMI, BM, están constantemente propoñendo políticas de axuste para sanear as economías. Que resultados teñen estas políticas?

A. Sotelo: Os organismos internacionais están provocando a reacción das comunidades máis desfavorecidas, porque as súas medidas non garanten nin os mínimos de subsistencia. Do contrario, non tería xurdido a insurrección zapatista en Chiapas, un dos estados máis pobres de México. Un dos elementos que provocou a insurxencia da poboación indíxena foi a extrema pobreza, a marxinalidade social e as políticas de explotación das comunidades indíxenas nesa rexión. É tamén o caso de Brasil, co Movemento dos Sem Terra (MST), ou de Arxentina, onde as políticas de axuste neoliberais provocaron practicamente a insurrección das clases obreiras.

O mesmo ocorre en Ecuador ou Bolivia, tamén como contrapartida da barbaridade de políticas que exixe o Fondo Monetario Internacional, que pide finanzas públicas sanas aos gobernos o que leva a unha contracción do gasto público, sobre todo en materia social: vivenda, educación, sanidade, benestar... Todo isto privatizouse. Pola súa banda, o Banco Mundial presenta planos que teoricamente son viábeis pero só na lóxica capitalista, en termos de mercado, pero non en termos de satisfacer as necesidades humanas.

P. Castro: A revolución tecnolóxica, serviu para mellorar as condicións laborais?

A. Sotelo: Foi un factor desintegrador do mundo do traballo. Mellorou a situación de sectores moi minoritarios pero en termos xerais proxectouse de forma negativa e na vez de mellorar as condicións de vida e de traballo forzou medidas disgregadoras do mundo laboral. Provocou reformas laborais que incidiron na desregulación das condicións da compra-venda de forza de traballo. Acabou coas reglas do mundo do traballo para que este opere de maneira libre, dacordo coa liberdade de movementos que o capital require. Hoxe a lexislación laboral favorece a libre contratación e despedimento dos traballadores, a flexibilización e a precarización das condicións laborais. Non contentos con isto, tamén foron despoxando de dereitos aos traballadores para que estes queden a merced das políticas de emprego definidas polos gobernos.

P. Castro: Que destacaría do libro “A restauración do mundo do traballo. Superexplotación e novos paradigmas da organización do traballo” que está a piques de publicar a CIG?

A. Sotelo: Nese traballo analízanse os efectos da restruturación do capital no mundo do traballo e as teorías imperantes ao respeito. Parto de que a descomposición do mundo do traballo non é privativa de sociedades dependentes senón que é un comportamento que se está a dar no sistema capitalista no seu contexto. Só a acción organizada dos traballadores podería revertir esta situación.


Paula Castro.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/11/2004
cig.informatica