Actualidade / Artigo A mocidade, pasa de todo? Silvia Bermúdez Pérez-
Se tivera que elexir unha verba que defina a mocidade ésta sería precariedade. Hoxendía a mocidade xa non traballa en bancos, restaurantes, asteleiros, nen fábricas. Agora a mocidade traballa en precario. A tasa de eventualidade dende o ano 1989 ao ano 2002 medrou 10 puntos, situándose en 2002 a tasa de asalariados que tiñan contrato temporal no 34,8%. Esta porcentaxe, se cometes a osadía de ser muller aumenta ata o 38%. O Goberno, primeiro o PSOE e despois o PP, para dar solución a este problema ten flexibilizado o mercado laboral, aplicando con fe cega a máxima “a menos direitos e estabilidade dos/as traballadores/as máis emprego”. Esta máxima lonxe de arranxar o problema sumiu ao noso país nun proceso de destrucción de empregos e precarización das condicións laborais, derivadas das diferentes reformas que tiveron lugar nas últimas décadas. Como exemplos sangrantes decir que durante o goberno Fraga tivo lugar a peor crise de emprego na Galiza de todo o século, coa perda de 160.000 ocupados, e o desemprego medrou moi por riba da media comunitaria, sendo só superada por 12 das 181 “rexións” que conforman a Unión Europea. Pero o peor dos pecados que podes cometer nesta época de liberalismo rancio é ser mozo ou moza. Así, no ano 2003 máis do 90% dos novos contratos asinados por menores de 25 anos tiñan unha duración temporal, cunha media de duración de 90 días e un salario medio inferior nun 40% ao resto da plantilla. Con este panorama e unha elevada tasa de paro non é de extrañar que no ano 2001 unha media de 16.000 mozos e mozas véranse na obriga de ter que emigrar (algúns o chaman mobilidade xeográfica) para poder ter un traballo e gañarse o pan de cada día. Esta dramática situación impide que a xente da miña idade poidamos planificar o noso futuro con garantías, e teñamos que vivir cos nosos pais alén dos trinta anos. Este feito, sen lugar a dúbida, inflúe na baixa tasa de natalidade que estamos a sofrer nos últimos anos, que ten como resultado un envellecimento alarmante da poboación e un despoboamento do rural non menos preocupante. Ante esta situación resulta facilmente explicábel a gran participación de xente nova, na Galiza e citadamente na nosa cidade, na Folga Xeral do 20 de xuño de 2002. Un proceso mobilizador que que xa se iniciara ante a imposición da LOU na Universidade, e que derribou, tanto pola masiva participación nas manifestacións como polo seu alongamento no tempo, moitos clichés asociados a mocidade. A mocidade deu neste proceso un exemplo de loita. Claro que para o PP non éramos máis que “rencorosos que ladran por las esquinas” ¿verdade Mr. Aznar? Pero tranquilidade, alegría!, “España va bien”. Mais a mocidade seguiremos a loitar, conscientes de que todos os dereitos laborais, incluso os que semellan máis básicos e fundamentais, son froito dunha loita obreira escrita na historia coa sangue de xente anónima que unicamente loitaba por unha vida digna. Na súa memoria, na nosa e na dos que veñan, non podemos renunciar ao que tanto costou acadar. A loita continúa…
| |||||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/08/2004 |