Actualidade / Artigo Viveiro, 14 de agosto de 2004 Impresións dunha visita sindical a Venezuela
| |  | | Tras dos intentos de voltear a Chávez con toda caste de métodos todos iles enfrontados coa convivéncia democrática, a oposición venezolana chea de histéria e impoténcia, foi levada a medir forzas co povo bolivariano. O cenário xa non é o inventado polos médios de comunicación masiva, con mensaxes mecanicistas e conclusións fantasiosas. Agora a Venezuela que teñen diante dos seus ollos é a real, a do povo sostendo as misións, as cooperativas, a soberanía nacional e todos os logros do proceso revolucionário. (Foto da “Gran marcha de la Victoria”, na Avenida Bolívar de Caracas, VENPRES, 08/08/2004). | | | Tras do anuncio do Consello Nacional Eleitoral que a Oposición a Revolución Bolivariana acadara as sinaturas esixidas para facer o Referendo, o presidente Hugo Chávez, dando un claro exemplo de práctica democrática, convocou ao povo para a batalla eleitoral.
Removendo a história, o líder da revolución bolivariana rescatou do pasado para traer o presente o significado da Batalla de Santa Inés, na cal o xeneral do povo soberano, Ezequiel Zamora derrotou as forzas da oligarquía. É a culminación dunha nova fase do proceso iniciado en 1998, que ao igual que daquela é producto dun traballo planificado en profundidade para conducir aos inimigos ao terreo que tanto Zamora como Chávez elixiron e prepararon para dar o combate. O Referendo do día 15 de agosto non é pois, máis que unha nova “Batalla de Santa Inés” pois a oposición fascistoide, nucleada na chamada “Coordinadora Democrática” vese obrigada a entrar nun terreo que para iles é hostil, o da elección popular. Neste caso, o Referendo contemplado na Constitución Bolivariana, seguramente nunha das máis democráticas e anovadoras do mundo. Tras dos intentos de voltear a Chávez con toda caste de métodos todos iles enfrontados coa convivéncia democrática, a oposición venezolana chea de histéria e impoténcia, foi levada a medir forzas co povo bolivariano. O cenário xa non é o inventado polos médios de comunicación masiva, con mensaxes mecanicistas e conclusións fantasiosas. Agora a Venezuela que teñen diante dos seus ollos é a real, a do povo sostendo as misións, as cooperativas, a soberanía nacional e todos os logros do proceso revolucionário. Nada preocupa tanto á administración norteamericana do Sr. Bush, en América Latina e o Caribe, como este proceso revolucionário venezolano. É unha negación en toda regra do modelo neoliberal. Estas conclusións tirámolas nunha viaxe que rematamos de facer a Venezuela tres membros do Secretariado da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía, o Metal, a Química, o Petróleo e Indústrias Afíns, da Federación Sindical Mundial, na que desenvolvemos unha série de actividades como foron: - Participación nun acto sindical no Poliedro de Caracas diante de 12.000 traballadores/as en defensa da Revolución Bolivariana, da nova Confederación Sindical de Venezuela, a UNT, que substitúe no panorama sindical á vella amarela e corrupta CTV.
- Participación no programa “Aló Presidente” onde presentamos diante do Presidente da República, D. Hugo Chávez, da 2ª Conferéncia Mundial da UIS-TEMOPIA, a celebrar no mes de Abril de 2005 en Caracas e no que contaremos coa súa presencia na apertura das sesións.
- Mantemento de relacións tanto no plano bilateral (CIG) como internacional (UIS-FSM) coa Federación Eléctrica e de Petróleo da UNT como coa própia Confederación, coa invitación a visitar Galiza, no mes de novembro dunha delegación sindical venezolana.
- Entrega dunha carta do secretário xeral da CIG ao presidente da República Bolivariana. Tamén do secretário xeral da FSM.
- Participación en programas de televisión e rádio públicas, de defensa das nosas posicións antiimperialistas, de clase e da liberdade de todas as Pátrias do Mundo.
- Reunións con partidos políticos e organizacións que apoian o “NON” no proceso do referendo (desde correntes ideolóxicas cristiáns, o Partido Comunista de Venezuela pasando pola Forza Bolivariana no espacio sindical).
- Entrevista co ministro de Cultura (Farruco Sexto) do goberno venezolano, un dos dous galegos/as que forman parte do Executivo.
- Entrevistas co responsable de Asuntos Exteriores do Ministério de Traballo e os asesores da Presidéncia da República de Venezuela.
- Participación en actos políticos de apoio a Revolución Bolivariana en barrios e empresas nos que manifestamos o noso apoio ao “NON”, que Chávez non se vaia, porque o comandante, conxuntamente con outros governantes, está tratando de que o mundo deixe de ser unipolar, converténdose en multipolar. Coa intención de que un dos novos polos seña América Latina. Daí que teña en contra o imperialismo norteamericano.
Quero concluir manifestando que o 80% da povoación venezolana é pobre, sendo de esperar que voten pola súa Revolución que é a dos pobres e non polos intereses contrários a iles mesmos. A Revolución ábrelles os ollos. Hai máis dun millón de persoas alfabetizadas, hai moitos miles de venezolanos/as que antes non podían ingresar na Universidade e agora si o fan, moitos que non recibían ningún servicio médico e agora o reciben, e agora saberán por quen votar. Por todo isto, espero que os pronósticos que se barallan en círculos moi próximos á Presidencia da República teñan cumprimento o día 15 de agosto e así, máis de 6 millóns de venezolanos/as se impoñan aos menos de 3 millóns de venezolanos/as e que estes abandonen toda idea golpista aceptando os métodos democráticos aos que non están acostumados. En síntese coido que hoxe defender a Revolución Bolivariana é crer nunha Venezuela de futuro e tamén porque nos defendemos a nós mesmos. Viveiro, 12 de agosto de 2004.
Fermín Paz Lamigueiro. Secretario nacional da Federación de Químicas-Enerxía da CIG.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/08/2004 cig.informatica |