Actualidade / Biografía Volver


Vigo, 23 de xullo de 2004

Xosé Rego López, un verdadeiro dirixente obreiro
 

Lois Pérez Leira-

cig.migracion@galizacig.com



 Clic para aumentar
Xosé Rego López naceu o 8 de febreiro de 1887 nunha aldea chamada San Sebastián de Devesos, no Concello de Ortigueira.
 
Coñecemos a historia deste destacado loitador do movemento obreiro cubano através das crónicas do escritor Xosé Neira Vilas, a quen coñeceu en Cuba na década dos sesenta.

Xosé Rego López naceu o 8 de febreiro de 1887 nunha aldea chamada San Sebastián de Devesos, no Concello de Ortigueira. Aos trece anos emigrou cara a A Havana coa sua familia.
Os seus primeiros traballos foron como dependente de panadaría para despois pasar a estudar na escola “Concepción Arenal” do Centro Galego, onde conseguiu certo nivel de instrucción. Con 17 anos -seguenos contando este destacado escritor- afiliase ao “gremio de Planchadores” no que foi delegado de bairro. “ Era tal a explotación patronal que dito gremio, coma outros semellantes, loitaba para reducir a xornada laboral diaria a doce horas. Foi el quen organizou e dirixíu unha folga o ano 1912. Gañárona. En 1923 detivérono por primeira vez por ter participado nunha asemblea, celebrada no Centro Obreiro de A Havana. Foi presidente e tesoureiro de seu gremio que logo mudaría en sindicato”.

Rego López forma parte da fundación da primeira agrupación comunista de A Havana até que en 1925 se funda o Partido Comunista de Cuba. Nesta agrupación participaron Pedro Peña, José Miguel Pérez e Carlos Baliño. Este último, histórico dirigente, foi colaborador de José Martí no Partido Revolucionario Cubano.

Unha das suas tarefas neste partido era atender o traballo sindical. Por aqueles anos a colonia galega era unha das máis numerosas da illa. Os nosos emigrantes exercían como empregados de comercio, mariñeiros, obreiros da construcción, etc. As loitas sindicais destes imigrantes, despois do triunfo da revolución rusa, fixeron que militaran nas ideas do comunismo. Xunto a Xosé Rego López podemos nombrar a outros comunistas galegos que se incorporaron á loita de clases en Cuba, entre eles Enrique Lister. Tamén integraron este partido Modesto López, Manuel Porto Dapena, Felisindo Paz, Benigno Milia, Fernández Valle, Maria Arauxo “a guerrilleira”, Anxo Carcaño e outros.

 Clic para aumentar
En agosto de 1925 un valioso grupo de loitadores proletários logra fundar a Confederación Nacional Obrera de Cuba (CNOC), organización combativa catalogada coma a primera central proletária cubana e que dende o seu nacemento se convertiu en motor impulsor da loita de clases en centrais azucreiros, portos, industria tabacaleira e outros sectores. A CNOC, orientada polo Partido Comunista, dirixiu a loita contra a ditadura de Machado. (Foto: almacén de tabaco).
 
A clase obreira cubana, nas dúas primeiras décadas do século XX, medraba numéricamente e elevaba a súa conciencia clasista. En agosto de 1925 un valioso grupo de loitadores proletários logra fundar a Confederación Nacional Obrera de Cuba (CNOC), organización combativa catalogada coma a primera central proletária cubana e que dende o seu nacemento se convertiu en motor impulsor da loita de clases en centrais azucreiros, portos, industria tabacaleira e outros sectores. A CNOC, orientada polo Partido Comunista, dirixiu a loita contra a ditadura de Machado.

A política de terror antiobreiro da tiranía de Gerardo Machado de 1925 a 1933 significou a detención e expulsión de centenares de activistas estranxeiros. Esta situación leva ao movemento obreiro cubano a enviarlle unha carta ao presidente Machado para que parara as expulsións de traballadores estranxeiros.

Na lista dos expulsados había moitos galegos entre eles Xosé Rego López.

Estes son algúns dos detidos galegos do ano trinta:

  • Benigno Fraga Pita, detido desde o 1 de maio e sen estar suxeito a ningún proceso.

  • Arturo Longo, detido desde o 1 de maio e sen estar tampouco sometido a ningún procedimento xudicial.

  • Manuel Cuba, na cadea desde o mes de xullo sen formación de causa.

  • Ramón Gómez Cerantes, detido polo feito de ir en compaña do mencionado compañeiro Manuel Cuba.

  • Samuel Lober, detido desde o mes de agosto sen estar tampouco suxeito a ningún proceso.

  • Ramón Gómez, detido desde o mes de agosto sen formación de causa.

  • Manuel Cotoño Valdez, desde o día 1 de setembro sen admitirlle fianza.

  • Xosé Rego López, detido desde o dia 23 de maio, procesado na causa 435–30.

  • Otto Modley, detido na mesma causa e na mesma data.

  • Cesar Vilar Aguilar, detido en Manzanillo.

Mentres se produce a represión da ditadura o movemento obreiro clasista denuncia estes feitos e fai chamamentos á mobilización dos traballadores. Un dos manifestos sinala:

“Camaradas: unha vaga máis brutal e feroz de terror branco desencadea nestos intres o governo sobre todo o pobo de Cuba e particularmente sobre o proletariado. As suspensións das garantías constitucionais decretadas por Machado e os seus comparsas teñen por único obxecto acentuar a represión e a persecución contra os traballadores e o pobo que loita contra a fame e a explotación. Decretándose o estado de sitio, o goberno asasino que está no poder ten nas suas gadoupas aos militantes leais e loitadores da clase obreira, e cunha completa impunidade poden ser encadeados, asasinados ou masacrados como bestas. Os asasinos a soldo da policía teñen man libre para saciar a súa sede de sangue de traballadores, para encadear e perseguir aos obreiros que se revelan contra a situación actual insufríbel.

 Clic para aumentar
Por aqueles anos a colonia galega era unha das máis numerosas da illa. Os nosos emigrantes exercían como empregados de comercio, mariñeiros, obreiros da construcción, etc. As loitas sindicais destes imigrantes, despois do triunfo da revolución rusa, fixeron que militaran nas ideas do comunismo. (Foto: peóns camiñeiros galegos arranxando unha avenida en A Havana).
 
Despois do masacre contra os estudantes revolucionários e obreiros realizado polos corpos policiais e o exército nas ruas de A Havana e outras cidades do interior. Despois de cazar a tiros e dar unha malleira aos que protestaban contra o goberno que entregou o país ao imperialismo ianqui, goberno que arrastrou ás masas á fame e á incerteza, o terror branco seguiu o seu curso feroz. Novas detencións sen motivo contra militantes abnegados do proletariado, numerosos rexistros de domicilio, persecución incesante contra os obreiros revolucionários, asaltos con destrucción de mobiliario e clausura de feito do Centro Obrero de Revillagigedo Nº 8, encarceramento en cadeas militares e, por último, novo sistema de asasinato empregado pola policía secreda: envelenar aos presos botándolles arsénico na comida. Un compañeiro detido pola policía tentaron envelenalo, salvándose milagreiramente dos asasinos.

O compañeiro Xosé Rego López posto en liberdade despois de cinco meses de cadea, é detido novamente ao asistir ao xuízo e expulsado na mañá do domingo 23... é necesário que as masas obreiras, nestes momentos en que o goberno se ceba nos traballadores, se agrupen ao carón da súa organización de loita Defensa Obreira Internacional...”.

Manifesto de Defensa Obreira Internacional contra o terror machadista: Comité Executivo Nacional. A Havana, 24 de novembro de 1930.

O movimento obreiro non pudo evitar a expulsión de Rego López quen foi conducido desde a cadea até un barco que o levou novamente á sua Galiza natal. Alá esperabao a ditadura de Primo de Ribera e pouco tempo despois a proclamación da segunda republica o 14 de abril de 1931. Ao seu regreso a Ortigueira vencellouse ao pequeno Partido Comunista que por aqueles anos agromaba como organización política na xeografia galega. A súa sede central estaba en Vigo onde comezaban a ter certa influéncia no movimento obreiro.

Neira Vilas engade: "Andivo por aqui á beira de dous anos. Neste tempo vencellouse ao PC español. Organizou aos mariñeiros do pequeno porto de Espasante e dedicouse a espallar o xornal do partido".

Coa caída do ditador Machado volve a Cuba en 1935, onde comeza a traballar nunha empresa de cigarros.

Co estoupido da guerra civil española, Xosé Rego participa activamente da solidariedade coa España republicana. Segundo os seus próprios testemuños lembraba con moita emoción a chegada de Castelao a Cuba e a sua participación no acto antifranquista da Cervecería Polar onde o patriota galeguista, denunciou os crimes cometidos por Franco e solicitou a axuda solidária do pobo cubano.

"Co triunfo revolucionário de 1959, -dínos Neira Vilas- atopou Rego un novo sentido á súa existénza, porque se fixeran realidade os soños e as loitas que o tiveran vitalmente ocupado dende sempre".

Faleceu en A Havana o 15 de agosto de 1976. O dia seguinte, no Panteón das Forzas Armadas Revolucionárias do cemiterio de A Havana, baixo a presidéncia de Raúl Castro, nunha comitiva oficial, fixose unha homenaxe postuma. Alí estaban para darlle o derradeiro adeus, dirixentes políticos e sindicais e amigos deste historico dirixente comunista, que escribiu unha paxina histórica do movimento obreiro cubano.


Lois Pérez Leira,
coordenador nacional do Departamento de Migración da CIG.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/07/2004
cig.informatica