Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 11 de maio de 2004

Galiza necesita doutra política enerxética
 

Fermín Paz Lamigueiro-

cig.sant@wanadoo.es


 Iberdrola
A orixe da enerxía eléctrica en Galiza é térmica e en menor medida, hidráulica, estando en aumento as instalacións de enerxías renovábeis. (...) A central térmica de As Pontes de García Rodríguez produce ela só o 6% do conxunto do Estado con carbón e explótaa Endesa; Unión-Fenosa explota outra de 550 Mw e a maioría das concas hidráulicas do país; Iberdrola só está presente nalgúns saltos hidráulicos. A distribución monopolízaa Unión-Fenosa.
 
Nestes días pasados o presidente de Red Eléctrica de España, Pedro Mielgo, vén de facer unhas declaracións aos medios de comunicación salientando o papel de Galiza na exportación de enerxía eléctrica e o reforzamento das liñas de alta tensión que REE vai facer para que este excedente chegue a territorios como o centro do Estado español e Portugal.

O que seguen a ignorar, e en calquera caso a non ter en conta -mesmo a desprezar- nas súas políticas, é a realidade do sector eléctrico galego, sector que explica, seguramente mellor que ningún outro, a nosa situación de dependencia e o noso atraso económico, que non tíñamos que ter se Galiza (como nación que é) tivese a posibilidade entre outras de decidir ou cando menos beneficiarse da explotación dos seus recursos naturais. Tanto é así que as tres empresas principais do sector operan no país, Unión-Fenosa, Iberdrola e Endesa. Galiza é exportadora de enerxía, produce un 12% do conxunto do Estado e consome un 8%, tomando como referencia estes últimos anos porque se imos a décadas anteriores o diferencial é moito maior, o cal adquire máis gravidade, ao saber que a industria, os sectores produtivos e o país no seu conxunto non puido aproveitar esta situación beneficiosa de grandes recursos naturais.

A orixe da enerxía eléctrica en Galiza é térmica e en menor medida, hidráulica, estando en aumento as instalacións de enerxías renovábeis. Paso por alto que na década dos 70 o Estado tratou de montar nas nosas costas unha central nuclear, que non puido levar a cabo pola forte contestación política e cidadá. A central térmica de As Pontes de García Rodríguez produce ela só o 6% do conxunto do Estado con carbón e explótaa Endesa; Unión-Fenosa explota outra de 550 Mw e a maioría das concas hidráulicas do país; Iberdrola só está presente nalgúns saltos hidráulicos. A distribución monopolízaa Unión-Fenosa.

Entre o 2005 e o 2010 esgotaremos os nosos recursos explotábeis en carbón para producir enerxía. Nos últimos 20 anos o noso país perdeu uns 300.000 empregos, un 24% da poboación activa e perdemos 15 puntos respecto ao Estado en niveis de ocupación. En ciclos favorábeis da economía, demóstrase como no caso de Galiza que os comportamentos territoriais son diferentes e, así, uns medran e aproveitan o fluxo de crecemento económico, mentres outros manteñen a situación, o que significa máis desequilibrio.

A evolución do PIB indica unha baixo crecemento e unha perda de posición no Estado, pois baixamos do posto 13, entre 17 clasificados na perspectiva estatal. Mais ao falarmos da riqueza dun país debemos establecer a relación que hai coa capacidade de producir electricidade, pois o noso caso é un claro exemplo, primeiro de expoliación dos recursos naturais e, segundo, de falta de planificación; en efecto, Galiza na perspectiva do Estado español, preséntase como un territorio, no que desde hai moitos anos se está a dar un alto nivel de transformación de enerxía baseada en multitude de centrais hidroeléctricas que asolagaron un elevadísimo número de hectáreas de terreos produtivos; e na expoliación de numerosos recursos carboníferos, dando lugar a un sector orientado cara ao exterior para fornecer efectivamente as zonas máis consumidoras do Estado, onde se experimentaba e segue a facerse un modelo de desenvolvemento industrial, mentres non se aproveitaban as vantaxes comparativas do sector o que implica a situación de atraso relativo galego, con grave prexuízo para a súa conformación empresarial e para o conxunto da súa cidadanía.

Por iso, temos que dicir, unha vez máis que o estabelecemento dunha estrutura tarifaria unificada no Estado significou –e está a significar– unha transferencia monetaria multimillonaria a título gratuíto ao resto do Estado, ademas de consolidar o feito de que os consumidores e empresarios do territorio non teñan unha situación de beneficio, senón todo o contrario, xa que hai que soportar os onerosos custos ecóloxicos da transformación da enerxía.

No futuro, se isto non o remediamos, teremos que importar enerxía e pensamos que, de se producir este feito, a pagaremos máis cara porque nos imputarán o transporte. Nun escenario de aprofundación na desindustrialización programada desde Madrid, non podemos calar diante do papel reservado ao noso sector eléctrico, que hoxe por hoxe acompaña na destrución de industria e empregos e a precarización destes ao sector naval, ao agrário e ao pesqueiro, que sufriron e seguen a sufrir continuas reconversións e deixan o país sen posibilidades de desenvolverse. Só lles direi que onde hai tanta enerxía parte dos cidadáns, ou a teñen de moi mala calidade ou simplemente non a teñen.

O sector enerxético ten para Galiza un considerábel valor estratéxico; non en van, representa máis dun 8% do PIB galego e máis do 25% de valor engadido da súa industria ou que obriga a fortalecer as infraestruturas enerxéticas internas, que ademais precisamos tanto como a planta de gas e os ciclos combinados. E como Pedro Mielgo non falou disto coidamos na Federación de Químicas-Enerxía da CIG que debemos facelo porque así o cidadán terá unha información máis precisa do que acontece coa enerxía eléctrica en Galiza e poderá chegar á conclusión de que hoxe o noso país precisa outra política enerxética.


Fermín Paz Lamigueiro.

Secretario nacional da Federación de Químicas-Enerxía da CIG.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/05/2004
cig.informatica