Actualidade / Artigo O 1º de Maio Silvia Bermúdez Pérez-
En 1881 diferentes agrupación obreiras de Norteamérica deciden unirse para obter unha maior eficacia na súa loita, adoptando o nome de Federación dos Sindicatos Organizados de EEUU e Canadá. Esta Federación buscaba unha maior unión e solidaridade dos asalariados. No Congreso de 1884 adoptou a importante resolución de esixir a xornada de 8 horas, poñendo como data da súa entrada en vigor o 1º de maio de 1886. En marzo dese mesmo ano a loita pola reducción da xornada laboral desembocou nunha folga xeral onde participaron máis de 320.000 obreiros. Foi o estoupido da primeira manifestación unitaria do proletariado nos EEUU. Os traballadores e traballadoras estaban aprendendo que unicamente coa súa unión e decisivos golpes poderían facer dobrar o xeonllo do xigante empresarial. O 12 de abril a Central Obreira de Nova Iorque realizou un chamamento á mobilización de todos os obreiros para o 1º de maio baixo a consigna das 8 horas. Así, en 1886 comezou o movemento total do proletariado e a maior folga da historia dos EEUU. Sucedéronse numerosas folgas dando como resultando a morte de ducias de obreiros baixo os disparos indiscriminados da policía. O 4 de maio durante a celebración dun mitin obreiro en protesta pola brutal actuación policial, cando a xente comezaba a marcharse a causa da chuvia, a policía, ante a tribuna dos oradores, ordenou o inmediato desaloxo da praza. Entón, ao tempo que o lider obreiro indicaba “o noso mitin é pacífico”, unha bomba caeu entre os dous grupos nos que estaba dividida a forza policial, morrendo un axente. A policía comezou disparar indiscriminadamente e foron detidos os oito dirixentes obreiros que lideraban o movemento pola reducción da xornada laboral. O seu xuizo comezou o 15 de xuño ante un xurado feito para a ocasión, conformado por 12 magnates da industria e do comercio ou por individuos intimamente relacionados con eles. Os dirixentes obreiros foron acusados dos máis graves delitos: atentar contra a Constitución, a Declaración de Independencia e estar implicados en asesinatos. O 20 de agosto o tribunal dictaminou na súa sentencia a pena capital para sete dos acusados. O máis “afortunado” foi condenado a 15 anos de traballos forzados. Estes acontecementos conmocionaron ao mundo. Grandes personalidades dos EEUU e celebridades universais pediron clemencia para os condenados. Institucións como a Cámara de Deputados francesa, organizacións obreiras de Italia, Rusia, Reino de España ou Francia mandaron telegramas ao Gobernador de Illinois. O 11 de novembro catro dos condenados foron executados, outro xa morrera no cárcere en escuras circunstancias. Os dous restantes foron condenados a cadea perpetua. No 1º Congreso da II Internacional, en xullo de 1889, anunciouse o 1º de Maio como Día da Solidaridade Internacional dos traballadores mediante a seguinte resolución: “Unha gran manifestación internacional debe organizarse para ter lugar nunha mesma data e de tal modo que os traballadores de cada un dos países e de cada unha das cidades demanden simultaneamente das autoridades limitar a xornada laboral a 8 horas (…)”. Hoxe, no ano 2004, a xornada de 8 horas é unha realidade que os empresarios procuran trampear. Se redacto este artigo é para transmitirvos que todos os dereitos laborais, incluso os que semellan máis básicos e fundamentais, son froito dunha loita obreira escrita na historia coa sangue de xente anónima que unicamente loitaba por unha vida digna. Na súa memoria, na nosa e na dos que veñan, non podemos renunciar ao que tanto costou acadar. A loita continúa… VIVA O DÍA DA CLASE TRABALLADORA!
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/04/2004 |