Actualidade / Artigo Clodomiro Montero Martínez-
Hai avogados e maxistrados que din que, malia non compartir a sentencia, esta sería correcta en termos xurídicos. A propia alarma social creada tira por terra este tipo de argumentacións, é unha sentencia inxusta. A sentencia de Lugo é mala en termos políticos, sindicais, democráticos e xurídicos. Cando a xustiza defende a propiedade privada pode caer, as máis das veces, na defensa dos privilexios económicos duns poucos fronte ao ben común. Cando a xustiza defende o principio de autoridade gobernativa, pode caer na defensa dos privilexios políticos duns poucos fronte aos dereitos da maioría. En todos os réximes dictatoriais hai xuíces e fiscais que, en nome da autoridade e da xustiza, lexitiman a represión. Neses réximes todos os súbditos teñen non só o dereito, senón incluso a obriga, de traballar. Unha das grandes diferencias dun sistema democrático fronte a unha dictadura, é o dereito dos traballadores/as á sindicación e á folga. Estes si que son dereitos básicos dos traballadores e traballadoras. Ao fin, hai unha clase de xustiza que non poden impartir os xuíces, os fiscais nin os avogados, a Xustiza con maiúsculas. Son aqueles, que fan da solidariedade de clase e do internacionalismo o motor das súas vidas, os que imparten a Xustiza Social. A única que é igual para todos e todas. Pola Xustiza Social, os sindicatos convocaron unha Folga Xeral no ano 2002, para evitar recortes nos dereitos dos parados e paradas. Traballadores e traballadoras que, por non ter, non teñen nin a posibilidade de vender o seu traballo. Por esa Xustiza Social, moitas persoas participamos nos piquetes informativos, e por loitar por esa xustiza social, tres compañeiros de Lugo foron condenados. Os tres compañeiros de Lugo non foron xulgados polos seus iguais. Os traballadores e as traballadoras, absolvémolos.
| |||||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 03/03/2004 |