ActualidadeVolver


Santiago, 4 de marzo de 2003

Novos recurtes na protección social
 

Luís Burgos Diaz-

cig.institucions-estado@galizacig.com



O Governo español, a través dunha “Lei de Disposicións Específicas en materia de Seguridade Social”, pretende novos recortes en canto ás competencias autonómicas e aos direitos dos traballadores e traballadoras.

Despois de que recientemente o Tribunal Constitucional desestimara os conflictos positivos de competencia promovidos polo Governo español contra as normas autonómicas (concretamente da Junta de Andalucía) que establecían axudas económicas complementarias ás pensións non contributivas, agora o PP volta sobre o mesmo tema e prepara unha lei de “Disposicións Específicas en materia de Seguridade Social” para interpretar o concepto de “asistencia social”, competencia exclusiva das CCAA, e evitar así que estas Administracións Públicas, con cargo aos seus orzamentos e en exercicio da súa autonomía política –e non meramente administrativa- poidan complementar, ampliar ou modificar as prestacións económicas da Seguridade Social, nas súas modalidades contributivas ou non contributivas.

Dende logo que é máis que discutible que unha simple lei, a través dunha interpretación política da asistencia social, poida restrinxir e valeirar de competencias a unha Comunidade que, como no caso de Galiza, ten recoñecidas competencias exclusivas no seu Estatuto de Autonomía e mesmo no art. 148.1.20ª da Constitución española. Sobre este asunto e sobre a importante doutrina do TC ao respecto, deberemos voltar noutro momento. Agora, simplesmente salientar a intencionalidade política do Governo do PP, reiterando a súa práctica centralista, e tamén a súa vontade de que, se o tema volta de novo ao Tribunal Constitucional, esta vez poida encontrar apoio dabondo precisamente na existencia desta específica Lei, en relación aos artigos 149.1.17ª, 149.1.1ª e 41 da Constitución. Non hai que esquecer que a sentencia do TC da que estamos a falar deu lugar a tres votos particulares, un deles, como non, do propio Presidente, Manuel Jiménez de Parga , que consideran que os órganos de governo autonómicos non poden revalorizar, inda que sexa a súa propia costa, a cuantía da revalorización estatal.

Pero o anteproxecto de Lei, que o próximo día 19 de marzo vai ser obxecto de dictame, tamén aborda outras cuestións substantivas en referencia á acción protectora do sistema de seguridade social e establece algúns notables recortes que a continuación enumero:

Desaparecen as limitacións legais e xurisprudenciais actuais respecto á responsabilidade das sociedades laborais, nos casos de sucesión de empresa, en relación co pago das cotización e das prestacións da empresa anterior. Limitacións que tendían a garantir o mantenimento da actividade e do emprego por parte dos traballadores e traballadoras que optaban pola constitución dunha sociedade laboral, e que agora pretenden que desaparezan, o que inviabilizará en moitísimos casos esa posibilidade.

Modifícase o artigo 130 a) da Lei Xeral da Seguridade Social sobre incapacidade temporal esixindo que, cando se extinguira unha IT previa polo transcurso do tempo máximo de percepción (doce meses prorrogables por outros seis), para causar un novo proceso de baixa será requisito indispensable que o período de cotización de 180 días acredítese a partir da data da baia médica que orixinou o proveso anterior. Ademáis, cando o novo proceso de IT orixinarase polas mesmas doencias que deron orixen ao anterior, será preciso tamén que transcorrira un período de 180 días dende a dta en que se agotou o proceso previo. Deste xeito non se computan as cotizacións previas á baixa anterior.

Modifícase o artigo 140 da LXSS, de forma que nos períodos sen obriga de cotizar aplicarase a base mínima en vez de enche-los, como se fai agora, aplicando a doutrina do paréntese. Como consecuencia producirase un baixa na base reguladora en tres colectivos fundamentalmente afectados: subsidiados maiores de 52 anos, persoas en excedencia por coidade de fillos, ascendentes... e inscritos como demandantes de emprego, sen direito a prestación.

Modificación do art. 3 da Lei de Procedemento Laboral, de xeito que se lle substrae ao coñecemento da orde xurisdiccional social, os chamados actos de encadramento (inscripción de empresas, formalización da protección fronte a riscos profesionais, tarifación, cobertura de IT, afiliación, alta, baixa e variacións de dados de traballadores), que pasarían á xurisdicción contencioso-administrativa, o que, sen dúbida, vai ter consecuencias moi negativas para as persoas asalariadas.

En definitiva, mentres que o Governo amenaza cunha modificación das pensións, para computar na base reguladora toda a vida laboral, reivindicando así a posibilidade establecida no “acordo de pensións do 2001”, asinado coa CEOE e CCOO, agora, como quen non quere a cousa, preparou novas modificacións da Seguridade Social, de efectos perxudiciais para os traballadores e traballadoras. Primeiro, porque o pretendendido recorte de competencias autonómicas, ademáis do seu carácter centralista, pretende evitar, por parte de determinadas CCAA ,subas complementarias dunhas pensións estatais non contributivas que son miserentas. Segundo, porque se establecen unha serie de recortes de direitos que, ademáis, como soe ocorrer, afectan especialmente a colectivos máis necesitados. Comprobamos outra vez como cando o Governo fala de reformar, reforma sempre non so a pior, senón con certa alevosía respecto daqueles colectivos e persoas que menos poden defenderse.


Luis Burgos Díaz.
Gabinete Técnico da CIG.
Conselleiro do CES español.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/03/2003