Actualidade CIG-Comunicación-
Hai que salientar asemade a resposta solidaria do povo de Madrid e doutras partes do Estado que participou da mobilización ate facer que superase o millón de asistentes (segundo os organizadores) e os cen mil segundo as estimacións do Governo. Como os dados do governo sempre ¡sempre! están moi por debaixo da realidade cando se trata de protestas contra a súa política, deu por confirmado mesmo con estas importantes cifras o éxito da convocatoria. Poucos xornais fan estimacións de asistentes. "La Voz de Galicia" fala de máis de 300.000, "El Pais" de 240.000, e "Publico" de Portugal de 500.000. En todo caso, e para alén do número real, foi un éxito ¡un gran éxito!, máxime tendo en conta que era unha mobilización convocada dende Galiza, e que se fixo a 600 quilómetros do noso país.
Chegouse cedo a Madrid, pode que demasiado a dicir de moitos dos manifestantes galegos. Ás sete da mañá chegaron os primeiros autobuses, e foron arribando case que todos ate dúas horas despois. A manifestación estaba convocada para comezar ás 12 horas. Nun principio dende Atocha, mais despois, tendo en conta que a mobilización contra a guerra do pasado día 15 non puído completar o percorrido, decidiuse que saíra da praza de Neptuno. A protesta partiu ás 12:30 horas e foi axiña desbordada polos centos de miles de manifestantes que cubrían todo o percorrido dende Átocha ate a Porta do Sol.
Salientaron, como diciamos, as bandeiras de Nunca Máis e da Patria, así como varios estandartes da CIG, e unha morea de pancartas de organizacións nacionalistas (BNG, CIG, Galiza Nova, etc). Houbo tamén colectivos de imigrantes con pancartas (Brasil) e bandeiras (Uruguai, Arxentina, etc). Pódese dicir que o nacionalismo tivo unha presenza hexemónica, que foi froito do traballo desenvolvido para acadar o éxito da mobilización, e non só da capacidade e o numero dos seus militantes.
Chama a atención que ningún medio informativo, galego ou español, fixera a máis mínima mención á presenza hexemónica do nacionalismo galego, como se quixeran evitar que esta mensaxe chegara a todas aquelas persoas que non poideron estar fisicamente, porén que comparten preocupacións polos efectos da marea negra e a situación social de Galiza. Claro que hai 100.000 galegos e galegas que se van espallar por centros de traballo e estudo, aldeas e cidades, comentando o que ollaron e viviron nesta marcha e mobilización en Madrid, contrarrestan (en parte) esta cegueira informativa. Os berros foron, máis unha vez, dirixidos contra os responsábeis políticos que aumentaron cos seus erros ou desidia a catástrofe. Salientaron os de "Dimisión", "Esto nos pasa, por un governo facha", "O do bigote, que limpe o chapapote", "Incompetencia, incompetencia", etc. Mesmo houbo berros que facían referencia á cuestión lingüística como "Hoxe Madrid fala galego". | ||||||||||||||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/02/2003 |