Actualidade Santiago, 7 de febreiro de 2003 Outra máis de centralismo
O Governo español nos próximos días vai remitir ás Cortes Xerais o seu “Proxecto de Lei de Transportes Ferroviarios”. O anteproxecto xa foi dictaminado polo CES e, segundo este organismo indica, a delimitación do que será a Rede Ferroviaria de Interés Xeral (de competencia exclusiva do Estado) provocará conflictos coas CCAA que pretendan exercer as súas competencias, sobre todo tendo en conta as novas condicións de explotación das infraestructuras e dos servizos ferroviarios en réxime de livre competencia, que ven a ser o obxectivo central do futuro texto legal. Ben é certo que algúns dos criterios específicos para considerar a rede como de interés xeral non ofrecen moitos problemas á hora de delimitar o seu alcance concreto, como, por exemplo, aqueles que respetan o principio de territorialidade (itinerarios de transporte internacional ou de enlace das distintas Comunidades Autónomas) ou mesmo a reserva competencial para o Estado sobre as instalacións esenciais para a defensa nacional. Sen embargo, outros dous criterios, como “as conexións e accesos aos principais núcleos de poboación e os itinerarios de transporte ou instalacións esenciais para a economía nacional” son demasiado laxos e indeterminados en relación a un estricto reparto competencial que garante a exclusividade das CCAA no transporte intracomunitario. Pero a cuestión complícase ainda máis cando non se establece nengún mecanismo de participación efectiva das Comunidades Autónomas e preveese que será o Ministerio de Fomento o encargado de decidir unilateralmente sobre a inclusión ou exclusión na Rede de Interés Xeral dunha concreta infraestructura ferroviaria. As CCAA quedan así marxinadas non so da delimitación da Rede de Interés xeral senón tamén da actividade planificadora do sistema ferroviario, a pesar da notable importancia que este ten para o desenvolvemento e a ordenación territorial. O CES faise eco destes problemas dende a óptica de que poden ser fonte de conflictividade e crear un certo risco de inseguridade xurídica, pero, ao mesmo tempo non perde a oportunidade de, atendendo a unha proposta da CEOE “en defensa dos intereses representados”, solicitar do Governo que o texto legal “asuma a ordenación no ámbito estatal de condicións básicas do sector ferroviario, como as de explotación, seguridade, titulación do persoal, direitos dos consumidores, entroutras, en lugar de limitarse á ordenación da Rede de Interés Xeral”. Dende que en xuño do 2000 o Pleno do CES aprobara un informe sobre “unidade de mercado e cohesión social”, daquela cos votos favorables de CEOE e CCOO, xa estamos acostumados a que este organismo, consultivo e asesor do Governo, reclame maior contundencia e amplitude no exercicio das competecias estatais, inda que, como neste caso, non exista título competencial algún que o habilite para iso e si exista unha sentencia do Tribunal Constitucional (STC 118/1996) que deixe as cousas claras ao respecto do transporte terrestre. Máis para algúns a constitución real é o sacrosanto mercado e a unidade da orde económica, que é onde reside o seu interés hexemonista. A partir de aí o poder da ideoloxía é enorme e xa nen siquera admiten a España Constitucional de “nacionalidades y regiones”. Agora reivíndicase sen complexos a España imperial e provinciana e, por iso, non so os nacionalistas senón moitas persoas que creen e defenden a autonomía política, e non unha mera descentralización administrativa, están a sentir moi perto a incomprensión e a agresividade dunha España separadora. Luis Burgos Díaz. Gabinete Técnico da CIG. Conselleiro do CES español.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/02/2003 |