Actualidade / Artigo Santiago, 17 de xaneiro de 2003 Salario Mínimo Interprofesional 2003
O artigo 27 do Estatuto dos Traballadores (ET) establece que o goberno fixará, despois de consulta coas organizacións sindicais e asociacións empresariais máis representativas, anualmente, o salario mínimo interprofesional (SMI) e, por outro lado, unha revisión semestral para o caso de que non se cumpran as previsións sobre o índice de prezos ó consumo (IPC). Nos últimos catro anos (1999 a 2002), os cativos incrementos do SMI, ancorados na previsión de inflación do goberno, que sempre resultou desbordada pola realidade á fin de cada ano, xunto coa non aplicación da revisión semestral á que ven obrigado pola lei do ET, acumularon unha perda de case o 6% da capacidade adquisitiva das persoas que obteñen ingresos vencellados ó importe do SMI. Persoas que son moitas máis das que a primeira vista parecería. Efectivamente, non só afecta ás persoas que traballan e non teñen convenio colectivo aplicable, senón tamén, por exemplo, ás que non teñen emprego pois serve de base de cálculo de determinadas prestacións e subsidos. Afecta indirectamente tamén, ós e ás pensionistas que cobran as pensións mínimas legais. Para este ano 2003, o goberno acaba de fixar o SMI en 451,20 euros mensuais, é decir, só un 2% sobre o do 2002, cando o IPC do ano pasado chegou ó 4%. Unha profunda inxustiza, que desvela máis unha vez a política antisocial e regresiva deste goberno, que con ruindade e miserablemente, cébase coas persoas máis desprotexidas. ¿Quen pode vivir a estas alturas cun salario mensual de setenta e cinco mil das pesetas de antes? Pero é que ademais, nesta ocasión, o ministro Zaplana esmerouse dabondo. A consulta ós sindicatos, á que está obrigado por lei e que até agora se verificaba nunha reunión convocada ó efecto, foi substituída por un telefax enviado a cada unha das catro centrais máis representativas (CIG, ELA, UGT e CCOO) solicitando a opinión de cada quen pola mesma vía, no prazo de dez días. No caso da CIG, ademáis, o Ministerio de Traballo non debía ter moito interese en saber dos nosos argumentos, pois o tal telefax nen sequera foi enviado en tempo e a onde correspondía. Como vemos, ¡todo un exemplo de actitude dialogante! Máis o colmo do cinismo é a explicación coa que o ministro Zaplana agasalla ás persoas afectadas e a toda a cidadanía. Na prensa do día 28 de decembro (¿iñocentada da peor especie?) presenta o SMI acordado polo Consello de Ministros e xustifica o inxustificable: unha subida superior ó dous por cento prexudicaría ós traballadores “pois podería provocar que os contratos suxeitos a este salario desaparecesen, xa que non resultan esenciais para o mantemento da actividade económica e son os máis facilmente prescindibles e ademais, se fosen despedidos terían serios problemas para atopar outro emprego”. Sobran comentarios. A CIG ven reclamando que o SMI acade uns niveis minimamente dignos, o que require de incrementos anuais bastante superiores á suba do IPC, de maneira que se poida achegar progresivamente ó 60% do Salario Medio (o que significaría en 2003 perto dos 750 euros mensuais). Esta reclamación está ademais ó abeiro dos compromisos do Estado español, que en 1980 subscribiu a Carta Social do Consello de Europa, onde se establece precisamente nun 60% do salario medio o umbral para considerar ó salario mínimo interprofesional de cada país como renda digna. Fernando R. Acuña Rúa, secretario confederal de Relacións Institucionais.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/01/2003 |