Actualidade / Artigo Santiago, 17 de decembro de 2002 ¡Nunca máis, Pedro Ruiz!
| | Antolín Fernández Álvarez- | CIG-Formación |
A semana pasada vin o programa perpetrado por Pedro Ruiz na TVE-1, e sentín que a miña dignidade de galego tiña que berrar ben forte: ¡BASTA XA DE TOMARNOS POR PARVOS!!! Ouhhh pobriños galegos amolados pola desgracia desta marea negra, nós, os artistiños espanois estamos a axudar-vos e non só nós senón todos aqueles que van aportar a súa axuda caritativa, a súa limosna para os galleguiños desgraciados polo fuel-oil. Xa está ben de ter que aturar estas actitudes de españois ben pensantes que lles encanta saber que no Nor-oeste hai unhos seres moi boíños aos que lles caiu enriba a desgracia de ter as súas costas escaralladas para anos. E como solución nos montan un Show caritativo das Vedettes oficiais, esquecendo-se e tapando que hai responsábeis directos con nomes, apelidos e cargos institucionais e políticos desta desfeita sen precendentes en Europa. Que se creen que somos os galegos???? Os galegos non, non e non queremos caridade e aínda menos compasión; esiximos depurar responsabilidades e demisións. Queremos que os presupostos do Estado do cal nós somos contribuíntes contemplen as medidas e axudas económicas necesarias para paliar as perdas económicas de todos os afectados (mariñeiros, mariscadores, percebeiros, comercializadores, lonxas, redeiros, hosteleiros, transportistas, etc, etc) e as inversións precisas para reconstruír e recuperar as nosas costas. Non precisamos caridade que esconda a responsabilidade de aqueles que convertiron un accidente marítimo nunha catástrofe social, ecolóxica e económica para Galiza e para toda Europa. Non podo aturar que se confunda Solidariedade con caridade de señoritos artistas que gañan millonadas e identifican Galicia con paraíso verde, turismo de mariscadas, folcloradas e comer ben e non se enteran de que estamos fartos de Casón , Reconversión naval (Os luns ao sol), Vacas tolas, Mar Egeo, Incendios forestais, reducción da flota pesqueira, emigración crónica e para rematar o Prestige... e ben seguro que me esquezo de algunha putada máis. E si que quero expresar a miña gratitude a todos e todas aqueles voluntarios e voluntarias que SOLIDARIAMENTE, dende mil sitios do Estado viñeron a limpar e enfouzar-se e contaminar-se de fuel-oil ao carón de mariñeiros e xente do mar. E digo todo esto como galego do interior de Galiza, galego da serras de Ourense, e dende a relativa lonxanía da costa da miña Patria Galega reclamo: Dignidade, Dignidade, Dignidade. Antolín Fernández Álvarez é secretario de CIG-Fomación Ourense.
|