Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 29 de novembro de 2002

Da caza e da pesca
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



Os especuladores bolsistas xa están sacando conclusións de fondo en relación ás consecuencias da marea negra que destrúe a riqueza pesqueira das costas galegas. Desde o comezo da catástrofe a empresa Pescanova revalorizouse un 25% en bolsa. Os especuladores -que miran tamén a longo prazo- concluíron o seguinte: a) o peixe e o marisco galego desaparece do mercado por tempo indefinido; b) para abastecer ese mercado haberá que comprar o peixe e o mercado noutros países ou portos do estado; c) haberá un incremento substancioso dos prezos do marisco e do peixe; d) o mercado recorrerá cada vez máis aos productos conxelados; e) ese é o gran negocio de Pescanova e polo tanto é un valor en alza que dará suculentas ganancias.

Mentres esto acontece, o resto do sector comercializador de pequena ou mediana monta tamén saca conclusións: a) as perdas para os comercializadores e exportadores de peixe e marisco serán polo menos catro veces superiores ás xeradas no seu momento polos vertidos do Urquiola e o Mar Exeo; b) os comercializadores, traballadores autónomos na súa inmensa maioría, serán os mais prexudicados porque para eles non hai axudas como as anunciadas para os mariscadores, pescadores e armadores, e c) os exportadores que podan terán que saír a outros portos a buscar peixe e marisco para manter a súa cota de mercado.

Por outra banda, o sector extractivo do cerco, por exemplo, leva xa varios días sen atopar sardiña, xa que estes animais emigraron dos seus bancos naturais da costa galega por culpa do fuel que navega á deriva pola costa galega. A flota de cerco levaba xa dous meses en paro biolóxico para rexenerar a producción e a flota da pescada levaba catro meses en paro biolóxico co mesmo fin. Esforzo inútil.

Xa estamos vendo as primeiras consecuencias da catástrofe, e aínda esto está comezando. Volvemos a insistir, con perdón dos cazadores e dos cazados, en que hai que empezar a falar xa dun Plan Marshall para a costa galega.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/11/2002