Actualidade / Artigo Santiago, 25 de outubro de 2002 Vivenda e solo municipal
A vivenda vai camiño de se converter nunha das frontes da próximas contendas electorais municipais e xerais. Zapatero xa o viu, e presentou un presunto plano feito ao vóeo para enfrontar o especulativo encarecemento dos pisos, que se viu beneficiado por unhas declaracións de Álvarez Cascos, avaladas logo por Zaplana, no sentido de que a vivenda sobe “porque moitos españois poden paga-la”. Ademais de desafortunado, este diagnóstico revela que o PP vai perdendo cada vez mais o sentido da realidade e comeza a crerse a súa própria propaganda. Aínda que é evidente que o custe da vivenda está relacionado coa demanda hai outros factores a tomar en conta. Impertérritos ás advertencias sobre a existencia dunha burbulla inmobiliaria, os inversores seguen apostando polo ladrillo como un valor seguro, ante a recesión que está en marcha. Á especulación somanse os baixos tipos de interese, a falta de incentivos ao aluguer e o prezo do chan urbanizábel, que os concellos utilizan como fonte de financiamento. Este último factor é preocupante, xa que ao desaparecer os ingresos que aportaba o Imposto á Actividade Empresarial aos concellos, éstos botaran man do seu principal activo para obter ingresos: o chan. Xa estamos a ver nas principais cidades galegas, por exemplo, a onda de recualificacións como solo urbanizábel de moitos terreos que non o eran. Agora que estamos en precampaña electoral municipal, observamos a presentación de planos de ordenación municipal que se basean fundamentalmente na construcción de vivendas e na oferta de terreo industrial. Cuiña, coa súa Lei do Solo, tampouco non resolve o problema xa que este instrumento legal alenta aos especuladores e lle fai o caldo gordo aos intereses recaudatorios dos municipios. Ollando cara diante, só vemos que o problema se vai a agravar. Agora serán os concellos os que contribuirán á agudización do problema co pretexto de poder cubrir os seus presupostos. Hoxe o solo representa en promedio o 40% do prezo final dunha vivenda.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/10/2002 |