Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 11 de outubro de 2002

A burbulla inmobiliaria
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



O Banco de España acaba de desmontar a posta en escena do goberno cos cálculos imaxinarios de medra económica que se propoñen nos ilusorios presupostos do 2003. O instituto dixo que no mellor dos casos a economía medrará sobre o 2%, moi lonxe do 3% prognosticado polo goberno de Aznar.

Aparte de isto, novos informes económicos advirten das serias dificultades polas que atravesan as familias e determinados valores como a vivenda.

O prezo da vivenda subiu no estado español desde 1980 un 124% en termos reais, segundo revela o ultimo estudio do mercado inmobiliario internacional do semanario The Economist.

Factores como a baixada dos tipos de interese, o refuxio de capitais en valores inmobiliarios, así como o auxe de vendas de segunda vivenda a estranxeiros se apuntan sobre os motivos da burbulla inmobiliaria que se produciu.

Pese a que entidades bancarias como o BBVA alertaran a través de sucesivos informes da perigosidade que para a economía entraña este desmesurado encarecemento do chan, os prezos da vivenda seguiron ao alza. Outras fontes inmobiliarias, sen embargo, prognostican que a especulación inmobiliaria que se veu rexistrando ten os días contados e que xa se están a producir síntomas que o manifestan. As familias do estado español atinxiron un nivel de endebedamento do 77% da súa renda bruta dispoñíbel, e os créditos para adquisición de vivenda supoñen xa un 40% de dito agregado, segundo o último informe do Banco de España. Se aumentase un punto o tipo de interese dos créditos hipotecarios se agravaría a dificultade económica –xa evidente– das familias para chegar a fin de mes.

A situación sería mais grave de producirse unha diminución en termos reais dos prezos da vivenda, dado o seu carácter de garantía real dos créditos hipotecarios. Cabe lembrar, por exemplo, que no período 1992-95 se rexistrou unha reducción en termos reais do 15% e en termos nominais do 1,7%. Iso supuxo tensións importantes tanto para as familias como para as empresas do sector que adquiriran chan ou inmobeis a prezos moi elevados.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/10/2002