Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 5 de abril de 2002

Monterrei: outro inútil cume internacional
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



Entre o 18 e 22 de marzo realizou-se en Monterrei, México, a Conferéncia Internacional Sobre a Financiación para o Desenvolvimento no ámbito da Organización das Nazóns Unidas, onde participaron e expuxeron mais de 200 representantes de paises, comunidades e organizacións internacionais de todo tipo.

Unha grande difusión tiveron as intervencións de Annan (ONU), Wolfensohn (BM), Koehler (FMI), Moore (OMC), Prodi (CE), Aznar (España - UE), Chirac (Franza) e Bush (EEUU) entre outros que nada engadiron aos documentos preparados con anterioridade ao cume, agás no concerninte á negativa de Washington de garantir un piso do 0,7% (200.000 millóns de dólares) da riqueza dos paises industrializados a efeitos de ser asignada para o desenvolvimento dos pobres e o “aperfeizoamento” do seu modelo económico de libre mercado. A UE aporta o 0.4% e EEUU o 0.2% dos seus respectivos productos brutos internos e, sen embargo, resgan-se as vestiduras ao momento de sinalar a sua preocupación polo subdesenvolvimento e a pobreza mundial que atinxe a 1.200 millóns de seres humanos que non chegan a subsistir con menos dun dólar diário. Segundo dados da Organización de Cooperación e Desenvolvimento Económico (OCDE) somente o 8,0% da Asistencia Oficial ao Desenvolvimento destina-se a mellorar os meios de vida das tres cuartas partes da povoazón pobre, e estamos a falar de 25.000 millóns de dólares somente.

Facer-nos perguntas como as que seguen nos pode levar a comprender o inocuo do Consenso de Monterrei, como onte o foron a Asamblea e Declaración do Milénio (Set-2000) ou a Conferéncia Internacional de Qatar (Nov-2001) e serán-o o Cume Mundial sobre a Alimentación (Xun-2002) e o Cume Mundial para o Desenvolvimento Sostíbel de Johannesburgo (Ago/Set-2002), se non se logran respostas afirmativas en forma urxente:

Quere-se cumplir co compromiso asumido no ano 1996 e 2000 nos Cumes Mundiais sobre a Alimentación e do Milénio de eliminar á metade a pobreza para o ano 2015?- Non, por iso falan de o lograr no ano 2025 sen nengun tipo de convencemento e sen fixar unha porcentaxe exacta de axuda, o que demostran que o proclamado é mendaz.

Criará-se o Fondo Humanitário Internacional proposto no cume?- Non, ao contrário se aumentarán as presións e inxerencias do BM, FMI e OMC sobre os paises pobres.

Diminuirán-se os gastos militares mundiais?- Non, agora nos queren obrigar a loitar a todos contra o terrorismo da man de George Bush e contra o narcotráfico fora das raias de EEUU, o principal país consumidor de drogas do mundo.

Estabeleceu-se a forma de condonación da déveda externa dos paises mais pobres ou o tratamento que se lle dará á mesma sobre os paises de ingresos intermédio?- Non, o Primeiro Mundo sabe que iso facilita a dependéncia e serve para extorquir aos do Terceiro e Cuarto Mundo como o veñen facendo desde a criación do FMI.

Estenderán as oportunidades que gozan os cidadáns dos paises mais avanzados a todos os seres humanos que povoan o mundo?- Non, nas axendas dos seus paises e mercados non están contempladas outras situacións que non sexan as de incrementar as transferéncias de riquezas desde os paises proveedores de matérias primas cara as suas fábricas globalizadas, para devolver productos acabados en termos de troco impostos por eles coas suas proteccións mediante.

Mudará-se a proporción dos fondos destinados ao comércio mundial en relación aos destinados a operacións especulativas financeiras?- Non, porque perderian as actuais condicións de control e monitoreo sobre todas as economias nacionais e rexionais, xunto ás políticas de privatizacións que non aplican nas suas terras.

Levarán-se a cabo reais e efectivas políticas internacionais contra o analfabetismo, as enfermidades, a desnutrición e a destrucción do ecosistema?- Non, e de iso se deu mostra desde que as grandes poténcias beneficiadas, co seu capitalismo e liberalismo, se distribuiron e apoderaron das riquezas do mundo, criando un norte avanzado e rico fronte ao sul humillado na pobreza, a morte, as desigualdades e o ataque constante ao meio ambiente.

Estabelecerá-se unha taxa ás operacións financeiras internacionais para criar un fondo para o desenvolvimento da humanidade (Taxa Tobin)?- Non. Nen sequer un imposto deste tipo é aceitado.

Entón perguntamo-nos, ante tanta matéria gris de lideres, estadistas, profisionais e estudosos convocada pola ONU: Por que non xurdiu unha soa proposta real, efectiva, rápida e consensuada para comezar hoxe mesmo ese camiño declamatorio de tanta preocupación e cheo de tanto diagnóstico das calamidades que sofren os seres humanos da terra?
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/04/2002