Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 19 de abril de 2002

Asi caiu o ditador Carmona
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



Unha das máximas de todo golpista é non abandonar o centro do poder. E foi exactamente o contrario o que ocorreu o sábado 13 de abril na tarde, cando o usurpador Pedro Carmona Estanga, deixou en mans dos seus inimigos o Pazo de Miraflores. Era mediodía e os feitos ocorrian a unha velocidade de vértixe.

Xornalistas venezolanos que estiveron no Pazo de Miraflores o sábado 13 de abril contaron a este cronista que Carmona Estanga foi praticamente desaloxado porque non lle garantian a seguridade e porque, xa se sabería logo, a Casa Militar e a Guardia de Honra Presidencial o querian fora para entregar a praza ao chavismo. O Pazo era un foco rebelde. De feito, o novo chefe de Casa Militar, o almirante Carlos Molina Tamayo (militar que se alzou publicamente en febreiro), foi conminado a ir-se tamén porque, lle dixeron, "do contrario non respondemos pola sua vida". Quizais estes se converterían nos erros políticos e militares que máis pesarían na derrota dos golpistas.

O novo goberno abandonou o centro do poder porque nunca tivo en realidade o control do mesmo. Non pudo mudar a Casa Militar que seguía sendo-lle leal ao presidente Chávez. Fontes do Movimento Quinta República nos confirmaron que foron os membros de Casa Militar os que contactaron aos ministros chavistas e abriron-lles as portas de Pazo.

O primeiro erro do goberno dictatorial foi enganar a moitos dos seus aliados. Ao principio sempre se falou de Xunta de Goberno e de pronto aparece Carmona Estanga unxido como líder único do novo proceso, designado polo Comandante do Exército, Efraín Vázquez. Segundo nos conta conta o xornalista Juan Carlos Zapata, analista do diario Tal Cual, “nen empresarios, nen políticos, nen sindicalistas implicados na conxura golpista saben-o explicar. Que pasou? Quen decidiu que fose só Carmona Estanga cando o venres na madrugada se falaba de opcións que integrarían a Xunta? Quen desbotou dun plumazo os nomes de Guaicaipuro Lameda (expresidente da petroleira estatal), de Carlos Ortega (presidente da CTV) e de Francisco Arias Cárdenas (ex compañeiro de armas de Chávez e ex candidato presidencial), entre outros? Algúns dos consultados sinalaron que cando chegaron ao lugar de xuntanzas foron informados da designación, e a aceitaron con resignación. Aí comezaron tamén as diferenzas con Ortega, o presidente da CTV, que fora parella de Carmona na rebelión civil”.

Entón veu o erro de fondo. O Decreto Número 1 e o único de cuxa autoría hai discusions. Un decreto que dinamitaba todas as institucións democráticas dun plumazo e máis, porque até reformaba a Constitución vixente. A euforia dos primeiros minutos ficaba atrás, xa que inclusive algúns dos empresarios que asistiron ao acto do Salón Ayacucho comezaron a perder confianza no novo réxime. O xornalista Zapata sinala que “o que pasou é que Carmona Estanga novamente desouviu os consellos dos sectores mais moderados sobre como encauzar a transición. Desbotou un primeiro documento de decreto para acoller o definitivo que leu fronte ao que semellaba unha asamblea de empresarios congregada en Miraflores. Non hai dúvida xa de que Carmona Estanga se entregou aos sectores mais radicais do capital, o Opus Dei e a Forza Armada”.

A demostración de iso é que no gabinete de goberno que designa Carmona aparece como ministro de Relacións Exteriores, José Rodíguez Iturbe, alto dirixinte do partido socialcristiano Copei e connotado representante do Opus Dei en Venezuela. É nomeado como ministro de Finanzas, Leopoldo Martínez, alto executivo do Grupo Cisneros, cubano anticastrista radicado en Venezuela de estreita relación coa Fundación Cubano Americana de Mas Canosa, en Miami. Ademais designa en distintos cargos a militares de extrema direita sen mando en praza e a ex ministros dos gobernos de Carlos Andrés Pérez.

O acto de promulgación do Decreto 1 foi o venres na tarde. Pero xa na noite se reunían banqueiros, empresarios e sindicalistas da CTV para deseñar mecanismos a fin de botar para atrás o decreto. A esa mesma hora, o xeral Raúl Baduel (fiel a Chávez) e o gobernador Didalco Bolívar iniciaban a toma de Maracay e da base militar. Por outro lado, hai que lembrar que xa o xoves na tarde, Luis Miquilena (ex ministro de Chávez), desde un canal de televisión, tentaba que se lle considerase como factor de negociación, e é sintomático da liña extremista que seguía o novo réxime o que tentasen volar dun plumazo as institucións, e entre elas a Asamblea Nacional, somente para evitar sentar-se a negociar con Miquilena. O analista Zapata cualifica isto como “craso erro”. “Non só se botaron encima ao chamado chavismo moderado (representado por Miquilena), se non a todos os factores políticos representados na Asamblea Nacional”. O venres na noite, o director do diario TalCual, Teodoro Petkoff, no canal Televen, criticaría o decreto e o seu conteúdo plutocrático, o cal sería demolidor nun sector moi amplio da opinión pública.

En consecuencia, na mañá do sábado, xa o goberno transitorio tiña pés de lama. Tivo-o en realidade desde que o sindicalista Alfredo Ramos, en nome da CTV, non apoiou o decreto nen a designación de ministros no acto do Salón Ayacucho do Pazo de Miraflores. O certo é que ao mediodía do sábado, con todos os factores en contra, Carmona Estanga recoñecía que estaba obrigado a botar para atrás, pero os factores advertian-lle que ao restituir-se a Asamblea Nacional con nova directiva, se procedería tamén a designar un novo presidente transitorio, xa que el perdera credibilidade. “De todos modos estaba obrigado a seguir até o final, pero a insurxencia militar medraba, o chavismo reagrupaba-se, e o povo tomaba as ruas. O seu tempo estaba contado. Ao finalizar a tarde, saíra de xogo. O seu goberno caíra e a restitución de Chávez foi un asunto que se decidiu só entre militares”, sinala Zapata.


O asunto militar

O decreto feixista logrou unir nunha soa causa aos militares chavistas e aos institucionalistas. De modo que a maioria que gañara Carmona a noite anterior, se perdeu tamén dun plumazo. O comandante do Exército aparece na noite corrixindo-lle a plana a Carmona Estanga e exixindo-lle que restitúa a Asamblea Nacional. Pero non só iso, na designación do tren militar que o acompañaba, incluindo ao ministro da Defensa, foron saltados xeitos formais e de antiguidade, que no mundo militar venezolano pesan moito. Iso criou resquemores e solidariedades automáticas. Iso explica a declaración do comandante da Guardia Nacional á prensa, ao deixar en claro que as nomeazóns as facía el e somente el. E iso que a Guardia foi o corpo mais leal ao que agora chaman Pedro o breve.

A continuación comezan a pronunciar-se a guarnicións militares a favor de Chávez unha vez que se evidencia que é falso que Chávez renunciase á presidéncia e disolvera o Gabinete.


Caza de meigas

O diputado da Asamblea Nacional Juan Barreto, membro tamén da Dirección Nacional do MVR, nos comentou que tamén co seu decreto, “o goberno dictatorial enviou un sinal represivo a algúns sectores da clase meia que en Caracas quixeron tomar-se a xustiza polas suas mans, co apoio dos alcaldes Leopoldo López e Henrique Capriles Radonski, dos municipios de Chacao e Baruta. No município Sucre, foi tomada a alcaldía, e no Táchira e en Mérida os gobernadores foron desaloxados dos seus postos. Con apoio da policía municipal de Baruta montou-se o asedio á embaixada de Cuba”.

E aquí hai que dicer que o que non fixo o chavismo en nengunha das oportunidades en que gañou eleicións, en troco si o fixeron quen horas antes falaban de tolerancia, democracia e libertade. “Ao mesmo tempo desataba-se unha razzia represiva con máis de 140 allanamentos ás casas de exministros e dirixentes do partido de goberno e o asasinato de tres dirixentes dos Círculos Bolivarianos dos bairros populares de Caracas”, segundo sinala ao diário El Nacional o vice-presidente Diosdado Cabello.

A cara feixista do novo réxime ficou ao descuberto en menos de 24 horas e unha parte da povo que ficara en casa mentres Chávez caía, decidiu sair á rua a defender a Constitución e a exixir a liberdade do presidente Hugo Chávez.


Xornalistas como carne de cañón

A decisión dos canais de televisión venezolanos de non transmitir información durante o sábado 13 de abril mostra ás claras a implicación directa dos meios de comunicación no golpe e tivo unha grave consecuencia: os reporteiros senten ameazada a sua integridade e converteron-se en carne de cañón das aventuras políticas dos donos dos meios.

Que aconteceu o sábado 13 de abril cando os canais comerciais de televisión, aquilos que apelaban aos artigos 2, 57 e 58 da Constitución da República Bolivariana de Venezuela, en defensa da liberdade de expresión e do direito á información, se abstiveron de apresentar imaxe algunha do que estaba a acontecer nas ruas de Venezuela? Que conduciu a que RCTV cortase as declaracións do fiscal Isaías Rodríguez denunciando o golpe? Por que os venezolanos tiveron que recorrer a Radio Caracol, CNN ou a Televisión Española para se inteirar do que estaba a ocorrer? "Fomos obxecto dunha censura brutal", responde un reporteiro dun canal de televisión." Puxeron-nos un cerco e non nos permitiron traballar", di outro do canal da competencia. "Somos carne de cañón das aventuras políticas dos donos dos meios", refrenda un terceiro xornalista. Todos falan desde a sombra do anonimato. Agora temen pola sua vida e pola sua credibilidade.


Non informen nada

"A censura veu directamente dunha liña editorial do canal", di un reporteiro de RCTV. Censura que trouxo como consecuencia a renuncia do xerente de producción de O Observador, ainda que Eduardo Sapene, vice-presidente de información e opinión do canal, argumentou razóns de seguridade.

"A orde era non informar nada do que estaba a acontecer, o cal é incríbel porque se trataba dun dia histórico. Nengún dos xornalistas estivemos de acordo", prosigue o xornalista." Agora temos hipotecado o noso futuro: a seguridade e a credibilidade de todos están en risco porque a xente crie que o silencio do canal é unha decisión dos xornalistas. Son os nosos rostros os que eles coñecen e agora sentimo-nos ameazados".

Censura mais inseguridade: tal semella que as vítimas principais da guerra entre os meios e o goberno son os reporteiros. O sábado, cando os enardecidos motorizados fixeron acto de presenza en RCTV, e tomaron as suas instalacións, foron estes -ademais de camarógrafos e técnicos- quen temeron pola sua integridade. Tamén estabeleceron contacto con Jesse Chacón, presidente de Consello Nacional de Telecomunicacións. "Estamos a estudar cada caso en particular", di Chacón. "O Goberno é o primeiro interesado en resolver a situación. Igualmente estamos a avaliar o silencio da televisión privada do fin de semana. Os venezolanos viron duas realidades: a dos meios estranxeiros e a dos nacionais. Estamos a elaborar o informe técnico para determinar responsabilidades. Xa as anunciaremos". Pero de momento, a rua converteu-se nun cenario de alta perigosidade para os xornalistas de televisión.


A irresponsabilidade dun facha

Unha das cousas mais esperpénticas do fracasado golpe de estado en Venezuela foron as rumbosas e irresponsábeis declaracións á prensa galega do Presidente da Irmandade Galega de Caracas, Manuel Diéguez.

Usurpando tamén a representación da opinión política dos máis de cen mil galegos que viven en Venezuela, Diéguez se deu á tarefa de dicer nos meios de comunicación de Galicia e de Venezuela que os galegos de Venezuela apoiaban o golpe e estaban “eufóricos e aliviados” pola caída de Chávez. Este triste cabaleiro tamén presumía no Faro de Vigo de ser “amigo persoal” do ditador Carmona.

Con esas irresponsábeis manifestacións, Diéguez puxo en perigo a seguridade da comunidade galega residente en Venezuela. A furia dos pobres de Venezuela desatouse de novo durante o domingo pasado a través de saqueos aos comercios que afectaron non só a un número determinado de galegos, senón aos próprios comerciante venezolanos. As perdas foron cuantiosas e o señor Diéguez colocou á comunidade galega como inimiga do goberno.

Polo ben da comunidade galega, o señor Diéguez debería renunciar á presidencia da Irmandade Galega de Caracas e deixar a esa querida institución en maus máis responsábeis.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/04/2002