Actualidade Vigo, 26 de abril de 2002 Ollo ao laudo obrigatorio para o sector de transporte de viaxeiros da Comunidade de Madrid
O laudo de obrigado cumprimento dictado polo profesor Jaime Montalvo a instancias do governo da Comunidade de Madrid é un precedente que merece ser considerado sindicalmente, tamén dende Galiza, polas consecuencias “exemplarizantes” que pode ter nas autoridades guvernativas da nosa nacionalidade, sempre tan dispostas a aplicar recetas alleas. O laudo é atípico, xa que, ademáis do seu contido obrigacional, “resolve” algunhas cuestións de carácter sindical e “recomenda-lle” ás partes negociadoras e ao propio governo autónomo unha serie de cuestións. Resolve que o convenio subscrito por unha patronal de servicios discrecionais e regulares especiais non é válido (nin polo tanto as adhesións ao mesmo) porque non se admite “unha baixada en marcha do proceso negociador”. Con esto establéce-se unha línea clara de apoio ás organizacións máis representativas (que tamén o son neste caso no propio sector) e desestíma-se o intento de descolgue subsectorial. Esta é a primeira cuestión sobre a que merece chamar a atención, polas consecuencias sindicais que pode ter noutras situacions semellantes (tanto no transporte de viaxeiros como en outros sectores de servicios esenciais para a comunidade). Que un laudo obrigatorio, imposto pola autoridade guvernativa, permíta-se facer recomendacións ás partes é totalmente novedoso. Máis cando algunhas desas recomendacións non van dirixidas ás partes negociadoras, senón a “seus maiores”, esto é: ás direccións estatais das federacións sindicais e empresariais. Seguramente que ao darse o conflicto laboral nun lugar como Madrid, deu ánimos ao árbitro para recomendar que se negocie un convenio estatal, capaz de substituir ao laudo existente (que por certo foi decidido na Comisión Consultiva de convenios colectivos, cos votos favorabeis de CCOO, UGT, CEOE e Administración central ante a imposibilidade dun acordo no sector, despois de case sete anos de intentos negociadores) e de establecer unha estructura dacorde coa centralización da negociación colectiva, en funcion do obrigacionalmente acordado polas organizacións sindicais e empresariais españolas no AINC de 1997, acordo que, por certo, agora mesmo non está vixente, xa que non foi renovado. Difícil de entender que un arbitro, que debe resolver o conflicto laboral, para garantir a restauración do servizo público, sexa capaz de meter-se neste tipo de consideracións. Unha segunda recomendación diríxe-se a criticar, de xeito un tanto enrevesado, os métodos asemblearios utilizados habitualmente en todos os conflictos do transporte por estrada. O laudo considera que o sistema de representación sindical “non pode estar permanentemente posto en cuestión ou sometido ao placet de instancias efímeras ou inorgánicas, que poderían debilitar este instrumento esencial de defensa do conxunto dos traballadores”. Considera negativo que os responsables sindicais estean “mediatizados por elementos externos á avaliación estratéxica en cada caso máis oportuna, avaliación que corresponde aos sindicatos e ás organizacións empresariais”. Pero aparte destas recomendacións, que non son máis que iso, o contido do laudo é preocupante. En primeiro lugar pola súa vixencia: nada menos que catro anos; en segundo lugar porque non resolve nada sobre tempo de traballo: que é o verdadeiro problema laboral no sector ; en terceiro lugar porque, inda que garante a revisión salarial, determina totalmente os incrementos salariais non so para este ano senón para os tres seguintes (IPC+ 0,7%) e esto é especialmente grave nun sector de cativa base salarial senón se arranxa o tema da xornada (definición e remuneracion do tempo de traballo efectivo, presencia e espera) que é o que pode permitir levar un salario digno para a casa; en cuarto lugar, impon-se unha Comisión para a autorregulación dos servicios mínimos, que adoptará os acordos por maioría do conxunto dos seus membros, máis os membros son 7 da patronal, 7 dos sindicatos e 1 máis que será designado por mutuo acordo e se non se dese acordo, entón será o propio árbitro ou persoa que este designe. O laudo foi aceptado pola asemblea, esa asemblea que o propio laudo denosta, e reiniciou-se o servicio de autobuses. O problema para a autoridade está resolto. Os traballadores e traballadoras do sector deberán enfrontarse de novo con a dura realidade dos horarios abusivos e da disposición permanente ao servicio da empresa. Os sindicatos actuantes no conflicto deberán prantexar-se como queda agora a súa capacidade representativa e a súa capacidade para reivindicar melloras substanciais. Na Galiza tamén deberíamos reflexionar sobre este conflicto, por si acaso. Luis Burgos Díaz. Gabinete Técnico da CIG. Conselleiro do CES español.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/04/2002 |