Actualidade / Artigo Volver


Santiago, 15 de marzo de 2002

A “reforma” educativa do Partido Popular
 

Anxo Louzao Rodriguez-

cig-ensino-gz@cig-ensino.org



O modelo de Estado uniformizador, unitário e centralizador do PP expresa-se con toda clarividéncia no seu deseño de política educativa para todos os níveis educativos. A este princípio que impregna toda a acción política, social e económica do PP hai que sumar-lle outras constantes nos fundamentos e alicerces das tres leis orgánicas (Lei Orgánica de Universidades, Lei de Formación Profesional e Lei de Calidade). Son leis que propícian un sistema educativo privatizador, selectivo, clasista, antidemocrático e reaccionário. Son exclusivamente motivacións ideolóxicas e non as de mellorar a educación as que animan estas novas reformas.

Mais é importante non perdermos de referéncia, no momento de analisarmos a política educativa do governo do PP, que as “reformas” que se están promovendo están inseridas nos axiomas da globalización neoliberal: demonización do nacionalismo, constrición do gasto social, privatización dos servizos públicos (sanidade, ensino...), idolatrización do mercado, etc. Os sistemas educativos seguen a estar concebidos, en boa medida, para propagar valores asentados na colonización, na exterminación da cultura própria, na inxustiza social, na opresión dos povos, etc. Continuan a ser impermeábeis a princípios democráticos tan elementais como o dereito a coñecer e a aprender no idioma próprio, a soberania para podermos planificar, ordenar e lexislar sobre o ensino en Galiza. Por iso o PP ten como prioritária a reforma educativa.

A maioria absoluta do PP a nível estatal, co apoio, en moitos casos, do PSOE e coas institucións do Estado á sua disposición, supuxo que os proxectos educativos que non foron capaces de aplicar na anterior lexislatura, se amosen agora con toda a contumácia ideolóxica que caracteriza ao Partido Popular.

Esta perspectiva españolizadora -negadora da nosa história e identidade nacional e mesmamente usurpadora das competéncias das Comunidades Autónomas históricas- e a concepción do ensino como un constante proceso selectivo, segregador, elitista e antisocial, xa se evidenciou coa modificación das ensinanzas mínimas feitas en decembro do ano 2000.

É óbvio que unha das prioridades do governo do Estado é elaborar un novo modelo educativo baseado en modificar o actual corpus lexislativo, fundamentalmente aqueles aspectos máis progresistas, desde unha visión reaccionária e uniformizadora. Todo isto con grandes doses de demagóxia e de falsos argumentos.

O PP vén exibindo unha arrogáncia inmutábel en toda a aplicación do seu proxecto educativo. A maioria absoluta serve-lle para furtar todo tipo de debate e xa non digamos a negociación e o consenso. Asi se modificaron as ensinanzas mínimas, ignorando os governos autónomos, os partidos políticos, as organizacións sindicais , os MRPs e as organizacións estudiantis.

Esta actitude prepotente e antidemacrática fai-se patente na aprobación da Lei Orgánica de Universidades. Mália o seu rexeitamento unánime e as mobilizacións maioritárias, non só non moveron un ápice o seu proxecto inicial, senón que se superaron todos os récords de axilidade na sua tramitación. Agora toca-lle o turno á Lei de Formación Profesional que se está tramitando case clandestinamente e que proximamente se vai debater no Parlamento Español. O próximo proxecto será a Lei de Calidade. Para que a opinión pública o vaia asimilando, habilita-se a táctica de ir filtrando diferentes aspectos que a lei vai contemplar, xustificando-os polo importante fracaso escolar existente. Até o de agora non hai nengun borrador como punto de partida para poder debater e negociar.

A complicidade da Consellaria de Educación en todo este proceso é patética. Tanto o Presidente da Xunta como o Conselleiro de Educación actuaron como militantes disciplinados do PP, non como representantes do noso povo, con total vasalaxe e submisión aos mandatos de Madrid, sen importar-lles a usurpación e invasión das nosas competéncias.

A Lei Orgánica de Universidades vén definir un marco uniformista e incompatíbel coa pluralidade nacional do Estado e, polo tanto, a imposibilidade de termos un sistema universitário próprio. Lonxe de apresentar solucións á problemática actual das universidades galegas, vai ser unha pexa para expandir e afortalar unha univesidade galega pensada por e para o País. A aprobación desta lei foi o paradigma da actuación política do PP. Habia tempo que nengun proxecto educativo suscitara tanta unanimidade, ainda que por diferentes razóns, para o seu rexeitamento. Estamos ante un novo marco que limita a participación do estudantado e persoal non docente en diferentes órganos, baleira de competéncias ao Claustro e xerarquiza a representación do profesorado. A “máxima institución do saber” amosa unha estrutura estamental carente dos mínimos democráticos que calquer institución pública debe ter.

Esta lei cria novas figuras de profesorado, substituindo a funcionarización pola laboralización, ao posibilitar que o 40% dos cadros de persoal das universidades poda ser profesorado contratado, unha maneira máis de precariedade laboral. O seu carácter centralizador invade as competéncias da Xunta de Galiza, substraendo a posibilidade de selección do profesorado ás respectivas Comunidades Autónomas e á própria universidade, o que conleva unhas consecuéncias funestas para as universidades periféricas.

Un dos obxectivos que se pretende coa LOU é abondar na privatización, propiciando a participación das universidades privadas en órganos que lles son alleos e eximindo de certos requisitos ás universidades católicas. Trata-se, en definitiva, de debilitar o sistema universitário público en benefício do privado. Impón-se-nos unha lei sen prever nengun tipo de financiamento. Restrinxen-se as bolsas de estudo e continuan sen ser transferidas. O seu carácter elitista e selectivo plasma-se ao contemplar un sistema de aceso á universidade mediante probas específicas a cada faculdade, o que multiplica a selectividade, cria faculdades de distintas clases e impide a igualdade de oportunidades.

O proxecto de Lei Orgánica de Formación Profesional e das Cualificacións constata unha visión incluso antiautonomista, pois o Estado reserva-se os princípios, os fins, os instrumentos, a regulación e a coordinación do Sistema Nacional de Formación Profesional e das Cualificacións. Tamén é competéncia exclusiva da Administración do Estado o catálogo nacional de cualificacións profesionais, a avaliación e acreditación das mesmas, os requisitos mínimos dos centros, a organización da información e orientación profesional, a habilitación do profesorado de formación profesional, etc. Somente nos queda, polo tanto, a función administrativa e de xestión do sistema de formación profesional. Esta recentralización aflora tamén coa criación de centros de referéncia do Estado nas comunidades autónomas, constituindo mesmo un anacronismo a respeito da actual configuración do Estado. Estamos ante un proxecto de lei que uniformiza tanto que nen sequer ten en conta as diferentes necesidades e caréncias do tecido industrial e produtivo das estruturas económicas da nosa nación e non asume a transferéncia da Formación Profesional Contínua á Xunta de Galiza.

Unha vez máis estamos ante un proxecto marcado pola obsesión do PP por lexislar con critérios totalmente antidemocráticos. Asi, está previsto a eleición dos/as directores/as dos Centros Integrados pola Administración e non se garante unha xestión democrática. Amosa-se un carácter fortemente privatizador xa que as empresas van poder impartir FP Inicial, Ocupacional e Contínua e recibir subvencións públicas. Da mesma maneira que “especialistas” procedentes das empresas van poder impartir docéncia nos centros públicos e o profesorado da púbica poderá completar xornada con horas extraordinárias co efeito negativo que isto pode conlevar para o profesorado non numerário.

En definitiva, trata-se dun proxecto concebido para que a Formación Profesional posibilite a mobilidade laboral, a privatización e unha maior recentralización. Non pretende estruturar un sistema de Formación Profesional que dé resposta ás necesidades do noso sistema produtivo, como revulsivo para criar tecido industrial e ao mesmo tempo dar satisfación á demanda do alunado interesado en cursar Formación Profesional.

A terceira Lei Orgánica que a Ministra de Educación ten anunciado, a Lei de Calidade, está pensada para modificar diferentes aspectos da LODE (Lei Orgánica do Dereito á Educación), da LOXSE (Lei de Ordenación Xeral do Sistema Educativo) e da LOPAGCD (Lei Orgánica de Participación, Avaliación e Governo dos Centros Docentes), os tres pilares sobre os que asentou a política educativa o Partido Socialista.

A CIG mantivo unha posición crítica e rexeitou, mesmamente con folgas, estas tres leis, entre outras cuestións porque a LODE supuxo consolidar o financiamento ao ensino privado mediante concertos; a LOXSE non facilitou en Galiza a reforma que o sistema educativo precisaba; a LOPEGCD afondou ainda máis na xerarquización e na limitación da participación democrática dos centros. Pois ben, este modelo educativo, que está moi lonxe do defendido pola CIG, non nos impide observar que o proxecto que está forxando e impondo o PP vai en dirección diametralmente oposta ás nosas propostas e non resolve as deficiéncias que vén amosando o sistema educativo galego.

Todos os cámbios anunciados queren-se xustificar diante da opinión pública como a única via para reducir o alto fracaso escolar. Ao mesmo tempo quere-se dar a entender que as causas deste fracaso escolar veñen dadas pola promoción automática, por falta de barreiras selectivas, pola extensión da obrigatoriedade até os 16 anos, por ter como obxectivo un ensino igual para todos/as, etc. Ante isto optan por reincorporar a reválida e fixar diferentes itinerários segundo as capacidades do alunado.

Non é o fracaso escolar o motivo das reformas que por “goteo” nos van revelando. As razóns reais son perversas. O primeiro e fundamental é homoxeneizar o sistema educativo de todo o Estado. Unha recentralización que non vai garantir, nen sequer, exercer as nosas competéncias en matéria educativa. Que mellor para isto que unha reválida a nível de Estado que negue a sua plurinacionalidade e que nen sequer contemple examinar-se sobre os contidos que lles corresponde fixar aos governos autónomos?

O fracaso escolar xa foi o argumento esgrimido para modificar, en decembro de 2000, as ensinanzas mínimas do Ensino Secundário Obrigatório e Bacharelato, cando do que se trataba era de impedir que as Comunidades Autónomas exerceran, na prática (coa ampliación dos contidos mínimos) a potestade de fixar o 45% do currículo, como lles corresponde ás que teñen língua própria.

Outra razón política é conseguir un sistema máis selectivo, segregador e elitista que reproduza da mellor maneira posíbel as diferenzas sociais. Mais estamos, tamén, ante unha proposición que rompe coa avaliación contínua e desvaloriza o traballo do profesorado. A imposición da reválida non só restrinxe o aceso á universidade senón que tamén limita a posibilidade dos estudos de FP de grao superior, xa que para cursar estes estudos é preciso ter o título de Bacharelato.

Un dos aspectos máis positivos da LOXSE foi o da obrigatoriedade do ensino até os 16 anos e sustentá-la no princípio de comprensividade. Estamos a falar dun nível educativo obrigatório, polo que o obxectivo ten que ser non discriminar a ninguén nen cercenar as posibilidades futuras con camiños sen retorno. Non se pode encadrar un aluno/a aos 14 anos, segundo o seu rendimento, cara a FP, Bacharelato, abandono dos estudos ou Programas de Garantia Social. Esta proposta de itinerários concibe o ensino como un proceso selectivo e non como unha etapa obrigatória igual para todo o alunado, na cal o obxectivo debe ser que todos/as acaden o graduado en Educación Secundária Obrigatória, cos desdobres, reforzos, adaptacións curriculares, orientación, a atención individualizada que se precise; é dicer, mediante a atención adecuada á diversidade.

Anúncia-se tamén, dentro desta lei, o nomeamento por parte da Administración dos directores/as, o que reforzaria o carácter antidemocrático do funcionamento dos centros escolares. A xestión democrática segue a ser unha matéria pendente. Pretende-se cercenar ainda máis as competéncias do Claustro de profesores/as. A función da Inspección Educativa ve-se reforzada, non como dinamizadora, asesora e de apoio á función docente, senón como unha estamento máis da administración para un control burocrático e ideolóxico.

Mais nada se fala dunha lei de financiación do sistema educativo que corrixa as discriminacións, xa históricas, que sofre o noso ensino, que se remontan ao período das transferéncias en educación e que se agudizaron coa aplicación da LOXSE ao facer-se esta sen os médios necesários.

Calquer reforma debe estar precedida do consenso entre o Estado e as Comunidades Autónomas, no que figure somente o nível de aptitudes e capacidades que se deben alcanzar en cada nível de ensino. A partir de aí o governo galego debe ter competéncias para deseñar a sua ordenación educativa mediante unha Lei do Sistema Educativo Galego.

Toda reforma educativa debe sustentar-se en que o ensino ten que ser un obxectivo político prioritário: que conleve inversión orzamental suficiente (revertir no ensino público as subvencións que recibe o ensino privado), universalizar os servizos complementários, reducir as rátios de alunos/as por aula, programas nos centros que aborden e den solución ao fracaso escolar, etc. Unha reforma que garanta postos escolares suficientes de 0 a 3 anos, gratuidade dos libros de texto, laicidade, formación inicial e permanente do profesorado, xestión democrática dos centros e dotación de médios materiais e humanos necesários. Unha reforma que avance na galeguización do ensino e, polo tanto, teña como língua veicular o noso idioma.


Santiago, febreiro de 2002.

Anxo Louzao Rodriguez, secretário nacional de CIG-Ensino.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/03/2002