Actualidade Volver


Santiago, 15 de febreiro de 2002

Cinco mil persoas esixen en Santiago un cámbio de rumo na Unión Europea
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



 Clic para aumentar
Clic para aumentar
Case cinco mil persoas convocadas pola CIG, BNG, SLG, CAE e CAF expresaron este xoves en Santiago o seu rexeitamento ás políticas económicas e sociais da Unión Europea e contra a globalización neoliberal.
 
Case cinco mil persoas convocadas pola CIG, BNG, SLG, CAE e CAF expresaron este xoves en Santiago o seu rexeitamento ás políticas económicas e sociais da Unión Europea e contra a globalización neoliberal, coincidindo coa reunión de ministros de Interior e Xustiza da UE que se celebra entre o 13 e o 15 de febreiro na capital de Galiza.

Baixo un forte e escandaloso despregue policial os manifestantes sairon da Alameda santiaguesa e voltaron á mesma sen poder entrar no casco vello santiagués en virtude das represivas medidas de seguridade tomadas polo ministerio de Interior español.

Ao final da manifestación o músico e escritor Xurxo Souto leeu o manifesto común dos manifestantes que reza deste xeito:

O mito da construcción europea como espazo político democrático e soberano, garante de direitos económicos, sociais e políticos para os traballadores/as e os povos que conforman o território europeu está hoxe posto en entredito pola sangrante realidade de que a Unión Europea é cada vez mais un espazo económico e monetário onde os mercaderes campan a gosto e menos unha Europa social onde se protexen os direitos dos traballadores/as e as suas famílias.

Un tras outro, os distintos Tratados que xurden das cumes europeas apontan á instauración da mais estrita subordinación das necesidades sociais ás condicións de reprodución do capital. A ruptura unilateral do pacto social do Benestar por parte do capital impuxo-se e xustifica-se como a única política posíbel.

Os mecanismos que en aras da competitividade garanten a acumulación de benefícios á banca, os fondos de pensións e as empresas multinacionais son idénticos e reproducen-se na Unión Europea:

1.- Redución de custes:

  • Desfiscalización progresiva das rendas do capital como incentivo para a instalación de empresas que, no marco de políticas presupuestarias de déficit cero, construen a quebra financeira do sistema de protección social, ralentizada temporalmente polos ingresos do Estado procedentes das privatizacións.

  • Diminución das cotizacións sociais e restricción consecuente das prestacións sociais por desemprego, enfermidade, etc.

  • Redución da contía e dos colectivos con direito a pensións da Seguridade Social e medra correspondente dos planos de pensións privados.

  • Sucesivas reformas laborais que introducen masiva e progresivamente a precariedade no emprego e que implican a desindicalización prática dos colectivos afectados e a conculcación de direitos e a persecución que se instaura nas novas relacións laborais.

2.- Privatizacións:

  • Venda fraudulenta de empresas públicas rendábeis- precedida de xenerosos investimentos estatais - que pasan de ser monopólios públicos en sectores estratéxicos para pasar a ser monopólios privados.

  • Redución do orzamento destinado á financiación directa de estruturas públicas na sanidade e a educación coa correspondente degradación dos servizos, transferéncia de fondos a entidades privadas via concertos e privatización directa das suas parcelas rendábeis.

 Clic para aumentar
Clic para aumentar
Clic para aumentar
Baixo un forte e escandaloso despregue policial os manifestantes sairon da Alameda santiaguesa e voltaron á mesma sen poder entrar no casco vello santiagués en virtude das represivas medidas de seguridade tomadas polo ministerio de Interior español.
  
Neste contexto merece mención especial mención a intención da OMC de expandir –de forma destacada no ámbito da UE– o seu Tratado Xeral sobre Comércio de Servizos. A OMC pretende aprobar este novo Acordo que é unha nova forma do Acordo Multilateral de Investimentos ao que tivo que renunciar en 1998, ampliando-o aos servizos sanitários, educativos e servizos sócio-sanitários. Trata-se de estabelecer unha norma que conmine aos governos, a través dos mecanismos sancionadores correspondentes, a liquidar ou reducir sistemas públicos e universais, considerados como un obstáculo por aseguradoras e empresas privadas para a realización óptima da sua cota de mercado. O obxectivo explicito é obrigar a "favorecer en todo caso a competitividade" e a que as políticas sexan " o menos restritivas posíbeis co comércio".

O resuldado cara o que camiña este proceso, é evidente. Servizos sociais só ao alcance de quen poda pagá-los, nunha sociedade na que as relacións de produción necesitan menos mao de obra, mais barata e sustituíbel; o resto... simplesmente non conta, non ocupa lugar algun nos seus planos. O gasto social en servizos universais que beneficien á forza de traballo neste contexto, é un despilfarro que a crise non pode permitir-se, segundo sinalan os "expertos" da UE.

No plano político, a Unión Europea arrastra tamén severos déficits no recoñecemento da diversidade nacional nos distintos Estados que a conforman. Nacións sen Estado que non atopan mecanismos de participación na definición de políticas que os implican directamente e que afectan sectores estratéxicos das suas economias, se ven indefensas e os seus intereses vitais son utilizados como moeda de troco na negociacións cupulares entre estados que se producen nos organismos da Unión Europea. Galicia é un claro exemplo desta realidade, xa que ao longo dos anos viu como os sectores básicos da sua economia foron reducidos como consecuencia das políticas da Unión Europea.

Ao mesmo tempo, a subordinación da UE aos ditados imperialistas dos EEUU pon en evidéncia que a política internacional europea non pretende incidir no escenário mundial con políticas próprias e na procura de cámbios significativos no modelo antidemocrático, desigoal e profundamente negativo para os intereses dos traballadores do mundo que impón a globalización imperialista. O caso da guerra imperialista en Afganistán é un exemplo claro desta situación.

Fronte a este enfoque da Europa dos Mercaderes foi-se erguendo a alternativa da Europa Social e dos Povos, enmarcada dentro da loita contra a globalización neoliberal, que se expresa cada vez con mais forza nos últimos anos.

Esta visión solidária de Europa é cada vez mais urxente ante a evidéncia de que a situación económica mundial e europea se deteriora aceleradamente, o que trai consigo restructuracións e peches de empresa, desemprego e mais precariedade, ampliación das capas de marxinación e expulsión do sistema de seguridade social de cada vez mais persoas.

O obxectivo do pleno emprego, ainda que asumido teóricamente pola UE, está cada vez mais lonxe. As políticas de desregulación do mercado de traballo terán, en meio da crise económica que está en pleno desenvolvimento, sérias consecuencias na elevación da taxa de desemprego e no incremento da precariedade laboral. Fronte a esa situación, as políticas de emprego da Unión Europea evidencian, particularmente no Estado español, a sua inutilidade.

O novo entorno económico internacional pon en evidéncia tamén a urxéncia da defensa dun modelo social solidário e a loita pola recuperación dos direitos dos traballadores/as e a restauración de políticas sociais que se viñeron perdendo ao longo dos anos.

Mais alá da euforia pola implantación do euro e a autocomplacencia pola presidéncia española da Unión Europea, as organizacións sindicais, sociais e políticas que subscrebemos este documento, esiximos un troco de rumo na conducción da Unión Europea, o cese das políticos de déficit cero, a restauración dos mecanismos de protección social, a restauración do emprego de calidade, a reversión das políticas de desregulación laboral e o recoñecemento real dos direitos das nacións sen Estado dentro da UE.


Por unha Europa Social, Solidária e dos Povos.
Contra a Europa dos Mercaderes e a Globalización Neoliberal.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/02/2002