Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 9 de novembro de 2001

EEUU volta a baixar as taxas pero non logra frear a recesión
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



A Reserva Federal de Estados Unidos (Fed) rebaixou o martes as taxas de interese en meio ponto porcentual e advertiu que ainda vislumbra riscos importantes de que prosiga a actual debilidade económica.

A decisión era esperada pola maioria dos analistas, ainda que alguns apostaban que a Fed rebaixaria as taxas só nun cuarto de ponto, co argumento de que iso daria ao banco central mais espazo para seguir recortando durante os meses seguintes.

O Comité de Mercados Abertos da Fed deixou a taxa de fondos federales, equivalente á taxa interbancária, ao 2%, o seu nível mais baixo desde setembro de 1961. A taxa de desconto tamén ficou rebaixada en 50 pontos base e agora se situa en 1,5%.

"A maior incertidume e as preocupacións acerca do deterioramento nas condicións das empresas tanto aqui como no exterior están desacelerando a actividade económica", afirmou a Fed nun comunicado. "Para o futuro previsíbel, entón, fronte ao marco de referéncia das suas metas de longo prazo de estabilidade nos prezos e de medra económica sustentábel e da información disponíbel na actualidade, os riscos apontan principalmente cara unhas condicións que poderian xerar debilidade económica". Estas florituras verbais son típicas da Fed cando pintan bastos na economia.

O banco central agregou que se atopa inclinado a recortar novamente as taxas se a economia non comeza a mostrar sinais de estabilidade. Isto poderia ocorrer o 11 de decembro, data na que está prevista a próxima xuntanza do Comité de Mercados Abertos.

Trata-se da décima vez no ano que o banco central recorta as taxas para tratar de reactivar a alicaída economia e a terceira desde os atentados terroristas do 11 de setembro.

Pero a pesar dos contínuos recortes de taxas, a economia de Estados Unidos segue desacelerándose.

Primeiro foi o sector manufactureiro o que puxo o freo á producción mentres se mantiñan o consumo e as vendas de casas. Mais tarde, os sectores mais optimistas acabaron por flaquear tras os atentados terroristas e a aparición de casos de ántrax.

No terceiro trimestre, a economia do país contraiu-se un 0,4%, e é case seguro que no seguinte trimestre tamén se rexistrará outra contracción, o que significa que a economia xa entrou en recesión.

A taxa de desemprego pasou do 4,9% en setembro ao 5,4% no mes seguinte. Moitos economistas esperan que a taxa chegue ao 6% o ano que ven. Isto espertou temores de que a actual contracción sexa moito mais dura que a recesión vivida en 1990 e 1991.

Moitos analistas esperan que a economia se siga contraindo durante o primeiro trimestre de 2002, o que poderia significar que a taxa de fondos federales chegaria o ano que ven ao 1%.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/11/2001