Actualidade / Artigo Santiago, 16 de novembro de 2001 A recesión mundial é a consecuéncia do fracaso da globalización neoliberal
Moitos soen falar hoxe tranquilamente da "crise económica mundial ocasionada polos actos terroristas que tiveron lugar en Estados Unidos o 11 de setembro e pola guerra contra Afganistán desatada o dia 7 de outubro". Esa afirmación carece de fundamento algun. A crise viña desatando-se xa incontenibelmente. A crise económica non é consecuéncia dos ataques do 11 de setembro e da guerra contra Afganistán. Isto só poderia afirmarse por ignoráncia ou por interese de ocultar a sua verdadeira causa. A crise é consecuéncia do ruxidoso e irreversíbel fracaso dunha conceizón económica e política imposta ao mundo: o neoliberalismo e a globalización neoliberal. O acto terrorista e a guerra non orixinan senón fan moito mais grave a crise. O que viña avanzando aceleradamente, se precipita de forma abrupta. A humanidade ten agora que enfrontarse a tres problemas somamente sérios, os cais se potencian entre si: o terrorismo, a guerra e a crise económica. A crise asiática
En xullo de 1997, estala a primeira grande crise do mundo neoliberal globalizado. Os tigres asiáticos derrubaron-se. Xapón non pudo ainda recuperar-se e o mundo sofre ainda as consecuéncias. Desde estas páxinas de A Nosa Terra vimos reseñando semana tras semana a crónica desta recesión anunciada. En agosto de 1998, apresenta-se a chamada crise rusa que, a pesar do seu insignificante aporte ao Producto Interno Bruto mundial de apenas o 2 por cento, estremeceu e fixo baixar en cuestión de horas centos de pontos ás bolsas de valores de Estados Unidos. En xaneiro de 1999, só 5 meses despois, produce-se a crise de Brasil. Os esforzos mancomunados do Grupo dos Sete, o FMI e o Banco Mundial tiveron que empeñar-se a fondo para impedir que a crise se extendera por toda Sudamérica, asestando un golpe demolidor ás bolsas de valores de Estados Unidos. Entón tiña que pasar o inevitábel: a crise chegou a Estados Unidos, ao princípio apenas imperceptibelmente. Desde meados do ano 2000 comezaron a observar-se os primeiros síntomas, cunha diminución sustida do ritmo da produción industrial. En marzo dese mesmo ano o índice Nasdaq da chamada tecnoloxia de ponta xa comezara a descer. Produce-se igualmente unha enorme medra do déficit comercial: en 1999 fora de 264 mil 900 millóns e no 2000 elevou-se a 368 mil 400 millóns. No segundo trimestre do ano 2000 o Producto Interno Bruto atinxira unha medra de 5,7 por cento; no terceiro trimestre medrou somente 1,3 por cento. Desde outubro do 2000 comezou a cair a produción do sector industrial. Non obstante, a fins do ano 2000, os pontos de vista oficiais sobre as perspeitivas e os prognósticos da economia mundial eran ainda abondo optimistas. A realidade comezou pronto a mostrar-se francamente adversa. Desde princípios do 2001, o FMI, o Banco Mundial, a Organización para a Cooperación e o Desenvolvimento Económico (OCDE), a Comisión Europea, asi como instituizóns privadas, se viron na necesidade de axustar á baixa as suas previsions de medra para o 2001 nas distintas rexións. O FMI prognosticou en maio un 3,2 por cento de medra global no ano 2001. Para Estados Unidos en particular a proxección de medra nese mes era de 1,5 por cento e para a zona do euro era do 2,4 por cento. Xapón atravesaba a sua cuarta recesión en 10 anos e prognosticaba-se un decrecimento de menos 0,5 por cento no ano. O Director Xerente do FMI, Horst Kohler, en discurso pronunciado en Xenebra ante o Consello Económico e Social das Nazóns Unidas (ECOSOC), o 16 de xullo do 2001, sinalou: "A medra económica está a perder o ritmo en todo o mundo. Isto pode resultar incómodo para as economias avanzadas (os paises desenvolvidos e ricos), pero será unha verdadeira fonte de dificuldades para moitos paises con mercados emerxentes e en desenvolvimento (os paises pobres e subdesenvolvidos) e un retroceso na loita contra a pobreza." A produción caiu na maioria dos paises do Suleste Asiático, con excepción de China, e en América Latina. Segundo o Banco Mundial, a medra do Suleste Asiático, que despois da sua impresionante caída en 1997 comezaba a recuperar-se, pasaria do 7,6 por cento no 2000 ao 4,5 por cento este ano, e o continente latinoamericano medraria un 2 por cento, a metade da medra do 2000. Outras instituizóns tamén facian prognósticos. A revista The Economist estimaba en abril que a medra mundial no 2001 seria de tan só o 2,7 por cento, o que contrastaba co resultado atinxido no ano 2000 do 4,6 por cento, mentres que o troco comercial no mundo medraria nun 3,5 por cento, comparado con un 13,4 por cento no 2000. Para a zona euro, a OCDE, no seu informe semestral divulgado a princípios de maio do 2001, estimaba que a Unión Europea medraria un 2,6 por cento, o que subpuña un recorte de 0,5 pontos á sua proxección inicial. A recesión global
O 10 de setembro, só un dia antes dos sucesos en Nova Iork e Washington, o FMI revisou o curso das prediccións de medra da economia mundial e a de Estados Unidos, Europa e Xapón da seguinte forma: Economia mundial: Outono do 2000: 4,2%; Marzo 2001: 3,4%; Primavera 2001: 3,2%; Setembro do 2001: 2,7. Ia a cair progresivamente desde 4,2 a 2,7 en menos dun ano. Medra de Estados Unidos: Outono do 2000: 3,2%; Marzo 2001: 1,7%; Primavera 2001: 1,5%; Setembro do 2001: 1,5%. O mesmo, de 3,2 a 1,5 en igual período. Medra de Xapón: Outono do 2000: 1,8%; Marzo 2001: 1,0%; Primavera 2001: 0,6%; Setembro do 2001: 0,2%. Os números son elocuentes. Medra da Zona euro: Outono do 2000: 3,4%; Marzo 2001: 2,7%; Primavera 2001: 2,4%; Setembro do 2001: 1,9%. Sen excepción algunha, os tres grandes centros da economia mundial viñan caindo no seu ritmo de medra a menos da metade en menos dun ano. No caso especial de Xapón, reduciu-se a case cero. Situación do emprego
A finais do 2000, a taxa de desemprego en Estados Unidos era só de 3,9 por cento. Como evoluiu no 2001? Febreiro: 4,2%; Marzo: 4,3%; Abril: 4,5%; Maio: 4,4%; Xuño: 4,5%; Xullo: 4,5%; Agosto: 4,9%. O 2 de novembro publicou-se a cifra oficial de setembro, que é de 5,4%. En só un mes se perderon 415 mil empregos. É a maior redución neta de empregos desde maio de 1980, hai 21 anos. A evolución na taxa de desemprego é unha mostra feaciente do deterioramento que viña sofrendo esa economia xustamente nos momentos prévios ao ataque terrorista. Como precedinte importante hai que ter en conta que, nos últimos cincoenta anos, cando a taxa de paro atinxiu os 5,1 cadrou o início dun período recesivo. En agosto a producción industrial decaiu 0,6 pontos porcentuais con relazón ao atinxido en xullo. Nos últimos doce meses a producción industrial sofrera unha contracción de o redor do 5 por cento, até o 76,4%. Co dado de agosto, xa somaban once meses consecutivos de contracción. A cifra rexistrada en agosto está moi cercana ao nível mais baixo atinxido desde 1983. No mes de agosto do 2001 produciu-se un déficit de 80 mil millóns de dólares no orzamento. Nese mesmo mes, os congresistas demócratas xa sinalaban que as previsións apontaban a que o governo teria que utilizar parte do diñeiro da seguranza social para financiar os gastos correntes. Durante o segundo trimestre do 2001 as importacións norteamericanas contrairon-se en 13.900 millóns de dólares, mentres o baixo nível de atividade no resto do mundo propiciou unha redución das exportacións de 9.100 millóns de dólares. O valor das accións dos principais índices da bolsa durante o ano 2001 decreceu da seguinte forma: as do Dow Jones: 18,06%; Nasdaq: 66,42%; Standard & Poor's (S&P): 28,48%. Isto equivale á perda de millóns de millóns de dólares en menos dun ano. Durante o ano 2001, a Reserva Federal rebaixou dez veces as taxas de interese. O obxectivo é abaratar o costo do diñeiro, apuntalar a confianza do consumidor e con isto impulsar a atividade económica. Esa frecuéncia frenética expresa desesperación. Situación de Europa
A produción industrial na zona europea mostrou un contínuo descenso no primeiro semestre do ano 2001. Esta diminución obriga ás empresas a reducir persoal e, á sua vez, reduce o consumo, criando-se asi un círculo vicioso depresivo. O investimento e o consumo deprimiron-se, acentuándose a tendéncia cara a recesión. O Comisário europeo de Asuntos Monetários declarou que a economia de Europa medrará só un 1,5 por cento este ano, e os seis institutos de investigación económica mais prestixiosos de Alemaña reduciron ao 0,7 por cento e 1,3 por cento a medra deste país para este ano e o próximo respeitivamente, ao anunciar que a economia alemana está ao borde da recesión, o cal ten un forte impacto negativo para Europa, por canto a Alemaña se lle considera a sua "locomotora económica". Xapón
O Producto Interno Bruto real do primeiro trimestre do 2001 en Xapón caiu mais profundamente do esperado, ao mostrar un descenso do 0,2 por cento contra a expectativa de 0,1 por cento, mentres que no segundo trimestre se contraiu en 0,8 por cento adicional. A produción industrial iniciou en marzo un descenso que en agosto xa atinxia un 11,7 por cento. Este fenómeno de seis meses consecutivos de declive da produción industrial non se manifestaba na economia xaponesa desde o período de decembro de 1991 a maio de 1992 e situa a produción industrial ao nível mais baixo dos últimos sete anos, o que significa unha crise pior que a financeira de 1997-1998, segundo analistas xaponeses. O superávit comercial de Xapón decreceu 48 por cento en xullo deste ano. Como medida de defensa, as empresas reducen plantillas, polo que a taxa de paro tamén aumentou, para atinxir o máximo histórico do 5 por cento en agosto deste ano, algo nunca visto en Xapón. América Latina
En agosto, a Comisión Económica para América Latina e o Caribe (CEPAL) informaba que a rexión medraria só un 2 por cento no 2001, apenas a metade da expansión do pasado ano (4 por cento), retractándose asi da sua anterior proxección, divulgada en maio, onde consideraban un aumento do Producto Interno Bruto de entre 2,7 por cento e 3 por cento. Segundo explican, esto é debido ao debilitamiento mundial e á inestabilidade dalguns países clave da rexión: Perú e Uruguai mostrarán un crecimento nulo; Brasil foi afectado por unha escaseza de abastecimento enerxético que xa golpeou a sua atividade produtiva e unha devaluación da moeda de aproximadamente 40 por cento neste ano; e Chile freou a sua reactivación. No caso de México, se prevé un débil crecimento económico do 0,13 por cento este ano e de 1,74 por cento para o 2002. O governo orixinalmente proxectou un crecimento do 4,5 por cento do Produto Interno Bruto para o 2001, pero xa o revisou á baixa en várias ocasión pola diminución do ritmo da economía mundial, e en especial de Estados Unidos. A situación de Arxentina é a mais grave pola profunda caída da economía e pola situación de inestabilidade política e social. A CEPAL considera que o desemprego na rexión ascenderá como mínimo ao 8,5 por cento. Por todo esto reafirmamos que responsabilizar aos actos terroristas da recesión mundial en curso é polo menos un acto de ignoráncia supina ou un intento de agachar as causas profundas e sistémicas daactual situación.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/11/2001 |