Actualidade / Artigo Que Academia? Que lingua? Marta Dacosta- CIG-Ensino A Academia é soberana e independente, pero pertence a este país e decide sobre a lingua de todos os galegos e galegas, por iso mesmo temos dereito a preguntarnos por que algúns que hoxe forman parte desa instituzón e presumen de traballar a prol do noso idioma deixan que isto aconteza. Cando lía no xornal o resultado da reunión do dezaseis á tarde, sentín vergonza, vergonza allea por todos os que apoiaron e decidiron este paso atrás. Xa non podemos confiar en ninguén, o noso traballo pode ser tripado por calquera. En que pensaban? Non o facían, desde logo, en nós, nos que facemos cada día que o idioma estea vivo. Pesaron máis as voutades e ignorancias de "certos españolfalantes", que o desexo e a ilusión de milleiros de galegos e galegas. Algúns académicos votaron en contra polo que este acordo significaba de aproximación ao lusismo. Que lusismo? Como un loriño repetía isto a Radio pública galega, dando a entender que este é un dos pecados capitais e deixando clara a súa ignorancia sobre a historia da nosa lingua e o seu descoñecemento do que se leva publicado. Esgrimen razóns lingüísticas para votar en contra dun acordo que segue maioritariamente a normativa oficial vixente e que como novidade pon en pé de igualdade soluzóns que xa aparecían comentadas na Norma do 82, aínda que na letra pequena, eis a grande achega ao portugués. E se así fose? esgriman os señores académicos razóns lingüísticas e históricas para demostranos que o portugués non ten nada a ver co noso idioma, volvan aos textos medievais e convénzannos de que a nosa lingua se ten que afastar do portugués. Comecen xa por favor. Quizais preferirían que, polo contrario, a castelanización que padecimos pervivise e que cada día estivesemos máis próximos ao castelán, até converternos nunha variante contextual do idioma do antigo Imperio. O acontecido a fin de semana pasada fai que algunhas e algúns nos convenzamos definitivamente de que esa instuzón é máis Real que nunca, pregada ás vontades da coroa e dos seus virreis no Noroeste. Anquilosada e falta de iniciativa, déixanos como saldo dos últimos anos a entrada no seu seo dalgúns dos nosos mellores escritores e estudosos, e case máis nada. Un mero reparto de cadeiras e un lavado de cara que non deu erradicado as humidades que corroen o edificio. Unha Academia acorde co goberno deste país, o mesmo que comproba que o noso idioma non é empregado como as súas leis establecen e se cruza de brazos a ver pasar os días. Din que van abrirse a campos alleos á lingua, naturalmente, porque a esta xa a teñen abandonada. Só resta unha pregunta: a quen beneficia este retroceso? A pesar da censura invisíbel que nos afoga, todos os dedos apontan na mesma dirección, na dirección dos que viven de costas ao noso idioma e antepoñen os seus intereses particulares aos do pobo galego. Aínda así, os que hoxe nos sentimos defraudados polo senfacer desta Academia, sabemos que os Departamentos de Galego das Universidades, o ILGA e a AS-PG deron o grande paso de sumar esforzos, por iso imos continuar nesta mesma liña, traballando co mesmo empuxe, porque o noso idioma vai seguir vivo e vai ser a lingua dos nosos fillos e fillas, das nosas netas e netos, xeración tras xeración. Esta normativa é un paso máis nese camiño.
ÚLTIMA REVISIÓN: 30/11/2001 |