Actualidade / Entrevista Volver


Santiago, 27 de novembro de 2001

Entrevista con Antolín Alcántara, secretário confederal de Negociación Colectiva da CIG
“A reforma da negociación colectiva é unha agresión contra a clase traballadora e contra o dereito de Galiza a ter o seu próprio modelo de relacións laborais”
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



 Clic para aumentar
Antolín Alcántara, secretário confederal de Negociación Colectiva da CIG.
 
“A situación pode ser grave, xa que poderian quedar moitos traballadores desprotexidos, sen regulamentación específica, sen saber a que convénio aderirse. Seria unha desprotección sen termos de comparación na história recente contemporánea no Estado español. Esta reforma promove o sindicalismo de tipo corporativo, o sindicalismo amarelo no espazo na empresa”.

“A reforma que intenta o Governo do PP é un retroceso centralista nun aspecto tan central para a identidade dun povo como que os seus traballadores podan xestionar e negociar seus convénios colectivos”.


Cais son os eixos da reforma da Negociación Colectiva prantexada polo Governo central?

A proposta do governo central sobre a reforma da Negociación Colectiva expresada nos distintos borradores que entregou ás organizacións sindicais e á patronal estabelecía un cámbio finalista no modelo de relacións sindicais. Ese modelo dá-lle outra dimensión ao papel do Estado, centralizando matérias que teñen importáncia pero que non son as fundamentais na negociación dos convénios, e entregando ás empresas a soberanía nas decisións naqueles asuntos que son principais na negociación colectiva, como son os salários e a distribución da xornada laboral.

A partir de aí desaparece o ámbito provincial, o ámbito de comunidades ou nacionalidades, es isto fai-se para evitar o espazo donde as partes si que representan a sua verdadeira forza, é dicer, un cenário que a este sistema neoliberal non lle interesa perpetuar porque é un espazo que non controla. É un espazo donde os traballadores se organizan, donde actúan como colectivo, e ademais é un espazo donde os traballadores sempre se moven en referéncia a outros convénios do mesmo sector, poden comparar. A ideia que teñen todos os traballadores de ir mellorando condicións de traballo, ir unificando or términos dos convénios, eso é o que se pretende neutralizar desde o Governo central.

O Governo español, no que ven sendo a sua dinámica de ataque contra os nacionalismos e nunha evolución contrária ao que foi a evolución do Estado español no sentido da consolidación limitada do modelo autonómico e de crecimento tamén limitado dos espazos nacionais e territoriais, de incremento das competéncias no marco autonómico, neste momento quer dar marcha atrás, e empeza a cobrar forma en moitos aspectos este retroceso centralista, tanto pola via dos presupostos, como nestos aspectos tan centrais para a identidade dun povo como que os seus traballadores podan xestionar e negociar seus convénios colectivos.

O segundo frente consiste en outorgar ás empresas potestade sobre matérias cruciais da negociación como o tema salarial ou a distribucion da xornada, e busca que a empresa sexa a que impoña os termos da negociación, sen nengun tipo de garantia para os traballadores. Esta situación é ainda mais grave en Galiza, donde o espazo da pequena empresa é maioritário e donde a precariedade na contratación deixa a unha meirande parte dos traballadores sen nengunha posibilidade real de negociar directamente co patrón o seu salário e as suas condicións de traballo. A empresa queda asi nunha situación de absoluto domínio sobre a clase traballadora.

Este novo modelo transforma radicalmente o sistema de relacións laborais que coñeciamos até agora e responde ao que é o sistema neoliberal, é dicer, busca no seu fin último que as relacións laborais estén individualizadas e deixen de ser colectivas.

Cal é relación deste novo modelo cos cenários económicos recesivos que se prevén para os próximos anos?

O novo modelo de relacións laborais busca a fragmentación da clase traballadora, para evitar que poda negociar con forza colectiva ante os recurtes en direitos laborais e sociais que trairá aparellada a recesión mundial que xa se albisca con claridade. Este modelo se desenvolve en todo o mundo desde os inícios dos anos oitenta, imposto polo Partido Conservador británico e polas políticas neoliberais de Reagan en Estados Unidos. Hoxe podemos ver as consecuéncias destos modelos polo mundo adiante: precariedade extrema, falta de garantias absoluta e retroceso enorme para os traballadores en todo o mundo. Esto que pretende impór o Governo español é unha copia literal deste modelo thatcheriano de relacións laborais, actualizado á situación actual.

Como afecta esta reforma ao sindicalismo nacionalista?

Desde o momento en que o sindicalismo nacionalista se foi configurando como forza arredor dunhas claves políticas enmarcadas polo Estatuto dos Traballadores e a lexislación laboral posterior á transición política, organizouse en función dese espazo estabelecido polo convénios provinciais e pola loita por convénios galegos que unificaran as condicións dos traballadores en Galiza. Ademais, traballamos sempre pola configuración dun modelo de relacións laborais próprio do no noso país. Esta reforma pretende frear todo eso. Pretende aparcar de forma definitiva as nosas demandas, volver atrás no conceito central do Estado. Pero basicamente esta é unha medida contra os traballadores, que serán os mais prexudicados se a reforma se concreta. No que se refire á CIG como sindicato nacionalista, contestaremos na medida da nosas forzas, na medida en que o demande a reforma, e na medida do nível conciéncia que teña a clase traballadora galega, e reaccionaremos axustando a estrutura da nosa central sindical ás condicións de loita que poda impór ese novo modelo, se chega a concretar-se. Se abrirían moitos frentes de loita, xa que cada empresa poderia ter o seu próprio convénio e a CIG teria que redimensionar-se para poder actuar eficazmente nese novo cenário. Por suposto, un modelo tan complexo non se vai a implantar de súpeto, vai tardar uns anos. A partir de ai, nengunha central sindical das actuais está en disposición de facer-lle fronte dun xeito instantáneo a un reforma de tal calado nas relacións laborais. A situación pode ser grave, xa que poderian quedar moitos traballadores desprotexidos, sen regulamentación específica, sen saber a que convénio aderirse. Seria unha desprotección sen termos de comparación na história recente contemporánea no Estado español. Esta reforma promove o sindicalismo de tipo corporativo, o sindicalismo amarelo no espazo na empresa. Pero agora mesmo, coa fortaleza e a estrutura da CIG, criada ao longo destos anos, nunha situación, a pior incluso, que podamos pensar cunha reforma tan contundente, o sindicalismo nacionalista e de clase galego rematará respondendo e organizando-se en función dese novo marco. Os mais de catro mil delegados da CIG nas empresas serán os primeiros en facer-lle fronte á nova situación e organizarán aos traballadores en función do novo marco.

Cantos traballadores galegos se poderian ver afectados por esa reforma?

Serían afectados nun primeiro momento aqueles que están suxeitos a convénios provinciais. A partir de ai, se pensamos que non hai tope cara abaixo -xa que a reforma pretende que poda haber unha caída libre nos dereitos e o convénio provincial funciona hoxe como mínimo-, praticamente quedarían afectados todos os traballadores galegos. A liberalización faría empiorar todos os convénios que se asinen a partir da desaparición da norma mínima marcada polos convénios provinciais.

Porque se frea momentaneamente a reforma e o Governo central retira os borradores de circulación?

A través do tempo o Governo central presentou distintos borradores e aquí hai que estabelecer unha diferencia entre a atitude de CCOO e UGT. Ambos coinciden nunha cousa: reforzar o modelo estatal, centralizador da negociación. Para eles, a virtude do novo modelo estaria en que todas as matérias e todos os convénios tiveran como referéncia un convénio estatal que centralizara toda a negociación. As diferéncias están no contido e nas competéncias que se lle outorgan á empresa. UGT sostivo unha posición mais digna ao respecto de non permitir que se impuxera ese marco definitivo do ámbito da empresa. CCOO tivo unha posición mais dócil, menos combativa, mais "negociadora" -como gosta dicer CCOO-, que só permiteu que o Governo se crecera na expectativa de configurar ese novo modelo. Desde a chegada do PP ao Governo central, CCOO se retirou das posicións de combate, da mobilización, mentres que UGT está tendo posturas mais decentes e mais dignas, de resposta ao modelo neoliberal que quer impór o PP.

Pola sua banda, a CEOE (a patronal estatal) está constituida de tal maneira na suas asociacións provinciais que a proposta do Governo ia a deixar praticamente sen eficácia e nengunha utilidade cara a negociación colectiva ás asociacións empresariais, e ia deixá-los sen nengunha competéncia a curto prazo. Ese é o principal problema da CEOE de cara á reforma prantexada. A CEOE coindice totalmente co Governo en canto aos termos da reforma, pero encontrouse coa resisténcia dentro das suas próprias filas. Houbo diferentes asociacións provinciais, como o caso da catalana e da andaluza, que manifestaron abertamente a sua oposición a este novo modelo. Este factor foi o que finalmente inclinou a balanza para que a CEOE se opuxera oficialmente á reforma, xa que o modelo en si é o que sempre defenderon.

Cal foi a posición da patronal galega?

A patronal galega non se pronunciou oficialmente en torno á reforma, pero si sabemos que son contrários a que se aprobara no alcance que tiña, porque ian resultar afectados do mesmo xeito que todas as demais asociacións da CEOE. Só coñecemos un comunicado oficial da patronal de Pontevedra que se pronuncia en contra da reforma e propón que se manteña o marco actual, pero en xeral a patronal galega evitou facer maior ruido co tema tanto no Consello Galego de Relación Laborais como noutras instáncias, xa que este tampouco é o mellor momento para eles.

Cal é a situación actual do proceso?

A partir do último borrador, no que o Governo prantexa a modificación dos artigos 83, 84 e 89 do Estatuto dos Traballadores diferenciando só dous ámbitos: o estatal e o de empresa, se estaciona a reforma e o Governo invita ás partes a que de forma imediata lle deran saída á negociación colectiva para o ano 2002 e se comprometeran en temas moi concretos e que ademais lle foran dando forma ao novo Acordo Interconfederal que actualice o mesmo acordo do ano 1997. A nova táctica do Governo consiste en lograr avances na prática no seu proxecto pola via da actualización do Acordo Interconfederal. O PP acostumbra apresentar reformas que aparca debido a dificuldades nalgun momento e que logo volve a rescatar cando as condicións son mais proprícias. Neste caso pensamos que pode pasar eso: suavizar as tensións que se deron nesta primeira etapa de negociacións entre a patronal e os sindicatos estatais e agardar un momento mellor para executar a reforma ainda que sexa con pequenos retoques. Creemos que pode dar-se un acordo a nível estatal de contención salarial, ainda que non sexa un acordo escrito, senón tácito, que logo se vaia irradaiando a todas as mesas de negociación. Neste caso, a CIG está preparada para que esta situación non se produza, xa que a nós preocupanos que os salários galegos vaian perdendo peso ao longo do tempo, e vaian medrando as diferéncias con respecto ao resto do Estado, que vaian quedando ainda mais atrás as nosas pensións con respecto ao resto do Estado, xa que as pensións están marcadas polos salários. Para nós eso é un reto.

Como vai enfrontar a CIG o novo proceso de negociación colectiva do ano 2002?

A CIG xa ten preparado o documento de negociación colectiva e vamos a intentar consensuar os aspectos centrais desa negociación para o ano 2002. Os temas que para nós teñen prioridade son os salários e as melloras normativas. Imos intentar consensuá-los con CCOO e UGT. Na medida en que nos respondan a este proxecto, saberemos se podemos contar co apoio destas centrais ou temos que prepararnos para a negociación dos convénios en solitário. Nós témo-lo claro. A esixéncia que temos como central galega e a de mellorar a calidade de vida dos nosos traballadores e vamos a intentar ser belixerantes con todo aquelo que signifique perda de salários ou que non signifique mellora das condicións laborais estabelecidas nos convénios.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/11/2001