Actualidade / Artigo Santiago, 12 de outubro de 2001 Os fondos privados de pensión perden diñeiro e poñen en perigo a xubilación dos que invisten
A crise económica mundial e a do Estado español en particular impactou fortemente na rendabilidade dos fondos pensións que administran a crecente masa de diñeiro que se inviste nos planos de pensión privados. O diñeiro co que os mais de cinco millóns de españois afiliados a planos de pensión privados aspiran obter pensións dignas na sua idade de xubilación está a obter rendabilidades negativas no último ano, segundo dados proporcionados por INVERCO, a asociación patronal dos administradores de fondos de pensión privados no Estado español. A rendabilidade dos planos de pensións do sistema individual caiu a -6,42% no último ano, segundo a Asociación de Instituizóns de Investimento Colectivo e Fondos de Pensións (INVERCO). Isto implica unha perda neta que pon en perigo o mesmo obxectivo do investimento que realizan os particulares, isto, é, asegurar-se unha pensión no futuro. A volatilidade das bolsas mundiais e a caída da rendabilidade dos papeis de renda fixa e bonos públicos, instrumentos nos que se inviste o diñeiro dos fondos de pensións pinta unha panorama negra para os millóns de persoas que arriscan o seu diñeiro á marxe dos sistemas públicos de pensións. A pesar de isto, o Governo de Aznar converteu-se no principal propagandista dos fondos privados de pensións e segue estimulando pola via fiscal a chamada exteriorización de pensións nas empresas con un recurte impositivo de 10% a semana pasada. Estes dados que oferece INVERCO son o mentís mais elocuente contra a sarta de mentiras abertas que se lanzan desde a patronal e o Goberno para convencer á povoazón de que os planos de pensión privados son a panacea fronte ao sistema público. Sen embargo, a evolución do património dos Fondos de Pensións foi crecente durante o primeiro semestre do ano 2001, especialmente no sistema de emprego (fondos de pensión estimulados polas empresas), como consecuéncia da continuación do proceso de exteriorización. O volume de activos dos Fondos de Pensións atinxiu, a 30 de xuño de 2001, a cifra de 6,58 billóns de pesetas (39.530 millóns de euros), o que subpón unha medra do 19,3% durante os últimos doce meses. En relazón ao número de partícipes (participantes), pasou-se dos 4.344.510 en xuño de 2000, aos 5.238.032 actuais, con unha medra do 20,6%. O chamado SISTEMA INDIVIDUAL atinxe unha cifra de 3,64 billóns de pesetas (21.868 millóns de euros), o que subpón unha medra do 12,02% nos últimos doce meses. O número de partícipes ascendeu a 4.658.417, con un incremento do 19,9% en relación á mesma data do ano pasado. O SISTEMA DE EMPREGO (promovido polas empresas) atinxiu un volume de 2,81 billóns de pesetas (16.885 millóns de euros), con un incremento do 31,3% con relazón a xuño do ano anterior. O número de partícipes atinxiu os 509.285, un 31,8% mais de partícipes que o ano anterior á mesma data. No SISTEMA ASOCIADO (promovido por asociacións e sindicatos) o volume de activos atinxia a cifra de 0,13 billóns de pesetas (0,78 millóns de euros), con un descenso do volume de activos do 3,5% con relazón a xuño de 2000. O número de partícipes correspondiente a este Sistema é de 70.330. A estrutura de investimento de carteira dos Fondos de Pensións se desglosa asi, segundo dados de INVERCO: carteira interior: renda fixa pública, 25%; renda fixa privada, 11%; renda variábel, 8%. Carteira exterior: renda fixa, 16%; renda variábel, 15%. Tesorería: 13%. Outros activos: 11%. As rendabilidades meias ponderadas dos últimos doce, oito, cinco, tres anos e doce meses foron, respectivamente, do 9,26%, do 8,43%, do 7,83%, do 2,15% e do -2,68%, cifras totalmente decrecentes ano tras ano. Os critérios de clasificazón dos Planos do Sistema Individual son os seguintes: - Renda fixa: a sua carteira non pode ter activos de renda variábel.
- Renda fixa mista I: a sua carteira incorpora activos de renda variábel con un máximo do 15%.
- Renda fixa mista II: a sua carteira incorpora activos de renda variábel, entre o 15% e o 30%.
- Renda variábel mista: a sua carteira está integrada por activos de renda variábel, entre o 30% e o 75%.
- Renda variábel: a sua carteira está integrada por activos de renda variábel, con un mínimo do 75%.
A alarma saltou en agosto coas cifras apresentadas esta semana por INVERCO ao 31 de agosto deste ano, referidas só aos planos de pensións do sistema individual, o que mais diñeiro move e o que ten mais partícipes. Neste caso a rendabilidade ao 31 de agosto caiu a -6,42%, segundo cifras de INVERCO. Na elaboración desta estatística inclue-se unha mostra do 93% dos planos do sistema individual, que totaliza 3,38 billóns de pesetas de património e 4,40 millóns de partícipes.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 12/10/2001 |