Actualidade Vigo, 26 de outubro de 2001 A reforma da negociación colectiva
Os ministros de Economía e de Traballo, despois dunha reunión celebrada con CEOE, CCOO e UGT o pasado día 24 de octubro, decidiron deixar en suspenso a posibilidade de lexislar sobre a reforma da negociación colectiva. En realidade sería difícil de entender que un governo liberal intervira e dirixira a negociación colectiva, basada na autonomía das partes. Ainda así o Ministro de Economía, en representación do governo, insiste en que o que agora se produce é unha mera suspensión e mantén a súa intención de lexislar. Tal declaración pende como unha amenaza sobre os resultados da nova negociación que agora se abre entre os chamados axentes económicos e sociais españois. Os sucesivos documentos presentados polo Governo español na Mesa para a Reforma da Negociación Colectiva, insistían en estructurar a mesma en dous niveis: o estatal e o de empresa. Entre un e outro nivel, pretendíase que non existira negociación, nin no ámbito dunha Comunidade Autónoma, nin no ámbito provincial, nin en calquera outro ámbito superior ao de empresa. Atopariamo-nos así con que os convenios sectorais máis dinámicos e mais sindicalizados quedarían fora da lei. Precisamente aqueles convenios que se concertan na escala máis adecuada para conseguir unha regulación realista, concreta e fácilmente controlable e administrable, singularmente os provinciais, que oxe afectan ao 58% das persoas con convenio colectivo. E mentres, a negociación na empresa carecería de garantías mínimas e dunha base consolidada, porque o convenio de empresa non tería xa por qué respetar o establecido no convenio sectorial e podería servir para empiorar este, sobre todo naqueles aspectos substanciais como salario e ordenación do tempo de traballo. O último anteproxecto de lei presentado o día 15 de octubro polo Governo pretendía impoñer normativamente a eliminación dos ámbitos negociadores máis operativos (provinciais e autonómicos) substituindo-os por convenios de ámbito estatal, de contidos mínimos e xeneralistas con pouca ou nula traslación aos centros de traballo, e por convenios de empresa, que actuarían de xeito prevalente en materias claves como cuantificación, distribución e evolución do salario e distribución da xornada, periodos de descanso, vacacións, acordos de pensións e mesmo xornadas especiais. As consecuencias desta reforma artificiosa, que coartaría as posibilidades de negociación no ámbito provincial e autonómico tanto ás asociacións empresariais como aos sindicatos, so serviría para xenerar maior conflictividade laboral nos centros de traballo e notables resitencias internas nas estructuras desas organizacións. A CIG, dende fai un mes, viña celebrando asembleas de delegados nas distintas comarcas para informar sobre as consecuencias desta reforma laboral e do acordo básico existente na Mesa Negociadora sobre a centralización da negociación colectiva. Agora este proceso de información vai ter continuidade para recabar os apoios necesarios ante un eventual “pacto social” a prol da moderación salarial e da flexibilización da xornada, obxectivos implícitamente anunciados tras a retirada do anteproxecto de lei sobre a reforma da negociación colectiva. Luis Burgos Díaz. Gabinete Técnico da CIG. Conselleiro do CES español.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 30/10/2001 |