ActualidadeVolver


Vigo, 30 de outubro de 2001

A reforma da lei concursal
Marxina a xurisdicción social e vulnera direitos esenciais dos traballadores e traballadoras
 

Luís Burgos Diaz-

cig.institucions-estado@galizacig.com



Tomando como falsa excusa a promulgación do Regulamento comunitario 1346/2000/CE, o Governo español pretende modificar a lexislación concursal vulnerando direitos vitais das persoas asalariadas afectadas por unha situación de crise empresarial que conleve suspensión de pagos ou creba e concurso de acreedores.

O Anteproxecto de Lei, aprobado polo Consello de Ministros, ven a recoller o previsto nun borrador articulado do Ministerio de Xustiza e Interior, de febreiro de 1996, e que agora poderá impoñerse doadamente mercede á maioría absoluta do PP.

A imposición dos xuices do mercantil, con xurisdicción exclusiva e excluinte, para coñecer de todas as accións civis e sociais con transcendencia patrimonial que se dirixan contra o concursado, xunto a outras medidas derivadas desta decisión, tenden a situar aos traballadores e traballadoras como un acreedor máis, sen ter en conta a súa especial posición como parte da empresa, que o son tanto ou máis que o empresario, e sen ter en consideración as súas necesidades económicas perentorias e vitais.

No proxecto da nova lei concursal a lexislación laboral queda marxinada e excluida, porque “o xuiz do concurso, a iniciativa do deudor ou da administración xudicial poderá acordar a extinción, a suspensión e a modificación colectivas dos contratos de traballo en que o empregador sexa o concursado, sen necesidade de seguir os trámites establecidos ao efecto na lexislación laboral”. E ademáis, en caso de modificación de condicións de traballo (por exemplo, imposición de mobilidade xeográfica, de reducción de xornada e salario, etc.) “non procederá o exercicio durante a tramitación do concurso do direito de rescisión do contrato con indemnización que para tal suposto recoñece aos traballadores a lexislación laboral”. Deste xeito si o traballador non acepta ou non pode aceptar as condicións impostas, terá que buscarse outro traballo, sen direito a indemnización algunha e sin tan siquera direito ao subsidio de desemprego.

Con esta reforma, ademáis de valeirar de competencia á xurisdicción social e impedir as execucións separadas para garantir os direitos do personal, elimina-se tamén a preferencia dos cretos salariais (artigo 32. apartados 1 e 2 do Estatuto dos Traballadores), prodúcese unha postergación na prelación actualmente establecida respecto das indemnizacións por despedimento e deixa sen sanción penal os supostos de concurso, creba e insolvencia fraudulenta.

Por todo iso, ben podemos decir que estamos de novo ante unha Lei contra a Clase Traballadora, que pretende:

  • Acumular no proceso concursal os procesos laborais, valeirando de competencias a xurisdicción especializada do social e vulnerando o direito á execución separada, especialización substentada na febleza contractual e na dependencia vital do traballador ou traballadora respecto do seu salario.

  • Atribuir ao xuiz do concurso a competencia exclusiva para acordar medidas puramente laborais como son a extinción e suspensión dos contratos ou a modificación das condicións de traballo, incluidas as derivadas de convenios colectivos estatutarios, deixando ás persoas afectadas nunha clara indefensión ante a ruptura do equilibrio de prestacións do contrato de traballo.

  • Tratar ao personal afectado como un acreedor máis, eliminando os privilexios e prerrogativas actualmente recoñecidas por seren considerados parte esencial da empresa.

Dadas as consecuencias gravísimas desta reforma concursal, compre a máis amplia unidade de sindicatos e partidos políticos na oposición, dun extremo a outro do territorio do Estado español, para impedir que as medidas antiobreiras que o proxecto contén poidan chegar a ser lei.


Luis Burgos Díaz.
Gabinete Técnico da CIG.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/10/2001