Actualidade / Artigo Santiago, 10 de xullo de 2001 Volta a guerra fria a América Latina
Nos últimos meses e durante as próximas semanas, a Administración norteamericana está a pór en prática diversos operativos destinados a aumentar a sua presenza militar en diferentes paises de América Latina. Se ben o Plano Colombia é o operativo mais coñecido -e criticado-, non é o único. Bush apoiará este plano co denominado "Iniciativa Andina" destinado aos paises da rexión. A eles unirá-se o bautizado como "Novos Horizontes" que xa supuxo a entrada de tropas norteamericanas en Guatemala e Paraguai. O disparo de saída deron-o os 1.300 millóns de dólares de axuda militar destinada durante o goberno de Clinton ao Plano Colombia. Para a posta en prática deste plano xa hai en Colombia 300 asesores militares e decenas de mercenários, apresentados por EEUU como civis. O Plano Colombia se complementa na chamada "Iniciativa Andina", que busca involucrar aos paises da rexión na guerra colombiana. O Departamento de Estado norteamericano está disposto destinar 550 millóns de dólares a Venezuela, Ecuador e Perú. A pesar de que este diñeiro se dedicará a armamento co pretexto da loita contra o narcotráfico, se retrairá do orzamento destinado ao desenvolvimento dos paises empobrecidos. Esta presenza militar somará-se á existinte na actualidade na base aérea de Manta en Ecuador, iniciada o pasado ano. En ela xa se atopan 150 efectivos norteamericanos nun investimento de 40 millóns de dólares. Esta base permite as operacións conxuntas cos militares ecuatorianos na selva. Alá criou-se a Escola de Selva de Coca, lugar onde os norteamericanos adestran a militares brasileiros, colombianos e ecuatorianos en técnicas de guerra con tecnoloxia de última xerazón. O apoio marítimo a estas tropas o aporta a Base Naval de Iquitos, no norte de Perú, que dispón de 33 asesores estadounidenses e conta con lanchas rápidas. O novo goberno de Ecuador espera-se sexa moito mais condescendiente con EEUU que o de Fujimori cuxas relazóns co viciño do norte se encontraban moi deterioradas. Non contente con todo isto, o Comando Sul do Exército de Estados Unidos está a levar o operativo "Novos Horizontes" que comprende, segundo os servizos de información das embaixadas norteamericanas da zona, "unha série de actividades de asisténcia humanitária e adestramento militar en América Latina e o Caribe". No marco deste plano chegaron a Guatemala 400 militares estadounidenses a contravir os acordos de paz entre o goberno guatemalteco e a guerrilla da Unión Revolucionária Nacional Guatemalteca. O Congreso, do partido gobernante, recorreu ao carácter de "urxéncia nacional" e a conceder-lles o visado de "turistas" para aprobar a entrada das tropas norteamericanas un mes despois de se atopar dentro do país. En Paraguai, outros 400 militares norteamericanos, igual número de paraguaios e un continxente de militares arxentinos participan no operativo "Novos Horizontes" desde o 1 de abril ao 30 de xuño, ainda que vários militares estadounidenses e equipa de infantería chegaron durante o mes de febreiro ao lugar do operativo, no departamento da Conceizón. De novo, o pretexto da axuda social para realizar cursos e adestramento contrainsurxente. A todo iso, temos que engadir a presenza militar de EEUU en Honduras desde os oitenta, onde 2.000 soldados norteamericanos realizaron manobras o pasado mes de febreiro. Tamén a futura instalación dun Centro Rexional de Drogas No Salvador e os 350 millóns de dolares que recebeu Costa Rica o pasado decembro para financiar un acordo de patrullaxe conxunto. Trata-se, segundo os analistas, de toda unha ofensiva militar destinada ao controlo de amplas rexións latinoamericanas onde a pobreza e as desigualdades poden provocar estoupidos sociais de difícil controlo, como aconteceu en Ecuador e Bolívia. Igualmente, a Administración Bush busca desplegar o apoio militar necesário para conter a extensión da influéncia da guerrilla colombiana na rexión, ou mesmo preparar unha intervención militar en Colombia. O rexime laboral nas zonas francas cubanas
En Cuba están reguladas as relazóns xurídico-laborais que rexen nas zonas francas e parques industriais. A resolución número 10/97 do Ministério do Traballo e Seguranza Social, é a que actualmente está en vigor. O primeiro, é o contrato de suministro da forza de traballo, que se subscrebe entre o concesionário e os operadores. Para a contratación dos traballadores, estabelece-se un acordo coa entidade empregadora e a organización sindical. O persoal se capta entre quen posuen calificación, destreza, profisionalidade e experiéncia exixidas polo desempeño eficiente do cargo que se trate. A lexislación prevé as remuneracións, a subscrizón de contrato de traballo individual para estabelecer as relazóns de traballo e as causais para o reamate. Os traballadores contratados nas zonas francas obteñen o seu salário en base ás tarifas en moeda nacional aprobadas centralmente e referidas a un xonada laboral de 8 horas diárias e 190.6 horas como promedio mensuais. De ser necesário, poden aplicar-se sistemas de pago polos resuldados da produción ou os servizos, asi como o pago de traballo extraordinário. Encanto á disciplina laboral e a solución dos conflitos, teñen-se en conta os preceitos do código de traballo e os regulamentos internos, e as reclamacións nesta matéria e en direitos laborais, resolven-se na entidade empregadora, segundo procedimentos de xustiza laboral vixentes. As férias anuais pagadas, a seguranza social e a protección do traballo son tamén matérias reguladas e para o cal hai que cumprir a lexislación vixente no país. En cada zona franca e parque industrial, a entidade empregadora e as partes dos contratos, xunto á organización sindical correspondiente, subscreben os convénios colectivos de traballo e os seus regulamentos internos, segundo a lexislación en vigor. Como pode apreciar-se, os traballadores cubanos que traballan en zonas francas, están totalmente protexidos pola lexislación laboral e desfrutan de todos os seus direitos, incluídos a criación e o funcionamento da organización sindical e dos seus órgaos de xustiza laboral. Esta é a marcada diferenza entre a imensa maioria dos paises onde existen zonas francas e hai fábricas nelas, como as chamadas indústrias maquiladoras, nas cais os traballadores perden todos os seus direitos laborais e viven marxinados e baixo unha despiadada esplotación. En Cuba existen mais de 370 asociacións económicas internacionais e empresas mistas e laborais e nelas traballa o 5% da forza laboral do país. Nas empresas mistas a parte cubana posui o 51% ou mais das accións e estes negócios teñen un termo de 10 a 15 anos, estes termos poden ser prolongados por acordos das partes. Os traballadores son contratados polas empresas empregadoraa que garanten: o pago do salário aos traballadores, o direito de sindicalización, as negociacións colectivas entre sindicatos e administración, a protección e hixiene laboral, o tempo de descanso e férias, o subsídio ao traballador cando fique dispoñíbel, a sua recalificación e ubicación laboral. As zonas francas en Cuba son principalmente para o almacenamento de mercancias, son poucas as fábricas radicadas nas mesmas e o número de traballadores destes talleres abana entre 8 e 60 traballadores. No ministério da indústria lixeira, existen grandes fábricas de confeizoes textis e outras instalacións, que en ocasións contratan servizos de maquilas a investimentistas estranxeiros, baixo o rexime da lexislación laboral vixente no país; a cal é estritamente vixiada polo estado e o movimento sindical cubano.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/07/2001 |