Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 24 de xullo de 2001

A recesión se globaliza e estende-se por todo o planeta
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



Esta semana pasada saltaron todas as alarmas nos tabuleiros de mando dos institutos de seguimento estatístico dos paises desenvolvidos. Os dados económicos indican que o PIB de Estados Unidos entrou en números negativos durante o segundo trimestre deste ano e, ao mesmo tempo, evidencian o estancamento en Alemaña. A situación de Xapón encamiña-se tamén cara a recesión. E Arxentina encabeza a lista da crise nos paises latinoamericanos.

A gravidade da situación estriba no feito de que as economias de Estados Unidos, Xapón e Alemaña representan case a metade de toda a actividade económica mundial. A situación de Estados Unidos se desenvolve como se esperaba desde princípios de ano. Todos os indícios estatísticos mostran que o motor da economia mundial, cuxa medra do PIB no primeiro trimestre foi revisada á baixa até o 1,2%, puido entrar en números negativos no segundo. O único elemento que sustén o edifício é o consumo interno, que xa comeza a dar mostras de debilidade. O investimento empresarial non medra, a produción industrial caiu a níveis de 1991, as demandas de subsídios de desemprego de xuño (415.000 persoas) atinxiron o seu máximo desde 1992 e a produtividade cai aceleradamente.

O mais recente informe do servizo de estudos de Caixa Madrid sinala que en termos históricos sempre que a actividade industrial caiu de forma consecutiva durante mais de seis meses (e xa van oito) e a ocupación durante mais de tres (e leva camiño diso), a economia entrou en recesión. Os prognósticos da OCDE e do FMI que anunciaban a recuperación no segundo semestre se adiaron para finais de ano, mentres se espera que as seis baixadas de tipos de interese consecutivas da Reserva Federal e a redución de impostos aprobada por Bush logren quitar a economia americana do abismo.


Europa non se salva

En Europa reina a incertidume. Despois de comprobar que a sua presunta imunidade á recesión americana era pura ficción, a UE está a comezar a ver as orellas ao lobo. A sua principal economia, a alemana, prepara-se para afrontar un estancamento no segundo trimestre do ano, co seu indicador de confianza empresarial baixo mínimos.

O dilema europeu é o de como afrontar unha baixa medra económica combinada con presións inflacionistas. É o dilema no que se atopa o Banco Central Europeu, ao que desde Berlín se pede con insisténcia que relaxe a política monetária até tipos do 2,5% como medida para relanzar a economia.

Pero para o Banco, iso só seria posíbel se o descenso dos prezos que se observou en xuño se mantivese nos próximos meses, anticipando que a chegada física do euro terá, nun primeiro momento, repercusións alcistas sobre o IPC dalguns paises. Entre tanto, a debilidade do consumo estende-se por Franza, Italia e España e modera-se a criación de emprego na Eurozona.

Asia e, principalmente, Xapón, teñen os seus próprios problemas. No seu xogo coa deflación (a demanda é tan débil que os prezos baixan), a política de tipos cero aplicada polo banco central nipón se demostrou inútil. No primeiro trimestre a economia caiu un 0,2% e todo fai subpór que voltará a facé-lo no segundo. A taxa de paro atopaba-se en maio no seu nível mais alto desde a Segunda Guerra Mundial, un 4,9%.


A enfermidade arxentina

A crise estadounidense estendeu-se a Latinoamérica, que ainda non se recuperara da sacudida asiática de 1998 e debe afrontar agora a brusca caída das suas exportacións pola ralentización económica mundial.

México está en recesión tras acumular dous PIB negativos desde o último trimestre do 2000. Brasil ten a sua economia ao borde do colapso por unha crise enerxética que obrigou ao Goberno impór un duro racionamento eléctrico, mentres trata sen éxito de evitar que lle salpique a hecatombe arxentina, que, por certo, xa puxo contra as cordas a bancos e multinacionais españolas.

Arxentina está ao borde do colapso financeiro, político e social. Despois de lograr gañar tempo coa sua operación de canxe de déveda -algo que lle aforrará 2.000 millóns de dólares ao ano nuns intereses que lle comen hoxe o 80% das suas exportacións-, o pánico se desatou a semana pasada. Mis de persoas valeiraron os bancos de dólares, ante unha eventual devaluación do peso e unha hipotética quebra do sistema financeiro.

O presidente De la Rúa poderia perder o apoio parlamentário dos radicais de Raúl Alfonsín, o que abocaría ao Goberno á dimisión, os recortes anunciados do gasto público para conseguir o déficit cero -a mesma medida que fulminou aos antecesores do ministro Cavallo- auguran mais convulsións sociais.

No exterior, a devaluación efectiva do peso para as exportacións -cuxa paridade xa se fixa cunha cesta mista dólares/euros- e o seu correlato en forma de descenso de aranceis para algunhas importacións de fóra da área, abriu unha importante fenda no Mercosur, até o ponto de que Brasil -o principal mercado de Arxentina- anunciou unha resposta contundente e supendeu as suas negociacións comerciais bilaterais. Tanta tensión acumulada disparou a prima de risco-país de Arxentina (o sobreprezo que paga para captar financiación) a mais de 1.500 pontos. E, polo efeito contáxio, o resto de países emerxentes viron como se elevaban as taxas de endebedamento.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/07/2001