Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 6 de xullo de 2001

Os acordos do Obradoiro 1998-2001
 

Luís Burgos Diaz-

cig.institucions-estado@galizacig.com



O 13 de xullo fai tres anos que se asinaron en Santiago os “Acordos sobre Medidas para o Crecemento e Emprego en Galicia”. Os Acordos constaban de cinco documentos anexos que determinarían a acción de governo ata decembro do 2001, segundo anunciaron os asinantes (Xunta de Galiza, CEG, CCOO e UGT) na obrigada presentación publicitaria.

E hora xa de avaliar a súa eficacia e o grao de cumprimento do acordado. A CIG, que non asinara os Acordos pero que participou nas negociacións, veu ofrecendo continuamente dados que demostran o absoluto fracaso dos mesmos, como era previsible. Os resultados en Galiza en canto a poboación ocupada, taxa de actividade, emprego creado e taxa de precariedade son relativamente máis baixos que a media do Estado, polo que en temos de converxencia real imos a pior. E esta é unha tónica xeral desde 1990, ano daprimeira toma de posesión do actual Presidente da Xunta, Manuel Fraga.

No Anexo I, relativo ás políticas activas, a Xunta de Galiza (e as organizacións que coa súa sinatura deronlle seu aval político) fixo unha interpretación burocrática e subalterna das directrices europeas, limitándo-se a aplicar as medidas contidas nos sucesivos Planos de Acción para o Emprego, presentados en Bruxelas, que, por certo, non contaron co apoio das direccións estatais dos sindicatos UGT e CCOO, e que non teñen en conta as necesidades propias do noso País.

Con tais medidas, no so non se acadou o obxectivo propagandístico de reducir a precariedade no 2001 ao 13%, senón que esta hoxe máis alta que antes dos Acordos. A Xunta de Galicia négase agora a dar contas dos resultados, tanto aos sindicatos como aos parlamentarios que o solicitaron, e é incapaz de explicar públicamente a eficacia real da súa política de emprego, con indicadores avaliables en canto á creación de máis e mellor emprego.

A análise cualitativa das medidas comprendidas neste Anexo I, demostran a súa inutilidade e a necesidade dunha reformulación das mesmas. En canto a criación de emprego nos colectivos máis desfavorecidos o fracaso é evidente, xa que a taxa de emprego é moi baixa no tamo de idade entre 16 e 29 anos e mesmo aumenta a taxa de paro nas persoas maiores de 45 anos, mentres que a contratación de mulleres é anecdótica naqueles sectores onde están subrepresentadas. Tamén se demostra que se producen gravísimos desequilibrios territoriais na aplicación dos obxectivos cuantitativos establecidos respecto de formación profesional, orientación, programas de cooperación con entidades locais e intermediación laboral. As disparidades, medidas no número de accións ou en investimento, son gravísimas e amosan claramente que estas políticas están dirixidas polo clientelismo político ou pola iniciativa particular das entidades colaboradoras, configurándose na Nosa Terra un panorama caótico no que respecta á formación profesional para o emprego.

Respecto do Anexo II, medidas para a reordenación do tempo de traballo e a criación de emprego, so se pode consttar o absoluto fracaso das mesmas, xa que so tres empresas solicitaron as axudas previstas e ademáis de xeito perverso. Por outra parte, a propia Administración galega négase a aplicar a xornada laboral de 35 horas.

No Anexo III puxeron-se en marcha os curos de formación de delegados de prevención e cada ano asína-se un convenio específico a este respecto, onde a CIG é claramente marxinada, por non asinar os acordos, e queda relegada a un convenio de colaboración en cuantía moi inferior a dos outros sindicatos.

No Anexo IV, hai que constatar o retraso de ano e medio na publicación da Orde correspondente, o que pon en evidencia a vontade política da Xunta para atender ás necesidades de investimento das pequenas empresas, que serían segundo os Acordos, as máis beneficiadas.

O Anexo V, relativo ao desenvolvemento dos sectores productivos, tamén foi un completo fracaso, xa que a Mesa prevista para tratar deste importante asunto, onde podía esbozarse un Plano Galego de Emprego, non foi capaz de concretar acordos nen de artellar tan siquera unha interlocución sectorializada entre os axentes sociais asinantes e a Xunta de Galicia, o que efectivamente raia na tomadura de pelo.

A Xunta de Galicia deixou claro que no quere negociar, nen sequera co seu partenariado máis afín, os temas incluidos nun novo documento de xuño de 1999, incumprindo todos os seus compromisos en orde á problemática e solucións participadas sobre agricultura e gandeiría, mar-industria, silvicultura e madeira, actividades prioritarias na industria, turismo, fomento de emprego nos servicios sociais, na sanidade e no servicio público educativo. A Xunta menospreciou aos asinantes e incumpríu os compromisos de participación no seguemento, na avaliación de resultados e no desenvolvmento e concreción do acordado. Tanto foi o escarnio que a dirección en Galicia de UGT, remitíu unha carta ao Presidente Fraga, en decembro do 2000, dando por finiquitados os Acordos e posteriormente tamén CCOO remitíu-lle unha queixa polos reiterados incumprimentos.

Así as cousas, e ante a convocatoria de novas eleccións políticas en Galicia e a posibilidade dun cambio de governo, a CIG reforzará a súa actividade e actualizará as súas demandas, buscando os maiores apoios sociais posibles, de cara a conseguir tanto un Plano Galego de Emprego, con reformulación das políticas activas e a criación dun Instituto Galego de Formación, como un Marco propio de Relacións Laborais, especialmente na defensa da negociación colectiva en Galicia.


Luís Burgos Diaz traballa no Gabinete Técnico da CIG e representa a este sindicato no CES español.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/07/2001