Actualidade / Entrevista Vigo, 22 de xuño de 2001
Entrevista con Xabier Rioboo Núñez e Antón Laxe Otero, delegados da CIG na factoría de Santa Bárbara en A Coruña Santa Bárbara, a privatización hipoteca o futuro da factoría de A Coruña
| |  | | Xabier Rioboo Núñez e Antón Laxe Otero, delegados da CIG na factoría de Santa Bárbara en A Coruña. | | | Entrevista cos delegados da CIG sobre a situación da empresa despois da venda á norteamericana General Dynamics, nunha operación irregular e controvertida, contra a que se mobilizaron os traballadores nos últimos meses, e está apresentado un "contencioso administrativo".
A factoría de Santa Bárbara en A Coruña, ten hoxe un cadro de persoal de 220 operarios. O Comité de empresa está integrado por 6 delegados de UGT, 2 da CIG e 1 de CCOO.
A fábrica de A Coruña, o seu futuro, pasa por situacións de dificultade despois da decisión do Governo de privatizala e a venda á norteamericana General Dynamics. Unha vez coñecida a decisión o Comité intercentros e o da Coruña iniciaron un calendario de mobilizacións, para rexeitar o proceso de privatización, que aínda continúa.
Sobre todo esto falamos con Xabier Rioboo Núñez e Antón Laxe Otero, delegados da CIG na factoría de Santa Bárbara en A Coruña, a única que ten en Galiza.
A venda a General Dynamics (GD) é firme?
Aínda non é definitiva. Existe un preacordo de venda, que se asinou o pasado 13 de Abril do ano 2000, e unha autorización do Consello de Ministros do 30 de marzo do 2001. Así mesmo, existe unha vontade política do governo de Aznar de adxudicar Santa Bárbara a GD, inclinándose (como noutros temas) polos estados Unidos fronte a opción Europea. O grave é que se deixe en mans dos Estados Unidos un sector extratéxico como é o da defensa.
Na privatización-venda a CD actuouse dun xeito irregular, xa que o preacordo, na práctica, é un acordo privado de venda, que aína terán que elevalo a escritura pública, para estar dentro da actuación legal terián que, primeiro, emitir un informe favorabel o Consello Consultivo de Privatizacións (CCP), despois aprobalo o Consello de Ministros e por último asinar o contrato de venda. Nen siquera se mantiveron as formas!. Ademais incumpriron a Lei de Acompañamento do ano 1998, que prevía a enaxenación a Santa Bárbara das instalacións e substitución (nun período de 18 meses) do contrato INI-Defensa por unha nova Lei.
Malia as recomendacións e condicións (como se fixera noutros casos) que estabelecía o CCP no seu informe, de cara a privatización de Santa Bárbara o goberno fixo caso omiso delas. Aínda así o CCP deulle o visto bo á privatización.
Pero, ¿mesmo así seguides na loita?
As nosa mobilizacións están centradas, en principio, en botar abaixo o preacordo tendo en conta as irregularidades ás que facíamos mención. Temos apresentado un recurso Contencioso Administrativo contra a autorización da venda do Consello de Ministros do 30 de Marzo.
Ademais da vía xudicial estamos realizando mobilizacións, tanto para sensibilizar á opinión pública como para presionar ao Governo central e á Xunta de Galiza, que tivo unha actuación nefasta (a través da Conselleria de Industria) neste proceso, mantendo unha total subordinación co Governo central, e facendo ouvidos xordos ás nosas reivindicacións . As mobilizacións que levamos feito tiveron máis incidencia nas factorías do norte do Estado español. O Comité intercentros deseña un plano de acións, coas propostas de todas as fábricas, para levar a cabo a nivel xeral, que despois se completa con mobilizacións decididas por cada centro de traballo. Para este mes temos un calendario xa aprobado que se alonga durante todo xuño.
En qué consisten as mobilizacións?
Imos realizar peches en organismos oficiais, entrega de sinaturas en contra da privatización nas Delegacións de governo e reparto de folletos explicativos. No caso de A Coruña temos programadas duas manifestacións nos arredores da factoría. O vindeiro 2 de xullo imos facer asambleias xerais en todas as fábricas para debater e decidir o novo calendario de mobilizacións para o mes de xullo.
Por qué pensades que se optou por GD?
Trátase dunha decisión tanto económica como política. No político Estados Unidos acrecenta a súa hexemonía no sector de defensa, utilizando a Santa Bárbara como plataforma para introducirse no mercado europeo, árebe e latinoamericano. A cambeo o Estado español acada certos recoñecementos internacionais como unha potencia media. No económico o Estado español regala Santa Bárbara (por 860 millóns) a GD e recibe en compensación o compromiso do mantemento da 6ª frota norteamericana por parte de IZAR (Cádiz). Pouca cousa. Ademais a SEPI ten o compromiso de investir 25 mil millóns en medidas medio ambientais. Despois do 2006, cando rematen as garantías para manter o cadro de persoal (1.600 millóns de penalización en caso de incumprimento) podemonos atopar ante a maior especulación do século. mesmo antes ¿qué son estes cartos para esta multinacional?...
Desde a CIG pensamos que se supeditou o futuro o futuro de Santa Bárbara a outras operacións macroeconómicas, como foi a recente adxudicación á empresa alemana Siemens (que participa nun 49% en Krauss Maffei) do 50% do contrato do AVE Madrid-Barcelona, o cal serviu para desbloquear o acordo de proteción tecnolóxica, por parte de Krauss Maffei (propietaria da tecnoloxía do Leopard), convertendo deste xeito a Santa Bárbara nunha simple "moeda de cambio".
Facía falla privatizar Santa Bárbara?
Non!. De ningún xeito. Coa carteira de pedidos que ten Santa Bárbara na actualidade non era necesario. Contamos con proxectos como o do Leopard, Dardo, Pizarro ou a produción do fusil, polo que temos garantido a medio e longo prazo. Nunca Santa Bárbara, nas últimas décadas, estivo en tan boas condicións. Non había motivos económicos para privatizala!. O que sí era necesario é mellorar a súa xestión.
Cales son as consecuencias para a fábrica de Coruña de consumarse a venda a GD?
General Dynamics non ten plano industrial para a fábrica de A Coruña. O único producto propio da FAC (fabrica de armas de A Coruña) é o novo fusil para as forzas armadas, do cal faríamos algunhas pezas. Pero aínda non está asinado o contrato co Ministerio de Defensa.
Nos dubidamos moito do interese que poida ter no futuro da fábrica unha multinacional como GD (que non ten División de Armamento Lixeiro), unha vez ramatada a produción do fusil.
Que garantía de traballo da o contrato do fusil?
Falábase, desde o governo, de facer 120.000 unidades, agora xa se especula con que van ser 75.000. A unha media de pouco máis de 3 horas por unidade, temos traballo para unha pequena parte do cadro de persoal durante 3 ou 4 anos. Se non entramos nos grandes programas en marcha (Leoppard, Pizarro...) e non se diversifica a produción, facendo os investimentos correspondentes en maquinaria, das cales a FAC quedou discriminada nos últimos anos.
Mentres, nas outras fábricas non só se inverte en maquinaria, senón que tamén se reforman as instalacións existentes ou se constrúen nova naves. Ademais a FAC leva un gran desfase, neste capítulo, pois no período 97-99 investíronse, no conxunto da empresa, 5.646,5 M., dos cales a FAC só recibiu 40,1 M., segundo datos da propia Empresa.
No caso do fusil HK, desde a saída a concurso no ano 96 e a súa resolución no ano 99, os anuncios de inicio da súa produción na fábrica de A Coruña e posteriores desmentidos foron constantes por parte das distintas Administracións (Ministerio de defensa, Industria e Xunta de Galiza).
E a pesar de que as bases do concurso establecían que os primeiros 15.000 fusís virían de Alemaña e os 100.000 restantes faríanse en A Coruña, en novembro do 2000 iniciose a ensamblaxe das primeiras 4.000 unidades (dese total de 100.000), pero coas pezas fabricadas en alemaña, véndonos gravemente danados polo retraso nas inversións e converténdonos, deste xeito, nun simple taller de montaxe, reducindo así a carga de traballo de forma considerable.Todo o cal fai entrever problemas entre Santa Bárbara e HK, para a asinatura do contrato.
Ademais a previsión de que se iniciara a fabricación do canón, do fusil HK, o próximo ano na FAC (segundo o Presidente da empresa e a resposta do Governo), vai ser moi dificil que se cumpra, pois é necesaria a reforma da actual forxadora que aínda está en proceso.
E que pasará co resto do persoal?
Para dar traballo ao resto do cadro de persoal é necesario (como xa dixemos antes) entrar nos grandes programas en marcha: Leopard, Pizarro, Dardo, Obús, Lanzagranadas.. ademais do novo fusil. Fai falla facer unha aposta seria no investimento de maquinaria, así como no aspecto técnico. Estas son as reivindicacións que estamos facendo, tamén, coas mobilizacións que estamos realizando. Se non conseguimos esto a FAC está condenada ao peche nun periodo curto de tempo.
Que pasa cos terreos da factoría de Santa Bárbara en A Coruña?
Despois de moitos plans e especulacións, hai unha resposta do Governo no senso de que non hai ningún proxecto de reubicación da fábrica na actualidade, aínda que si se contemplou anteriormente. Pero, o decreto de expropiación dos terreos vence a partir do 2003, e o contrato INE-Defensa remata no 2006. Existe polo tanto unha indefinición máis ao respeito da factoría de A Coruña, e a pantasma dunha gran especulación urbanística, coma no caso de Tabacalera.
Cal é a postura da CIG ao respeito do momento sindical na empresa?
Nestes momentos hai un gran enfrontamento, a nivel de empresa, entre UGT e CCOO. Comisións Obreiras non asiste ás reunións do Comité Intercentros nen ao Comité de A Coruña.
Este proceso de privatización encetou xa co PSOE (e foi denunciado no seu momento pola CIG) e hoxe continúa co PP. Xa no seu día estivemos en contra de falsas saídas a través de proxectos como DDO, FACOr, TEGSA, que supoñían o desmantelamento progresivo da FAC.
Que actitude mantiveron os outros sindicatos?
Ambigua nalgúns casos, enfrontada á CIG noutros. A situación actual en parte tamén ten que ver con esta falta de claridade, anque sexa mesmo nunha parte pequena. Lembro que mesmo chegaron a confiar nas alternativas de saídas falsas, as que facíamos mención, e que abrían as portas á privatización. As mobilizacións dos traballadores e medidas de presión política que no seu día iniciou a CIG, foron as que paralizaron estes proxectos. O tempo deunos a razón e hoxe a UGT coincide con nos.
Pola súa parte CCOO pregouse totalmente aos planos da SEPI, e neste senso desde a CIG pensamos que a situación actual de Santa Bárbara sería outra ben distinta se houbera unha resposta social unitaria de todos os traballadores e sindicatos son represntación na empresa, incluíndo CCOO, en vez de convertirse en portavoces da SEPI e do governo do PP no seu afán privatizador. |