Actualidade / Artigo Vigo, 12 de xuño de 2001 Unha negociación colectiva cada vez máis centralista
Dende que o PP acadou a maioría absoluta ten a carteira chea de propostas contra a clase traballadora e a favor da patronal. O governo ten as cousas claras e se non impón as súas ideas por consenso, como ocurréu no ano 1996 para baixar as pensións ou no 1997 co pacto para facilitar e abaratar o despedimento, as impón por decreto, como na última reforma laboral de marzo deste ano. Todo é parte dun plano secuencializado, con tempos e contidos prefixados. O PP non se vai a ir do governo sen darlle un duro golpe ás pensións, a favor dos bancos e dos seguros privados. Iso xa está anunciado no acordo de pensións (que por certo asinou CCOO) , pero antes vai a acometer unha reforma de envergadura respecto da negociación colectiva. Tráta-se de debilitar o valor colectivo dos convenios e revalorizar o contrato individual. Tráta-se de potenciar o convenio estatal, de mínimos contidos e de vagas xeneralidades imposibles de traslación aos centros de traballo e de modificar os artigos 83 e 84 do Estatuto dos Traballadores para ilegalizar os marcos propios de relacións laborais. Tráta-se de potenciar os conveios de empresa, da pequena empresa, que son a maioría. Tráta-se de eliminar a negociación colectiva máis sindicalizada, a nivel galego ou provincial, a que permite agrupar unha “masa crítica” suficiente para enfrontar unha negociación con certas garantías. A que permite, polo seu ámbito, coñecer aos negociadores, participar máis doadamente no proceso negociador e decidir sobre o seu asinamento, así como facer seguimento da súa administración e cumprimento. Moito nos tememos que os sindicatos españois máis representativos entren de saco nesta negociación porque ainda que non sexa interesante para aos traballadores e traballadoras das nacionalidades e rexións do estado español, si que é verdade que as cúpulas dirixentes teñen a cabeza posta nese esquema centralista. Están en Madrid e teñen interés nunha negociación colectiva cada vez máis profesionalizada, distante e alonxada das persoas afectadas, o que lles supón, teóricamente, maior control sobre unha clase traballadora que conciben como simple expectadora da súa obra de teatro. Pero o certo é que esa negociación xeneralista non soluciona nada e deixa “fora de convenio” aquelo que máis afecta aos traballadores e traballadoras. Tamén deixa fora da negociación a unha maioría de persoas que non se ven identificadas nun convenio que non é capaz de regular as relacións laborais reais. E despois, nas empresas, sobre todo nas pequenas empresas, será o “salvese quien pueda”. ¡Viva a solidariedade! A CIG, como sindicato galego, expresión de autoorganización obreira, non so vai denunciar calquera pacto que ademáis de coartar a decisión autónoma da clase traballadora galega, potencie a burocracia, o servilismo e as relacións laborais antidemocráticas, senón que vai a propoñer que cada negociación colectiva sexa un fortín contra a invasión colonial dos convenios estatais. Por iso, a Folga Xeral do día 15 de xuño en Galiza debe ser tamén unha chamada de atención ao governo e aos sindicatos españois para que tomen nota e non insitan nese camiño separador e centralista. Por iso, a Folga Xeral ten que se-lo punto de partida para gañar unha maioría social a prol dun sindicalismo galego, centrado en proxectos propios e en negociacións adecuadas ás nosas realidades e ás nosas necesidades. Luís Burgos Diaz.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 12/06/2001 |