Actualidade / Artigo Vigo, 29 de xuño de 2001 O centralismo das maiorías absolutas Encol do Anteproxecto de Lei da Formación Profesional
O Governo español parece disposto a levar adiante a “Lei da Formación Profesional e das Cualificacións” a pesar da significativa oposición de todas as Comunidades Autónomas non governadas polo Partido Popular, tal e como quedou de manifesto na discusión do Anteproxecto no Consello Xeral da Formación Profesional, o pasado 31 de maio. Pero este proxecto sí conta co apoio da organización empresarial CEOE e máis dos sindicatos CCOO e UGT, polo que, unha vez máis, van ser os sindicatos españois máis representativos os que van a deixar so ao PSOE ante a maioría absoluta que ostenta o Partido Governante nas dúas Cámaras. Ata agora, outras reformas educativas propugnadas desde o Ministerio de Educación e Ciencia quedaron-se no tinteiro pola carencia de apoios suficientes nun tema (educación-formación) que require amplios consensos máis alá da maoiría política existente nun determinado momento. Sen embargo, no caso da Lei de Formación Profesional, todo está preparado para que se dea unha rápida aprobación á proposición guvernamental. Como decía, o pasado 31 de maio abandonaron o Pleno do Consello de FP, a representación de oito Comunidades Autónomas, desde Cataluña ata Extremadura, pasando por Aragón, Illas Baleares, País Vasco , Castilla-La Mancha, Andalucía e Asturies. E antes de marcharse, a Sra. Ministra tivo que escoitar algunhas intervencións contundentes en defensa das competencias autonómicas e en protesta polo irrespetuoso procedemento de elaboración do Anteproxecto, xa que non fora convocada previamente a Conferencia Sectorial. Tan so as representacións de Galicia, Navarra, Valencia e Cantabria pronunciaronse expresamente a prol do procedemento e do contido. Na CIG tamén estamos preocupados polo contido da lei e así o fixemos constar no debate do CES español o día 27 de xuño, presentando varias enmendas e un voto particular. Unha cousa é que o Estado, en exercicio das súas competencias para a ordenación do sistema educativo, elabore unha lei de bases da Formación Profesional e outra ben distinta que invada competencias autonómicas, intente definir totalmente a política educativa neste eido e remita toda a regulación a un desenvolvemento posterior vía Real Decreto. En educación e formación non se parte de cero. Existen competencias plenas en Galicia e nas dúas Comunidades vascas respecto do ensino, en tódos os graos e niveis, modalidades e especialidades, como rezan os Estatutos de Autonomía. Existe unha LOGSE, que no seu artigo 4º interpreta e aplica o que é normativa básica ao respecto do artigo 149.1.30ª da Constitución española, de xeito que os contidos mínimos fixados polo Estado en nengún caso requerirán máis do 55% dos horarios escolares para as Comunidades Autónomas con lingua oficial distinta do castellano. Existen transferencias, mesmo de centros de Formación Profesional “de referencia nacional”, especializados por sectores productivos. En definitiva, unha Lei da Formación Profesional debe contemplar todo eso, establecer as bases e non intervir e invadir competencias que xa están a exercerse, respaldadas por Programas de Formación Profesional elaborados con consensos sociais importantes nos distintos territorios. Non pode tampouco substituir, nin na elaboración nen no desenvolvemento, a participación das Comunidades Autónomas pola consulta ao Consello de Formación Profesional. Unha lóxica xurídica elemental determina que as relacións entre o Estado e as Comunidades Autónomas é unha relación de poder entre distintos ámbitos políticos lexitimados pola Constitución, que non poden ser suplantada por un órgano de consulta e participación institucional como é o Consello de FP, do que forman parte, ademáis das Administracións Públicas, outras entidades de representación social. Outras cuestións son tamén inquedantes, como a apertura privatizadora que se preconiza para o ensino profesional , de forma que as empresas poidan dar formación profesional (sen especificar si se trata da inicial, da ocupacional ou da continua) con cargo a subvencións públicas ou ben o ramalazo autoritario que implica a previsión de que a persoa que exerza a dirección dos Centros Integrados sexa nomeada pola Administración Correspondente, en vez de ser escollida polo Consello Escolar que é o que establece a lexislación vixente (artigos 17 e ss. da Lei Orgánica sobre a Participación, Avaliación e Governo dos Centros Docentes). Finalmente, parece que todo o mundo considera positiva a consecución dun sistema unitario de formación profesional que inclúa aos tres subsistemas e que integre esta formación coas políticas activas de emprego. Pois ben, esto é o que hai que facer realmente e hai que facelo respetando as reglas de xogo e os Estatutos de Autonomía, de xeito que a formación profesional reglada, ocupacional e continua sexa xa competencia plena da Xunta de Galicia. ¿De que outro xeito se vai producir a integración dos tres subsistemas? A lei non o aclara adrede e perde así a oportunidade de acabar coa actual bicefalia da formación profesional. ¿Vamos a seguir na actual situación onde a formación profesional inicial ou reglada é competencia exclusiva de Galicia, onde a xestión da formación ocupacional e de determinadas políticas activas foi tamén transferida, mentres se nos nega categóricamente a transferencia da formación continua? Pois parece que si, porque hai veces que os intereses creados son capaces de xustificar o irracional e o sinsenso. Determinadas dinámicas sindicais e patronais españolas explican-se en base a intereses comúns das súas cúpulas. Por iso tamén será necesario insistir unha vez máis en que a CIG non está a gosto na FORCEM. Está a disgosto pero está, porque chegou a unha decisión consciente e ponderada de que así defendía mellor a súa afiliación e a clase traballadora galega tal e como aprobou a maioría do Consello Confederal e o último Congreso. Pero tamén arela e loita pola lexítima transferencia a Galicia da Formación Continua e propón a creación dun Instituto Galego de Formación e Emprego que dea coherencia á política de formación profesional e remate coa situación caótica dalgunhas das súas modalidades. Luís Burgos Diaz traballa no Gabinete Técnico da CIG e representa a este sindicato no CES español.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 29/06/2001 |