ActualidadeVolver


Santiago, 19 de xuño de 2001

Folga Xeral do dia 15 de xuño de 2001
Intervención do secretário xeral da CIG, Suso Seixo, no acto final da manifestación celebrada en Vigo
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



 Clic para aumentar
Suso Seixo durante a sua intervención no acto final da manifestación de Vigo.
 
Compañeiros e compañeiras, un saúdo no nome da Confederación Intersindical Galega. Un saúdo que facemos extensivo aos miles de traballadores e traballadoras que están a se manifestar en todas as cidades de Galiza en resposta á convocatória de Folga Xeral.

Nen os governos do PP, nen a patronal, nen a dirección de CCOO, nen o boicoteo dos meios de comunicación, foron capaces de impedir que miles de traballadores e traballadoras, que miles de cidadáns e cidadás galegos se sumen a esta manifestación democrática de rechazo a unha política laboral, social e económica que atenta gravemente contra os nosos direitos laborais, contra o sistema público de protección social e contra sectores produtivos básicos para a nosa economia nacional.

Desde o poder político e económico, levan anos intentando convencer-nos de que esta política de reformas laborais e do sistema de seguridade social, de privatizacións dos servizos públicos e de perda de poder adquisitivo dos nosos salários, era totalmente necesária para poder criar emprego, facer unhas empresas máis competitivas, garantir mellor atención nos servizos públicos e garantir o sistema público de pensións. Falso, eles saben perfeitamente que están mentindo. Queren pór-nos unha venda nos ollos para que non vexamos a verdadeira intención desta política neoliberal e anti-obreira.

A nosa experiéncia, a que estamos a viver cada dia na rua, nos centros de traballo, demostra-nos que a realidade é outra moi distinta:

  • O desemprego en Galiza supera a média do Estado e situa-se por riba do 15%, sendo no caso das mulleres a taxa de desemprego do 20,7%. Nos últimos anos son moitos os miles de homes e mulleres galegas que tiveron que emigrar na busca dun posto de traballo.

  • A precariedade laboral vai en aumento, estando nestes momentos en taxas superiores ao 35%. Traballamos máis horas, por menos salário e con menos protección social.

  • Miles de traballadores e traballadoras están na economia sumerxida sen contratos, sen vacacións, sen protección social de nengun tipo.

  • Os salários son máis baixos e os despedimentos máis baratos.

  • Legaliza-se a flexibilización da xornada laboral, através do contrato a tempo parcial, quedando a critério do empresário o fixar a xornada diária, semanal ou anual.

  • Os mozos e mozas cando aceden a un posto de traballo fa-no en piores condicións do que o facian seus pais hai vinte anos. Un dado significativo é que a taxa de temporalidade entre os menores de 30 anos se eleva ao 63%.

  • O número de acidentes laborais é cada dia maior, sendo as principais causas destes a precariedade laboral e o incumprimento pola patronal da Lei de Prevención de Riscos Laborais.

  • O ensino e a sanidade pública son privados de recursos e sometidos, conscientemente desde o governo, a unha deterioración no seu nível de prestacións, para asi potenciar o ensino e a sanidade privadas.

  • A clase traballadora perdemos poder adquisitivo mentres os empresários aumentan os seus beneficios. O 22% das famílias galegas están por baixo da liña de pobreza e un 60% non ten capacidade de aforro.

  • A política fiscal grava cada vez máis as rendas máis baixas e benefícia as máis altas, recorrendo, entre outras medidas, ao aumento dos impostos indirectos.

  • Descapitaliza-se o sistema público da seguridade social, reducen-se as contias das pensións futuras, poténcia-se o sistema privado de pensións, pondo en mans das entidades financeiras e dos especuladores dos mercados financeiros, miles de millóns de pesetas através dos fundos de pensións.

Conxuntamente con isto, en Galiza estamos a viver o desmantelamento de sectores produtivos básicos para o noso desenvolvimento económico; estou-me a referir aos sectores gandeiro e pesqueiro. Estamos a falar de dous sectores en que Galiza é unha poténcia a nível europeo, dous sectores en que somos e podemos seguir a ser competitivos pois contamos con infraestrutura, con capital, con tecnoloxia e con man de obra cualificada. O sector gandeiro galego, como consecuéncia das cotas do leite e da falta de apoios da Xunta de Galicia, perdeu dous terzos da sua povoación activa desde o ano 1986. O sector pesqueiro reduciu de forma significativa o número de barcos que traballan tanto en augas de terceiros países como en augas comunitárias, sen que ao resto dos países da Unión Europea se lles exixise esa redución. Estamos pois ante unha política ditada desde a Unión Europea, que conta co consentimento e moitas veces co apoio explícito do PP, dirixida a reducir a níveis pouco competitivos a estes dous sectores produtivos tan importantes para o desenvolvimento futuro da nosa nación, mentres se favorecen, conscientemente, os intereses doutros países e doutros sectores económicos da Unión Europea. Unha importante representación das organizacións destes dous sectores produtivos están hoxe nas manifestacións e participaron activamente na convocatória desta Folga Xeral, e temos que facer mención expresa á presenza de Unións Agrárias e Sindicato Labrego Galego.

Compañeiras e compañeiros, se todo isto sucede nunha etapa de importante crecimento económico, de importantes benefícios para a patronal, que nos espera á clase traballadora cando chegue a recesión, cando a patronal queira seguir obtendo a mesma marxe de benefícios e o negocio non lle dea? A resposta está clara, máis precarización, máis conxelación salarial, máis despedimentos e máis desemprego. Hoxe xa moitas empresas multinacionais están a facer despedimentos masivos. Non podemos esquecer que esta política regresiva no social e no económico, imposta polo Governo español e pola Xunta de Galiza, forma parte dunha política de axuste ditada a nível mundial polo capital transnacional, que ten como finalidade aumentar as áreas de negócio e os benefícios do capital e que o Partido Popular vai intentar impor mentres lle dure a maioria absoluta que ten nos Parlamentos Galego e Español, maiorias absolutas que esperamos que perdan en próximos procesos eleitorais, polo ben da democrácia, da clase traballadora e de Galiza.

Esta política neoliberal precisa para ser exitosa do debilitamento e a desorganización do movimento obreiro e a domesticación dos sindicatos de clase. Por iso esta política incide tanto na contratación temporal e na individualización das relacións laborais, pois o capital sabe que iso xera división entre os traballadores e traballadoras, insolidariedade e baixa afiliación sindical. Ante esta situación, os sindicatos podemos adoptar duas posturas: unha delas seria aceitar a derrota, aceitar que o capitalismo neoliberal como o mellor dos sistemas posíbeis e convertermo-nos en meros xestores deste a cámbio das prevendas do poder (esta é a postura pola que se decantou a dirección de CCOO); a outra postura seria asumir coerentemente o noso carácter de clase, asumir o noso papel como garantes da defensa duns direitos laborais e sociais que conquistou o movimento obreiro tras moitos anos de loita e de sacrifício, e adoptar unha postura firme de oposición e de avanzo, convencidos de que esta loita a podemos gañar, convencidos de que a clase traballadora galega temos a necesidade e a capacidade para transformar esta sociedade nunha sociedade máis xusta, máis igualitária e máis nosa (nós apostamos por esta última postura).

Á clase traballadora galega, á clase traballadora dun País considerado conservador porque tradicionalmente governa a direita, cabe-nos hoxe o honor e o orgullo de sermos os primeiros en todo o Estado en lanzar unha folga xeral contra a política anti-obreira do PP. Algo está a cambiar en Galiza. Somos cada vez máis, mozos e mozas, traballadores e traballadoras e outros moitos colectivos e sectores sociais, os que estamos a manifestar o noso rexeitamento a esta política reaccionária regresiva no social e no económico, a esta política de control ditatorial dos meios de comunicación que atenta contra o direito á información e a liberdade de expresión, a esta política de pensamento único que persegue os que discrepamos con este modelo de Estado centralista e opresor, que persegue a todos aqueles que non estamos dispostos a aceitar un sistema socioeconómico inxusto, que xera cada dia máis precariedade, máis probreza e máis desigualdades sociais, en benefício dos de sempre, dos capitalistas, da gran banca e das multinacionais.

Compañeiras e compañeiros, o movimento obreiro galego temos demostrado en numerosas ocasións a nosa combatividade, a nosa capacidade de sacrifício á hora de defender o direito a un posto de traballo estábel e na nosa Terra, o direito a unhas condicións de traballo e de vida dignos. Hoxe, en toda Galiza, estamos a demostrar que seguimos a ser un movimento san, un movimento vivo, un movimento con dignidade. Non deixemos que a direita, o PP e o capital, nos contáxien a enfermidade do individualismo e da insolidariedade e paralisen o noso movimento. Contribuamos coa nosa solidariedade, coa nosa organización e coa nosa loita a deter este intento de desmontar o actual sistema colectivo de relacións laborais e o sistema público de protección social. Contribuamos coa nosa organización e coa nosa loita a conquistar un presente e un futuro mellor para as clases sociais máis desfavorecidas, para a nosa mocidade e para o noso povo, nunha Galiza máis soberana. Moitas gracias e adiante.


Vigo, 15 de xuño de 2001.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/06/2001