Actualidade / Artigo Santiago, 11 de maio de 2001 A precariedade laboral, o cancro social do século XXI
O fenómeno da precarización das contratacións laborais está-se a expandir en todo o mundo capitalista. O que aqui denominamos Proceso de Precarización do Mercado de Traballo ten alomenos catro condicionantes: os procesos de reestruturación produtiva (expresados en reorganización técnica, estratéxica e administrativas, reorganización do traballo e relocalización do espácio de atividades); a internacionalización e a expansión dos mercados financeiros, o aprofundamento da internacionalización e a maior abertura comercial das economias, e a desregulamentación das economias e dos mercados en todo o mundo. Eses procesos de cámbio crian un ambiente de maior incerteza na economia, con menores taxas de crecimento económico e do emprego que apresentan impactos distintos en mercados de traballo con caracterísiticas estruturais diferentes. A perda de calidade do emprego, dos bons empregos de alta produtividade e remuneración, é o eixo central deste proceso mundial de precarización do mercado de traballo. A partir dos diagnósticos apresentados nos informes internacionais (Banco Mundial, OIT, FMI, Comisión Económica Para América Latina) pode-se constatar que, nos países industrializados, os procesos de cámbio estrutural da economia expresan-se através de maiores taxas de desemprego e de desigualdade salarial, sendo a desigualdade salarial maior onde a taxas de desemprego son menores, como é o caso estadounidense, implicando o aumento dos índices de desigualdade na distribución da renda. Nos países europeus, onde as taxas de desemprego son maiores e a desigualdade salarial é menor, a criación de empregos ven sendo estimulada por meio de novas formas de contrato no mercado de traballo. O baseamento teórico de tal prática sinala que a criación de empregos estaría sendo limitada polos custos de transación -de contratación e despedimento- envoltos nos contratos de traballo por tempo indeterminado e en periodo integral. De tal xeito que as novas formas de contrato redirecionan o traballo asalariado para empregos en tempo parcial e temporais e, en moitos países, constituen un compoñente expresivo da criación de empregos para xóvenes e mulleres desde os anos 80. No caso dos países en desenvolvimento a situación difire en canto a absorción de mao de obra no setor secundário da economia, podendo ser observada a preponderáncia crecente do setor terciário na xeración de novos de traballo. En xeral, nesos países observa-se a diminución relativa do emprego industrial, maior expansión do emprego terciário e ampliación do setor non estruturado da economia (Informe da OIT, 1997). O Informe da CEPAL confirma que de "cada 100 empregos xerados duante 1990/95, 84 corresponden ao setor informal da economia". Esos procesos veñen sendo ratificados, especialmente en Europa e América Latina, pola desregulamentación do mercado de traballo, através de accións activas (mudanza das regras) ou pasivas (desgaste das regras) por parte dos governos. Encontra-se en marcha, dese xeito, unha redefinición nas regras da relación de traballo asalariada, motivada por estratéxias desenvolvidas para enfrontar con maior eficiéncia un ambiente mais competitivo e para patróns definidos no mercado internacional. A reorganización do traballo orienta-se para o uso flexíbel -xornada de traballo, remuneración e función- e intenso do traballo en escala global. Con esto crian-se, recrian-se e amplian-se relacións e formas de traballo dispares. Suma-se a este cadro a ampliación do traballo por conta própria, inducido polo menos por catro motivos: racionamento dos empregos asalariados e auséncia de políticas públicas compensatórias; expansión da atividade de servizos; estratéxia de sobrevivéncia implementada polos indivíduos que apresentan dificuldades de reemprego ou de ingreso no mercado de traballo; e a oportunidade de ganáncias superiores a aquelas dos empregos asalariados de baixa cualificación. A economia mergullada e a informalidade
O proceso de precarización do mercado de traballo remite-se -neste contexto- ao fenómeno das mudanzas estruturais en marcha na sociedade e na economia, o que incide na redefinición das relacións de produción, das formas de inserción dos traballadores na produción, dos procesos de traballao e das institucións. As relacións de traballo criadas, ampliadas ou recriadas nese ámbito expresan-se através de formas de traballo asalariado non rexistrado nos órganos da seguridade social o nos institutos de rexistro do emprego, pero tamén poden revelar contratacións (legais ou de mutuo consentimento) en forma de cooperativas de traballo, prestamistas de mao de obra, axéncias de traballo temporal, localizadoras de mao de obra, prestación de servizos temporais disimulados na forma de traballo autónomo, etc. Eses contratos non se insiren nunha única forma de organización da produción ou do traballo, xa que penetran a totalidade do espazo produtivo de bens e servizos. Pero apresentan unha característica común: a sua vulnerabilidade, ou sexa, a inseguridade da relación de traballo e na percepción da renda; a auséncia moitas veces de calquer regulamentación laboral e de protección social, especialmente contra despedimentos e acidentes laborais; o uso flexíbel do traballo (horários e funcións múltiples); e frecuentemente menores salários, principalmente para os menos cualificados. Outro fenómeno dentro do proceso de precarización é o autoemprego e outras estratéxias de sobrevivéncia emprendidas polas persoas que, por apresentar dificuldades de reemprego ou de ingreso no mercado de traballo, ou por simples opción, obteñen renda através de formas de traballo por conta própria ou en microempresas. Eses grupos en xeral na América Latina insiren-se en ocupacións de baixa produtividade. Este fenómeno debe ser analisado a partir do espazo económico non ocupado por empresas capitalistas e entran no que se deu en chamar setor informal da economia. Son estas formas de organización da produción que non se basean en mao de obra asalariada para seu funcionamento. O traballo precário baixo o império neoliberal
No curso dos anos oitenta apareceu un novo modelo de empresa. Ese modelo -que aqui chamaremos "neo-liberal", pero que outros chaman "flexíbel", "patrimonial" ou "financiarizado"-, leva até o extremo unha tendéncia espontánea da organización capitalista do traballo: a disociazón entre a eficácia empresarial e a xustiza social. Seria facer-lles demasiada honra aos teóricos do liberalismo crer que tiñan ese modelo na cabeza cando, a comezos dos oitenta, definiron a axenda das políticas do pos-keynesianismo. O seu credo limitaba-se a unha ideia: liberar as forzas do mercado. Trataba-se de botar abaixo as regras, instituicións e garantias que o capital se vira obrigado a conceder imediatamente despois da Segunda Guerra Mundial. Esas concesións provisionais -o recoñecemento, ao menos de facto, do poder sindical na empresa; a redistribución dos froitos do crecimento; a seguridade social; o controlo dos movimentos de capital; o papel decisivo do Estado na regulazón da economia- permitiran certamente trinta anos de crecimento desigoal. Pero tamén conduciran a laminar a rendabilidade dos investimentos. A aceleración progresiva da inflación traducia o esforzo cada vez mais desesperado das empresas para restaurar as suas marxes de benefício. O viraxe representado por Margaret Thatcher e Ronald Reagan consistiu, esencialmente, en provocar unha recesión brutal grazas a un alza inaudita das taxas de interés e en desmantelar rápidamente todos os atrancos impostos á libre circulazón dos capitais. O obxectivo conscente non era outro que restabelecer unha relazón de forzas favorábel ao capital para reducir o custe do traballo, incrementar a rendabilidade e relanzar os investimentos. Enfrentados no mesmo momento ao avance en poténcia dos competidores xaponeses, os xefes de empresa ocidentais buscaron en primeiro lugar imitar-lles. Misións de estudo e obras especializadas sobre o "modelo xaponés" multiplicaron-se ao longo dos anos oitenta, para comprender o segredo de "a máquina que mudou o mundo" (título dunha célebre obra sobre o modelo xaponés). Kanban, kaizen e círculos de calidade proliferaron nos discursos e tamén nos obradoiros. Os especialistas da xestión cantaban os méritos da "produción xusta" (produce-se o que se demanda de antemao), sen stocks nen perdas. Os responsábeis de recursos humanos falaban sobre a "cultura de empresa" e o "proxecto compartido". Moitos sociólogos anunciaban a emerxéncia da "empresa comunidade", e os economistas discernian "un novo compromiso social". O "novo modelo produtivo" estaria dotado de catro rasgos principais: "descentralizazón da produción", "posta en común da perícia", "salários cualificados e adaptábeis" e "relacións de traballo cooperativas e que favorezan a inovación". Sen embargo, a maior parte das empresas reais non importaron mais que certos elementos da panóplia xaponesa. Certamente, nos talleres, a descentralizazón da organización do traballo leva aos asalariados a traballar directamente baixo a influéncia directa dos clientes, segundo os princípios de "xusto-a-tempo": non se produce mais que o que xa está vendido. Tamén é verdade que as clasificacións ríxidas saltan polos aires, a polivaléncia e o autocontrol da calidade estende-se , a mobilidade dos asalariados entre servizos desenvolve-se , o traballo converte-se en algo mais colectivo. Pero o emprego de por vida morreu, e tamén o emprego estábel: a nova norma é o emprego precário, coa espada de Damócles do despido a ponto de cair permanentemente sobre a cabeza. Esvaeceron-se pronto as ilusións; a brutalidade dos despidos non tivo precedentes durante a recesión de princípios dos noventa, ainda que os benefícios das empresas non diminuiron praticamente nada. Até os anos oitenta era sobre todo a remuneración do capital a que encaixaba as crises conxunturais. Cando as cousas ian mal, as direccións das empresas dubidaban en despedir, por medo aos conflitos sociais. A partir dos anos oitenta, é a masa asalariada a que debe sofrer os custos dos axustes: as exixéncias dos aczonistas están antes que os intereses e o emprego dos asalariados. Despois, ano tras ano, as empresas, mesmo as florecentes, experimentaron unha sucesión de planos de reaxuste. Neste fin de século, segundo cálculos da OIT, o 75% dos contratos de traballo teñen duración determinada ou son contratos de interinos. En canto aos asalariados estábeis, ainda permanecen certamente maioritarios nas empresas (59% dos salariados teñen mais de cinco anos de antigüidade nos países da OCDE), pero constatan a precariedade da sua situación asistindo, impotentes, aos golpes que a precariedade reparte en torno a eles.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/05/2001 |