Actualidade / ConferénciaVolver


Vigo, 8 de maio de 2001

A situación sociolaboral en Galicia
Texto da conferéncia ditada por Luís Burgos nas VIII Xornadas sobre Condicións de Traballo e Saúde
 

Luís Burgos Diaz-

cig.institucions-estado@galizacig.com



Boas tardes e gracias, de verdade, aos organizadores por permitirme estar de novo en Ferrol e intervir nestas interesantes xornadas organizadas pola Asociación de Graduados Sociais e a Escola Universitaria de Relacións Laborais.

A estas horas da tarde, nas que me toca intervir baixo o epígrafe de “situación sociolaboral de Galicia”, ben me gustaría poder expoñer un panorama favorable e amable, algo así como aquelo de que España vai ben e Galiza tamén, dicir que todos, governo, sindicatos e organizacións empresariais estamos a facer o que podemos e que as cousas van por bo camiño. Eso sería, seguramente, máis levadeiro e doado de asumir porque todos estamos como máis predispostos a aceptar o positivo.

Pero para iso, por unha parte tería que ver moita máis televisión e pola outra non podería estar afiliado á CIG. Porque estar afiliado á CIG implica tal bombardeo de información que non pode un estar tranquilo. No último mes, por exemplo, recibín esta publicación titulada “Catro anos de consolidación da precariedade”, este informe sobre “Os contratos de Traballo en Galicia no ano 2000”, este documento sobre “A Reforma Laboral do 2001” , este traballo sobre o “Acordo de Pensións” e esta publicación, o Tempo Sindical, onde con estas letras tan grandes cháma-se á Folga Xeral. Grande parte disto é culpa do Gabinete Técnico da CIG que non para de buscar e contrastar datos e de ofrecer propostas concluíntes.

Pois ben, como antes de entrar un amigo ferrolán avisoume de que non se me ocurrira expoñer todo este material se non quería que me correrades a gorrazos, o que vou facer é dar tan so unhas pinceladas que espero axuden a entender a situación actual.


Precariedade

En primeiro lugar temos que falar da precariedade laboral. Agora, a taxa de temporalidade é máis alta que era antes da reforma de 1997, que propagandísticamente pretendía a estabilidade no emprego. Nese ano estaba no 33,90% e ó rematar o ano 2000, no 34,3%. A temporalidade aumenta en Galicia mentres diminúe lixeiramente no conxunto do Estado español.

Pero ademais, o 23,7% dos contratos duran menos de 1 mes e a rotación segue a aumentar. No ano 1994 dába-se 1,76 contratos temporais por cada eventual, en 1997 2,42 e a primeiros do 2000 esa cifra aumentaba a 2,78.

No ano 2000, tan so o 7,40% dos contratos rexistrados foron de duración indefinida.

A temporalidade afecta especialmente á mocidade, que ten un futuro e unhas condicións laborais moito peores que as xeracións precedentes. Entre os 16 e os 25 anos, a taxa de temporalidade ronda o 80%.

Auménta-se o diferencial de desemprego entre mulleres e homes. O paro feminino é o dobre do masculino e eso que a taxa de actividade das mulleres case que é a mesma que fai vinte anos.

Xeneralizan-se os abusos e os fraudes na contratación, afectando principalmente ás mulleres e á mocidade. Especialmente importante é a denuncia do encadeamento de contratos, xa que a terceira parte dos contratados de forma temporal teñen unha antigüidade real na empresa superior a do seu contrato.

Pero ademais da precariedade na contratación, tamén se da unha maior precariedade nas condicións de traballo. Despois da lei de reforma das ETTs, que obriga a que se igualen as condicións salariais e de traballo coas da empresa usuaria, a patronal está a utilizar outros mecanismos para abaratar custes a costa dos traballadores e das traballadoras. Aparecen así as empresas de servicios e as subcontratas que, sen patrimonio propio, sen organización do traballo, sen risco empresarial algún, o único que fan é ceder persoal a outras empresas en condicións precarias. Todo iso ten unhas consecuencias gravísimas para o conxunto da clase traballadora e presiona a prol dunha precariedade xeneralizada.


Crecemento e emprego

En 1998 a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia e as direccións sindicais en Galicia de CCOO e UGT, asinaron un pacto polo crecemento e emprego, que pretendía reducir a taxa de temporalidade a niveis da media europea, poñamos a un 13%. Increible.

Xa vimos como a taxa de temporalidade non so disminúeu senón que aumentou. Pero tamén aumentou a diverxencia co Estado español en renda per cápita e tamén a diverxencia respecto da taxa de emprego. Aínda non hai un pronunciamento oficial sobre os resultados dese pacto, que como se sabe a CIG negouse a asinar. E, a pesar de que hai unha comisión de seguimento do mesmo, seguramente nin se dará esa avaliación nin a prensa libre deste País tentará de conseguila e publicala.

Como sabedes, o crecemento económico no 2000 foi do 4,1, por riba do 3,7 previsto polo governo. A inflación foi do 4, tamén por riba do 2% previsto polo governo. A inflación perxudica ó emprego, vía perda de competitividade dos productos, perxudica ós salarios e perxudica sobre todo ás rendas de quen menos capacidade adquisitiva teñen.

Practicamente a metade dos traballadores e traballadoras de Galicia non teñen unha cláusula de revisión salarial retroactiva, única forma de recuperar o poder adquisitivo perdido pola inflación. Pero esa inflación tan alta ten culpables. Escoitamos moitas veces e seguiremos a escoitar que as subas salariais danan á economía e son as culpables da inflación. Se en 1999, a clase traballadora perdeu, contando as cláusulas de revisión, 0,5 puntos respecto da inflación, ¿cómo poden ser os salarios os culpables da inflación do 4% no ano 2000?. E nese ano 2000, perdemos en termos de media 1,5 de poder adquisitivo,¿ tamén imos a ter a culpa de que a inflación supere con moito as previsións irresponsables deste governo para o ano 2001?

Os verdadeiros culpables hai que buscalos nos empresarios, que aproveitan a bonanza económica para enriquecerse a curto prazo, subindo os prezos ante calquera conxuntura que poidan aproveitar, como foi o caso da suba dos carburantes ou das vacas tolas. Pero tamén ten culpa un governo que non toma medidas eficaces, que se declara inimigo dos impostos directos e entusiasta dos impostos indirectos que gravan o consumo, sen ter en conta a capacidade económica do contribuínte.

Por outra parte, falando da inflación, quero chamar a atención sobre algo que sempre fago, porque ó negociar durante unha serie de anos -23 anos xa- incrementos porcentuais en relación ó IPC, estan-se agrandando inxustificadamente as diferencias salariais entre territorios, entre sectores, e entre categorías dentro da mesma empresa ou centro de traballo. Se somos conscientes desto, das consecuencias en períodos longos, desta forma de proceder, todos os sindicatos debemos instar medidas correctoras, negociacións salariais lineais, pagas lineais, etc, que permitan un reparto máis xusto e tendan á igualdade, non á igualdade aritmética, senón a igualdade redistributiva.


Reforma laboral

Como xa houbo unha ponencia específica sobre a reforma laboral que expuxo o compañeiro e agora máis amigo, Antonio Ferrer, non vou a repetir as críticas aquí vertidas. Se acaso, logo no coloquio, si alguén quere volveremos sobre isto. Tan so dicir que a reforma xeneraliza o despedimento máis barato, ese dos 33 días por ano, aumenta a precariedade, sobre todo co establecemento dun contrato a tempo parcial sen definición clara, que era o que pretendía a patronal para poder obter unha dispoñibilidade case absoluta das persoas contratadas, e instaura un chamado contrato de inserción nas Administracións Públicas que é un auténtico contrato basura. As Administracións Públicas en vez de dar exemplo sobre a calidade e a estabilidade de emprego, convértense ou queren convertelas mediante esta posibilidade de contratación na punta de lanza da precariedade laboral. Que conste que nestes últimos tempos, e así o pon de manifesto a Memoria do CES español, as Administracións públicas foron as responsables do que lle chaman rebrote da eventualidade, porque están acudindo masivamente á contratación precaria.


O Acordo de Pensións

Sei que tamén desto se falou anteriormente, pero quero expoñer brevemente a posición da CIG ó respecto.

O Acordo vai a producir unha reducción das novas pensións a partir do 2003, porque se van a seguir aumentando o número de anos que se teñen en conta para calcular a base reguladora.

O Acordo vai en contra do emprego da mocidade porque fomenta que as persoas segan a traballar despois de ter cumprido 65 anos.

O Acordo vai a minguar os ingresos da Seguridade Social, porque se aumentan as subvencións e bonificacións nas cotizacións dos empresarios, e esto se utilizará para xustificar recortes posteriores nas prestacións sociais.

E ademais, e esto non o diría o ponente da UGT, porque a súa central sindical foi partícipe do Pacto de Toledo onde xa se prevía esta medida, insíste-se na integración dos mariñeiros e labregos autónomos nun réxime xeral de traballadores por conta propia, o que vai a supoñer, con toda seguridade, un notable incremento das cuotas que moitísimas persoas non poderán pagar. Cando se concrete normativamente este acordo xa veremos como aparece esta medida, porque realmente pode ser a puntilla para estes sectores productivos que, como todo o mundo sabe, son fundamentais e teñen un peso moi importante na nosa economía nacional.


Convocatoria de Folga Xeral

Pois ben, a todo o dito ata agora, hai que sumarlle a situación na agricultura e gandería galega e o fiasco anunciado para a pesca industrial, que depende en grande medida da renovación do acordo con Marrocos, dun bo acordo.

Con todo iso, a CIG, que está ben informada e que está ó fronte das loitas obreiras que se están a dar en Galicia, decidiu convocar unha folga xeral. Agora sabemos que a UGT tamén estaría de acordo, polo que xa existen conversas para definir os contidos e fixar unha data, que ata agora non está fixada, pero que podería ser a primeiros de xuño.

A folga xeral debe ser unha resposta masiva da clase traballadora galega contra a precariedade laboral, contra esta situación sociolaboral que a grandes rasgos acabo de describir, e pola retirada de todas as medidas en materia laboral e de protección social que atentan contra o mundo do traballo, xa sexan impostas por Decreto ou acordadas con determinados sindicatos.

Pero a folga xeral, ademais de ser unha resposta masiva dunha clase traballadora que non vai ben, senón que cada vez está en peores condicións, debe ser tamén o inicio dunha acción sindical máis organizada e eficaz, máis directa e contundente fronte ás situacións de explotación e de abuso. Debe servir como acicate para unha estratexia e acción sindical menos burocratizada e xerarquizada, de contidos concretos claros. Estou a falar en xeral pero podo poñer algúns exemplos que clarifiquen esto. Na Administración Pública, poño por caso, a convocatoria dunha folga xeral debe servir para abrir unha mesa de negociación na que se esixa a non aplicación do contrato de inserción e se defina en cada nivel os postos de traballo necesarios. No transporte de viaxeiros, por falar doutro caso concreto, a situación en xeral non é moi diferente do que ocorre na empresa Transportes La Unión (que leva 90 días en conflicto), en canto ó abuso nos horarios, na polivalencia, na mobilidade xeográfica, etc, inda que sexa difícil atopar un empresario tan cazurro como o propietario do grupo MONBUS. Pois ben, é necesario un acordo galego que estableza condicións de traballo homoxéneas e regularice o sistema de traballo no sector e hai que ir xa a por iso que sería bo, non so para os traballadores, senón para poñer as condicións de competencia empresarial no seu lugar.

En definitiva, a folga xeral non é so un “basta xa”, senón que debe ser tamén o inicio dunha estratexia de unión da clase traballadora, e das forzas sindicais que sexa posible unir. para dar respostas concretas e conseguir melloras factibles nas condicións de traballo a través das negociacións xerais e sectoriais que sexan necesarias.

Esperemos que a dirección de CCOO non se asuste destas perspectivas, porque sabemos que as persoas que están afiliadas comparten estes obxectivos e a folga xeral debe ser unha resposta masiva.


Ferrol, 26 de abril de 2001.

Luís Burgos Diaz,
secretário de CIG-Institucional-Estado.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/05/2001