Actualidade / Artigo  Santiago, 8 de maio de 2001
Contra a privatización de ENCE
Estando en contra da privatización non deixo de situar o problema en termos de prioridade para o País e, polo tanto, calquera acción industrial debemos valorala analizando se contribúe á transformación da nosa economía, se completa ciclos que crean valor engadido e compensan as desfeitas, se pagan aqui os seus impostos e taxas e tamén se hai accións de harmonización entre desenvolvemento e conservación.
Desde unha perspectiva galega o asunto da privatización de ENCE é prioritario por saber que determinadas accións e opcións terán tendencia a concentrar asentamentos industriais ou os procesos de maior valor engadido en áreas cun alto grao ou maior industrialización, aforrando os privatizadores recursos orzamentarios por trasladar a súa responsabilidade á iniciativa privada, que en troques permitirá recursos ao Estado para facer seguramente unha política de desequilibrios maior ao destinar recursos da privatización a outras cuestións e a outros terriorios.Os novos donos farán o que mellor conveña aos seus intereses.
Ao meu entender a decisión que se vai tomar debemos valorala dende unha óptica de reequilibrio territorial e dunha política industrial para un País que quere construír o seu futuro, onde a intervención dos poderes públicos é máis necesaria que a do mercado pois a propiedade está nas mans de quen está, e o debate ideado é interesado, pois non hai confrontación entre capital estranxeiro e galego ou que hai garantías sociolaborais cando os compromisos non van máis alá que o novo socio de referencia se comprometa a manter as accións por un tempo de tres anos.
A fabricación actual en Pontevedra de pasta totalmente libre de cloro é de 340.000 Tm e podería chegar nos vindeiros anos a 380.000 Tm.Galiza está a producir 4 millóns de metros cúbicos/ano de eucalipto e esta fábrica só consume 1 millón de metros cúbicos. A CEE é deficitaria na producción de pasta de papel. A pasta producida en Pontevedra é exportada a Europa maioritariamente e, dado que o Estado Español é deficitario en 1 millón de Tm de papel, alí a elaboran e logo impórtase ademais dun 49% do papel de escritura.
Só con iso en termos de política industrial pensando Sempre en Galiza sería suficiente para pechar o ciclo no País pero ademais cando a fábrica de Pontevedra produce pasta hai que secala, empaquetala, e transportala ata puntos moi lonxanos que ao recibila teñen que volver a licuala para facer o papel. Ademais da economía no proceso hai que ter en conta a xeración de tecido industrial na elaboración e manipulado dos distintos papeis.
Tanto tempo dedicando o noso territorio a producción de materias primas que fornecen a industrias e intereses que só consideran a Galiza para eso, que non nos decatamos colectivamente da importancia desta decisión político-industrial para o noso futuro, se nos atemos ás esixencias dos poderes públicos. Aínda máis preocupante que iso, é o silencio dos “cordeiros” cuxa preocupación e ocupación consiste en apoiar a un ou outro grupo dos que están a puxar pola propiedade accionarial do 24,99% do capital deste grupo empresarial, aínda que sexa ás agachadas e só por intereses persoais de poder político ou económico.
Os procesos de concentración de actividade productiva non poden esquencer a Galiza ou utilizala como moeda de cambio a cambio de nada. Estando en contra da privatización non deixo de situar o problema en termos de prioridade para o País e, polo tanto, calquera acción industrial debemos valorala analizando se contribúe á transformación da nosa economía, se completa ciclos que crean valor engadido e compensan as desfeitas, se pagan aqui os seus impostos e taxas e tamén se hai accións de harmonización entre desenvolvemento e conservación. Fermin Paz Lamigueiro, secretário nacional da Federación de Químicas e Enerxia da CIG.
|