Actualidade Vigo, 29 de maio de 2001
Entrevista con Carlos Crespo, secretario nacional de CIG-Administración Pública “A convocatoria da Folga Xeral é moi esperada no noso sector”
| |  | | Carlos Crespo, secretario nacional da Federación da Administracion Pública da CIG. | | | Cales son as reivindicacións dos empregados públicos?
As reivindicacións que estamos a demandar son de tipo económico, de calidade do emprego e de melloras sociais, polo que pedimos a recuperación do poder adquisitivo dos salarios (levamos perdido un 15% nos dez últimos anos), contra a precariedade do emprego, demandando a eliminación da taxa de reposición de vacantes e a conversión de emprego temporal en fixo, a xornada de 35 hs. e a desaparición da mobilidade forzosa. Estas mobilizacións están encadradas no marco dunha “Plataforma Galega en defensa dos Servizos Públicos”, na que están, amais da CIG, a UGT, CCOO, CSIF, USO, STEG e ANPE.
Cantos traballadores están afectados pola recuperación do poder adquisitivo?
Están afectados aproximadamente 125.000 empregadas e empregados no ámbito das Administracións Públicas, Ensino e Saúde, en toda Galiza.
Como valorades a postura do Governo central e da Xunta ao respeito das vosas reivindicacións?
Tanto os governos da Xunta como do Estado están a ser pouco receptivos ás nosas esixencias. Mesmo despois da sentencia da Audiencia Nacional, que condeaba á Administración a pagar os atrasos da conxelación salarial do ano 97, a Xunta nen sequera tivemos resposta formal ás nosas demandas de negociación.
Que valoración facedes das mobilizacións que tedes realizado?
Dende o derradeiro trimestre do ano pasado estivemos a mobilizarnos. Fixemos unhas xornadas de folga que tiveron moita incidencia (sobre o 80%), e a manifestación de Compostela contou con mais de 15.000 persoas. Posteriormente seguimos con concentracións, manifestacións, etc., que tiveron unha resposta importante por parte dos traballadores e traballadoras. Sen dúbida as empregadas e empregados públicos, e a sociedade en xeral, están concienciados da xustiza das nosas reivindicacións.
Cales son as seguintes accións que tedes previsto?
Neste trimestre temos convocada unha concentración de delegados e delegadas o 26 de xuño, ás 11,00 hs., en Compostela, diante do edificio da Xunta en S. Caetano. E estamos dispostos a continuar, se as nosas demandas non son atendidas. Agardamos que nas negociacións dos orzamentos do vindeiro ano, se contemplen ás nosas reivindicacións.
Cal é o ambiente que existe no sector cara a folga do 15 de xuño?
Como xa dixen, no ámbito das Administracións Públicas existe un descontento moi amplo, cun clima propicio para que teña un seguimento masivo por parte dos empregados públicos. A convocatoria da Folga Xeral é moi esperada no noso sector, mesmo nas últimas manifestacións (antes da convocatoria do paro) a xente berraba consignas pedindo a folga xeral. Parécenos, que ademais do contexto de cabreo xerado pola reforma laboral e reforma das pensións, a situación socio-laboral na Galiza e a crise nos sectores productivos e industriais, así como o tratamento das políticas de persoal nas administracións públicas, son ingredientes que botan máis leña ao lume, e propician un seguimento masivo desta xornada de folga.
Tedes pensado algunha acción concreta preparatoria desta xornada?
Estanse facendo pronunciamentos a prol da convocatoria por parte de Comités de Empresas e Xuntas de Persoal, realizamos asembleias nos centros de traballo, así como confección e reparto de follas informativas, etc.
Cando vai ser o Congreso da vosa Federación, cales son os temas de debate e onde se vai realizar?
Despois de celebrado o III Congreso Confederal, os vindeiros días 22 e 23 de xuño, imos celebrar en Lugo o Congreso da Federación, no que debateremos como afrontar a nosa acción sindical nos próximos catro anos. Tamén se elixirá a nova Executiva. Ao Congreso asistirán 130 congresistas, e están convidadas outras organizacións do sector de Portugal, Canarias, Euskadi, Cataluña e Valencia. |