ActualidadeVolver / Entrevista
Vigo, 22 de maio de 2001

Entrevista con Xavier Aboi, secretario nacional de CIG-Mar
Mariñeiros cortan a ponte internacional de Tui
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



 Clic para aumentar
Xabier Aboi, secretario nacional de CIG-Mar.
 
Máis de medio cento de mariñeiros de Barbanza, Morrazo e A Guarda afectados pola falta de acordo entre a Unión Europea e mais Marrocos, cortaron a ponte internacional de Tui o lúns 21 pola mañá, queimando neumáticos na estrada que une Galiza e Portugal á altura do río Miño. Os neumáticos que se queimaron estaban unidos por unha cadea entre sí, o que orixinou unha retención importante no tránsito rodado. A finalidade do acto era chamar a atención e presionar á Xunta de Galiza, Governo Central e a Unión Europea, para que dean solucións a este grave problema que atinxe a varios miles de familias en Galiza.



Sobre a situación da frota e os mariñeiros entrevistamos ao secretario nacional da Federación do Mar da CIG, Xavier Aboi.

Cal é a situación do sector pesqueiro na actualidade?

X.A. A situación é dramática. Neste intre non existe un só acordo pesqueiro de importancia que abranga á frota galega, e que permita ollar o futuro con optimismo. Dende a entrada na Unión Europea perderonse caladoiros como os de: Namibia; a maioría da cota que tiñamos en NAFO (bacallau); Malvinas. Outros acordos foron negativos, como o último con Marrocos e Arxentina. Tamén se reduciu a cota que nos correspondía no Gran Sol (que son augas comunitarias), dalgún xeito penalizouse á frota galega en beneficio doutros países da Unión Europea.

Cales son as consecuencias da falta dacordo con Marrocos?

X.A. Vamos perder unha parte importante da nosa frota pesqueira, que era moi avanzada en tecnoloxía, tanto por falta de caladoiros como por estar moi especializada nas especies do Banco Sahariano. Este era o acordo internacional máis importante. A falta dacordo xera un novo escenario que vai incidir na renovación doutros convenios de pesca. Están a piques de rematar os acordos con Senegal e Mauritania e, entendo, que podemos esperar o pior, máxime coa postura que manteñen o Governo Español e máis a Unión Europea en tema de pesca, especialmente cando atinxen ao noso país.

A que bisbarras afecta a non renovación do convenio?

X.A. As comarcas máis afectadas son o Barbanza e o Morrazo, e despois a localidade de A Guarda. A gravidade e o preocupante do tema amósao o feito de que xa hai mariñeiros enrolados en barcos "piratas". Nalgúns destes barcos xa houbo mariñeiros acidentados, que antes estiveran no caladoiro do Sahara. Son barcos que non ofrecen garantías, nos que os mariñeiros non teñen cuberturas sociais e os salarios son máis baixos.

Segundo as asociacións de comerciantes as vendas baixaron nas bisbarras afectadas un 40% neste período. Hoxe por hoxe os mariñeiros están ao pairo, xa que non existen alternativas, nen de emprego nen axudas concretas.

Van continuar as mobilizacións?

X.A. Está claro!. Seguiremos buscando solucións na Mesa de negociación, pero tamén ao traverso das mobilizacións, xa que sabemos (por esperiencia) que só así pode haber unha resposta positiva ás nosas reivindicacións.

Indo a outro tema, ¿cal é a situación do sector marisqueiro, despois dos temporais?

X.A. O marisqueo está nunha situación de desfeita polos últimos temporais. Malia que se pediron accións concretas para rexenerar as praias e medidas sociais para os mariscadores/as, o Governo deu a calada por resposta. Mesmo segue a botarse frores como se non pasara ren, como se non houbera un problema moi grave. Pouco ou nada aparece nos meios de información e dende a Xunta preténdese amosar unha situación de normalidade que non existe. As praias están hoxe improductivas. Esto compre cedo dunha resposta axeitada, xa que o marisqueo é unha das nosas riquezas máis importantes, e da que viven miles de familias.
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/05/2001