Actualidade / Artigo Santiago, 3 de abril de 2001 Qué pasa con Macedonia?
“Cuando todo se puede decir, la forma de censura es el consenso” HECHOS CONTRA EL DECORO Ninguén sabe o que pasa con Macedonia. ¿Existe en realidade Macedonia? Ninguén sabe se algunha vez existiu Macedonia ou se é territorio virtual, outra Bosnia-Herzegovina creada con fibra óptica e cálculos dolorosos de mercado no único ril que lles queda ós pobos estrañados (excluídos) de occidente. Así que, é probable que en realidade non exista. Hai unha man de escuma e ferro, definidora dos pensamentos e dona do real e o imaxinable, que construíu ese espacio dubidoso igual que fixo con outros. O poder, tan existente en si como inconsistente para os cerebros dos que non queren pensar máis aló dos espacios coñecidos e ulidos segundo as guías dos donos do mundo, sabe que non debe facerse demasiado evidente na súa brutalidade. O capital aprendeu moito e ben do pensamento crítico. Tanto, que conseguiu reverter o ritmo dunha historia que pareceu por momentos acelerada e se mostrou ó cabo morta de morte matada. Confiamos en que, coma o poeta sen furtuna, sexa un morto que goza de boa saúde. Pero esa é outra historia.
Diciamos que o capital, no seu polimorfismo máis complexo có misterio cristián da Trindade, renunciou voluntariamente a nos esclarecer a esencia dos seus pensamentos e os seus intereses, o seu grande interese-obxectivo: reproducirse en si mesmo a si mesmo. Igualiño có alcalde da Coruña. Na súa sabedoría darwiniana, o sistema sábese descubridor do mellor aparello autorreproductor: a metáfora das cousas e da realidade. Iso si, con imaxes tópicas. A súa posesión totalitaria da linguaxe, entregada en préstamo de alto interese ós intelectuais orgánicos e ós medios de comunicación de masas que desexan globalizar a aldea, permítelle nomear cousas, feitos, espacios e xentes. E inda que detrás dun nome non haxa nada máis ca holograma coloreado de realidade, as multitudes do novo século, futuro suxeito colectivo, revolucionario sen dúbida, somos o obxecto da creación ilusoria dun mundo repartido entre o ben e o mal. A metáfora espacial devén simple e maniquea, pero funciona. O ben, deste lado; o mal, alén das fronteiras do mundo coñecido. Nada novo na historia. Lección tomada da antigüidade. Pois nesa dualidade espacial e conceptual, o capital mailos seus voceiros nunca ben pagos apréndennos que só existen aquelas realidades que serven para repartir a gusto o ben e o mal. Onte existiu Serbia, a República Federal de Iugoslavia, Kosovo, Albania, Milosevic, a Esquerda Unida Iugoslava, Rugova, o UCK. Hoxe non hai nomes que nos fagan recoñecible unha realidade. A penas Macedonia, unha ensalada de ingredientes indeterminados. Onte dixéronnos que existía a Gran Serbia, aquel proxecto ultranacionalista non denominado imperialista por ser esta unha palabra que aborrece o sistema e os seus adoradores. A realidade era unha Serbia cada vez máis desposuída da súa propia terra nunha Iugoslavia condenada a ir morrendo de lepra. Hoxe inda non sabemos o que existe porque non están repartidas as categorías de ben e mal no conflicto da Macedonia virtual. Esa minoría albanesa armada foi antonte o ben. Hoxe non pode selo; de fronte non está Iugoslavia, Serbia ou Milosevic. Pero tampouco poden mudar tan velozmente as categorías. O que onte representou o ben, o que había que salvar do mal contra o que loitaba para gañar os seus dereitos, o que xustificaba unha intervención armada limpa e liberadora, hoxe non pode pasar sen máis a ser o mal. Perdoe o lector a digresión, pero observe cómo os dereitos colectivos son importantes en Kosovo, xeran unha agresión armada internacional, mentres en Galicia, Cataluña, o Kurdistán ou Euskal Herria poden ser motivo de vexación cando non de cárcere ou morte. O caso é que Macedonia xa non é moi importante. Cumpriu a súa función cando se esgazou de Iugoslavia. Xa está. Non é necesario, polo momento, identificala co ben nin co mal. O capital xogou a armar e uniformar o UCK, e onde non foi suficiente, sulfatou vidas e pensamentos con uranio empobrecido e bombas. Ironía das linguas: uranio empobrecido para os pobres da terra. Pero aquilo culminou as necesidades categorizadoras de Occidente. As multitudes aprenderon que o bicho morre inevitablemente. Iugoslavia está por fin preto do occidente moderno, roza o ben, e gardará ademais na memoria a lección aprendida. Como os albaneses inda non aprenderon o valor das categorías, terá que llelo ir explicar en persoa o propio Javier Solana, referencia ideolóxica, vital, cultural e pacifista de socialistas españois (e galegos). Hoxe comprométese, só mediante o diálogo, a conseguir para os albaneses o recoñecemento de dereitos nacionais en Macedonia. Unha migalla do que tiñan en Kosovo sete minorías nacionais diferentes, expulsadas xa da historia polo poder igualitario da bomba e da metralla, da mafia albanesa, dos progresistas de terceira vía de todo o mundo, dos demócratas. O criminal de guerra máis famoso e valorado de occidente logo ha conseguir o Nóbel da paz por resolver tamaño conflicto sen mandar tirar unha bomba. Non teimen, pois, especialistas en política internacional, atinados analistas e observadores, en xogos xeopolíticos nin en xeoestratexias. O mundo xa non ten mapa coñecido. Por moito que os vellos estados teimen en reforzar con arames de gume as fronteiras exteriores e interiores, físicas e simbólicas, o mapa do mundo non ten liñas, non ten lonxitudes, non ten proximidades nin veciñanzas. Está no aire, debúxase nos satélites e chéganos á casa por medio dos media. Cando un norteamericano non sabe onde situar xeograficamente un lugar é porque gañou a modernidade, superou un chanzo evolutivo que algúns túzaros nin albiscamos. Ese lugar teno dentro da casa. O capital, coma o doutor Frankenstein, crea o monstro, e nese seu mundo virtual habitan as contradiccións que acabarán con el. Sábeo. Por iso a brutal agresión, o crime, o xenocidio contra serbios e outras comunidades que habitaron Kosovo. Non hai razóns xeoestratéxicas, non. É o mal exemplo; non o pode permitir o poder encarnado en occidente, o dono do mundo, ese grande estado policial. O mal exemplo da República de Iugoslavia, a súa ausencia consciente da Nova Orde Mundial, esa que instauraron a golpe de fame e miseria fondos monetarios, organizacións de comercio e outras institucións filantrópicas. O mal exemplo que, fronte á globalización, representaban os dereitos e institucións das moitas minorías nacionais iugoslavas. Desde que se libraron eles soíños dos nazis co seu propio sangue, as súas propias mans e as súas propias armas. A agresión contra Iugoslavia foi a represión do mal exemplo. Ben acompañada pola orquestra de intelectuais demócratas e anticomunistas, periodistas unidos ós seus amos, ONG caritativas en compango con exércitos na represión democrática do mal exemplo. Os mesmos que se constitúen en primeira liña de cobate contra o mal exemplo dos que ousan poñer no gume da historia a orde das vidas e das cousas. O que diferencia Kosovo de Macedonia, alén da terminoloxía, é o escarmento do mal exemplo. A metáfora segue a serlle útil ó capital. E como hoxe non hai mal exemplo que combater, cómpre pacificar a rexión, recorrer ó diálogo, sentar con uns e outros para resolver civilizadamente o conflicto. Non se precisa a propaganda, que diga, a información. Os que onte ocuparon vangarda de combate contra o monstro serbio, iugoslavo, comunista, totalitario, nacionalista, xenófoba (segundo as necesidades dos discursos), hoxe sábense vencedores en Macedonia. Xa non é necesario que xornalistas, especialistas, opinadores, observadores, intelectuais e profesores se sintan albaneses. Certas organizacións pacifistas e antimilitaristas escusan manifestarse, non precisan esixir autodeterminación para os albaneses de Macedonia. Ningún comentarista político terá que reclamar para eles a independencia. Daquela si, porque non era comparable o réxime dictatorial iugoslavo coa brillante democracia española exemplar que todo o concede, sempre que non sexa o dereito de un pobo decidir libremente o seu futuro. E os lingüistas de última fornada, amantes do alleo, escusan albanizar Tetovo. Abondou con Kosova, ese exercicio de asimilación idiota dun dislate histórico e lingüístico. Tetova quedaría feo, ¿que non? Contra o final, a OTAN demostraranos a súa mellor xustiza ó conseguir a súa paz entre macedonios e albaneses. Perda, pois, o lector a esperanza dunha reinterpretación histórica dos feitos ocorridos contra Iugoslavia desde o esborrallamento da vella República Socialista, culminados no xenocidio de hai dous anos. Este é o inferno de Dante. Aquel que entre, perda toda esperanza de saír da categorización do ben e do mal. Só escoitará o perigo, ó que se amecen as consecuencias do nacionalismo excluínte, da xenofobia (que nos explique Enrique Múgica o significado de xenofobia). No mellor dos casos, obterá o silencio. E nestes tempos de ruído, o silencio é un ben precioso e escaso. Sempre é mellor a elocuencia do silencio có ruído da morte das ideas. Pero, ó final, ¿que pasa con Macedonia? Nada. Os nomes non designan as cousas nin os feitos. Son creación do poder. Se no canto de Macedonia dixeramos Kosovo, os voceiros xa terían resposta. Daquela foi protagonista a parte: Kosovo. Interesou convertela en todo, referencia. O rato adentaba un pouco máis Iugoslavia. Hoxe, Macedonia. Xa foi parte, agora é todo. A sinécdoque criminal, irmá da metáfora categorizadora. Os que onte foron kosovares, a parte con dereito ó todo, hoxe son albaneses. Indeterminación. Se onte se falou de estado totalitario, hoxe non se fala de conflicto entre totalitarismo e democracia. Se onte se citou dereitos de minorías, hoxe xa non existen as tales minorías. Madia leva. Se acaso aqueles expulsados do Kosovo albanés e occidental, liberado, minorías nacionais de diferentes procedencias, agrupadas todas na categoría dos xitanos, pobo sen dereito á terra, como é sabido; reminiscencia racista. O que subscribe estas liñas non é un especialista en política internacional. Nunca o pretendeu ser. Tampouco nunca quixo renunciar a opinar e edificar unha idea das cousas sen ter por qué recorrer necesariamente á información; se acaso á contrainformación, a outra verdade das cousas e dos feitos. Os tempos tenden a virar certas cousas, e hoxe podemos estar a ver en Macedonia cómo tamén o presente esclarece o pasado. Poida que o que ocorre estes días non sexa tan diferente do sucedido en Kosovo. Quizais os protagonistas dunha banda, as súas intencións, estratexias e tácticas non difiran tanto. Pero mudou o escenario e as condicións, así que as multitudes reciben a orde, democrática, obviamente, de interpretar doutra maneira as cousas. Ou de non interpretalas, non pensalas, deixar que pasen coma o voo da gaivota co bico manchado do lixo que a alimenta. E eses suxeitos activos de orixe albanesa, con nomes e apelidos idénticos ós que hai dous anos se nos amosaban como loitadores pola liberdade dunha pequena nación asoballada, mudaron de inimigos. Daquela era o terror inxectado nos nosos ollos a unha gran nación serbia que ía perdendo as súas partes sen atopar a forma de o impedir. Todos contra Serbia. E quen non, ó paredón do esquecemento. Pregunten, se non, por Peter Handke, por Alain Badiou, por tantos outros. Hoxe os tribunais internacionais inda teiman en xulgar serbios. Só serbios. Non españois, ingleses, franceses, alemáns, norteamericanos. Non xulgan a Javier Solana, responsable de máis mortes que tódalas organizacións armadas da Europa Occidental. Mortes en directo. Mortes a distancia. Mortes con efecto retardado. Decida o lector destas liñas, en fin, cómo concluír a historia. Teña a liberdade de opinión que lle negan os que elaboran os textos e as ideas de televisións, radios e xornais. Venden en discurso dominante e pensamento cero a información tallada a golpes de maza e gubia dos donos do mundo. Pero permítame o lector unha última solicitude; dedíqueselle un só segundo de ideas ós sentimentos e pensamentos que a esta altura lles cruzarán a cabeza ós iugoslavos, ós habitantes de Belgrado, ás minorías nacionais expulsadas de Kosovo, ós que morreron e morren baixo as bombas e o uranio empobrecido, ós danos colaterais, ós familiares e ós amigos de tanto morto.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 03/04/2001 |